|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Son xa moitos, demasiados, os anos que as explotacións galegas dedicadas á produción leiteira están a padecer unha situación crítica, que ten a súa orixe primordial no xeito en que o Estado español -co PSOE de Felipe González no Goberno do Estado- se incorporou á Comunidade Económica Europea (CEE), xermolo da actual Unión Europea (UE). Esta incorporación, entre outras cousas, sacrificou as posibilidades económicas dos nosos sectores produtivos vinculados ao agro, a cambio de privilexiar outros, como os do Levante español. As actuais ‘cotas lácteas’ (que impiden que Galiza poida producir de acorde coas súas posibilidades) veñen de aí, e desa falta de poder político do noso país en todo o proceso de integración do Estado español na Europa do capital que se vén fraguando desde hai unhas décadas. Nun primeiro momento, aos nosos gandeiros pedíuselles, no nome do totémico Mercado Común Europeo e da ínclita modernización, un enorme esforzo económico destinado á mellora e maior rendibilidade das súas explotacións, ao tempo que se ía limitando a súa capacidade de producir. O resultado, máis que palpábel nestas dúas décadas, foi o peche de centos e centos de explotacións, totalmente afogadas economicamente e sen posibilidades de supervivencia, pola presión da Política Agraria Común (PAC) ditada pola gobernanza europea e polos nulos intentos dos diferentes gobernos, estatal e galego, de evitar estes peches de explotacións. Cada día que pasa o noso agro segue a perder peso na economía galega e consecuentemente é cada vez menor o número de xente vinculada ás actividades agrarias. E non por vontade expresa destes homes e mulleres que abandonan o que non foi nin máis nin menos que o seu medio de vida durante xeracións, con todo que iso o significa xa non a nivel persoal, senón social, cultural, mesmo lingüístico... É o actual modelo económico-produtivo, xunto coa falta de soberanía da nación galega, o que impide subverter esta situación que se prolonga xa demasiado tempo. Os sindicatos agrarios anuncian mobilizacións para os próximos días, intentando que as industrias leiteiras entren en razón e non volvan impor novas baixadas no prezo do leite. É unha escamaruza no medio dunha batalla, o dereito a producir dos nosos gandeiros e gandeiras, na que o novo Goberno investido polo pobo galego debe e deberá implicarse a fondo. Milleiros de familias no noso país seguen a ter o corazón nun puño por esta razón. Todos deberiamos compartir o seu desacougo.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/01/2006 |
||||
|