|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Con esa retórica tan terríbel como anacrónica, que segue a ser propia do devandito estamento por estes pagos, o militar español situábase rozando o ‘golpismo preventivo’ con advertencias como a que se reproduce na súa literalidade (tradución ao galego, á parte): “é a nosa obriga alertar das graves consecuencias que podería levar consigo a aprobación do Estatuto de Catalunya, nos termos en que está formulado, tanto para as Forzas Armadas (como institución), como para as persoas que as integran”. A seguir, o ínclito xeneral daba en invocar o artigo 8.1 da vixente Constitución española, o cal, como é ben coñecido, reza da seguinte maneira: “Artigo 8.1.- As Forzas Armadas, constituídas polo Exército de Terra, a Armada e o Exército do Aire, teñen como misión garantir a soberanía e a independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional”. As reaccións a estas declaracións desde o ámbito político -e outros- foron múltiples e diversas, comezando polo propio Goberno español que decidiu sancionar ao devandito xeneral, quen seica xa tiña confirmado o seu paso á reserva para o vindeiro de marzo. De entre estas reaccións a do Partido Popular, aínda que con posterioridade levemente matizadas, parecen situarse no esgrevio terreo da comprensión e da asunción dos contidos das palabras do militar. No seu particular paroxismo, chegaron a cualificar a intervención do xeneral Mena de “pronunciamento”, denominación que obviamente contén unhas connotacións de alzamento militar e, polo tanto, de golpismo puro e duro. É claro que o PP, cando menos a nivel estatal, segue a transitar polos lindeiros da dereita máis ultra e fanática. Estes mesmos días anunciábase que o seu núcleo ideolóxico, a FAES, co expresidente Aznar á fronte, ía dedicar os seus esforzos próximos ao combate da grande alternativa anti-neoliberal que camiña con paso firme en América Latina. Venezuela, Cuba, agora Bolivia... son obxectivos declarados para esta Fundación. Na hora de avaliar as palabras do xeneral Mena, tamén houbo dirixentes do gobernante PSOE que foron incapaces de condenalas na súa xusta medida e mesmo quixeron interpretar nestas o desacougo de sectores importantes da sociedade perante a cuestión territorial en discusión no Estado español. O alcalde herculino Francisco Vázquez, presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), foi dos que se situou aí, case desculpando a recalcitrante intervención do militar español. Así e todo, e máis alá do extemporáneo “ruído de sables” que as execrábeis palabras do xeneral Mena invocan, non se pode obviar que a Constitución española de 1978, na súa literalidade, dá ao Exército a potestade de intervir militarmente contra calquera das poboacións do Estado que quixera, mesmo democraticamente, exercer como tal o seu dereito á libre determinación, aínda amparándose no Dereito internacional vixente. Un déficit democrático da Carta Magna española -insólito nas constitucións dos estados europeos- que é demostrativo de que a para algúns modélica “Transición española” non foi senón a adaptación das vellas estruturas do réxime franquista ao novo escenario que o contexto europeo e internacional demandaba para a época. Por iso, alén da censura das palabras do xeneral Mena e da sanción correspondente, o que cumpriría abordar por parte dos representantes políticos españois é unha reforma da Carta Magna que a limpase de lixos e restroballos franquistas e que dese oportunidade aos diferentes pobos e nacións do actual Estado a decidiren democraticamente, por boca dos seus cidadáns e cidadás, o seu grao de vinculación do devandito Estado, mesmo que a decisión final destas nacións fose a creación de cadanseu estado propio, no simple exercicio da súa soberanía nacional. Calquera demócrata que realmente o fose non se debería negar a isto, só que infelizmente hoxe a democracia segue a cotizarse moi cara no Estado español. E mentres a dereita dá unha nova volta de parafuso ao seu fundamentalismo españolista, a autodenominada ‘esquerda’, cun PSOE altamente penetrado por ese ideario retrogradamente centralista e reaccionario, carece da valentía política para enfrontar o debate democrático do futuro territorial do Estado español e das nacións -si, nacións- que o configuran no actual momento histórico.
|
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/01/2006 |
|||||||
|