Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 7 de xaneiro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Sempre Cuba

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Cuba resiste porque o seu pobo resiste, e tamén hai unha ética revolucionaria que impregna tanto a boa parte da sociedade cubana como aos seus dirixentes políticos e sociais. Se non fose así, a Revolución cubana hai anos que sería unha quimera.



  Fidel Castro, clic para aumentar
Hoxe xa vemos que Cuba non camiña tan soa. Para nada. Venezuela e Bolivia abrazan a illa e, desta volta, non é para estrangulala. Outros países -moitos- admírana. Algúns máis respéctana. E sobre todo, sobre todo, sempre haberá homes e mulleres a mancheas en todo planeta que camiñen acompañando a Cuba e a súa Revolución. Ás veces, máis ergueita, outras menos. Pero sempre aí.
 
O primeiro día do novo ano trae como conmemoración o 47 aniversario da Revolución cubana. É un feito case propio do chamado realismo máximo que esta Revolución, a da illa caribeña, sobrevivise como tal a só 90 millas da voracidade do imperio. Lembra o escritor uruguaio Eduardo Galeano, non sen certa retranca, que non pasa ano sen que os ianquis, o seu goberno do momento, non anuncien a caída da revolución e de Fidel. Pero non caen. Poden tropezar -e así o ten feito a Revolución cubana- mais caer non caen.

A revolución cubana, tan controvertida para certa esquerda, é desde logo unha revolución en marcha que conta co respaldo da maioría social do pobo cubano, que prefire manterse no proceso revolucionario a sucumbir aos cantos de serea da sociedade de consumo capitalista. Nin os intentos de invasión militar nin o infame bloqueo á illa son quen de dobregar a vontade revolucionaria do pobo cubano, malia as penurias económicas existentes e non negadas -e si máis ben compartidas- pola dirección política do proceso revolucionario.

Cuba resiste porque o seu pobo resiste, e tamén hai unha ética revolucionaria que impregna tanto a boa parte da sociedade cubana como aos seus dirixentes políticos e sociais. Se non fose así, a Revolución cubana hai anos que sería unha quimera.

Certo é que o camiño emprendido desde o ano 1959 é o seu propio camiño, o que deben transitar os cubanos e cubanas, e calquera intento de calco por outro pobo estaría abocado ao máis que posíbel fracaso. Non hai moitos días que o propio Fidel lembraba isto a propósito do proceso que se abre en Bolivia, con Evo Morales e o MAS á cabeza. Só a eles, ao pobo boliviano, lles compete trazar o seu rumbo, solidariedades á parte. Como así veu sucedendo con Cuba.

Nunha Revolución todos os erros son posíbeis, ou case. Non hai ningún manual, ningunhas ‘sagradas escrituras’ que resolvan e atinen cos problemas que suscita unha experiencia como a dun proceso revolucionario. E aí a Historia oferece exemplos ao respecto. Tamén as dolorosas mostras de estrondos fracasos, dos que algunha aprendizaxe sempre cómpre tirar.

Por momentos nos seus 47 anos, pareceu que a Revolución cubana quedaba soa. Soa e abandonada á súa sorte por unha esquerda que, a nivel mundial, coñeceu a devacle das experiencias socialistas no Leste e se sentiu fortemente frustrada. Moitos deses homes e mulleres mesmo desertaron do seu ideario e abandonáronse ao escepticismo, cando non pasaron ao campo capitalista con armas e bagaxes. Mais Cuba seguiu aí. Apertando os dentes e practicando ese “socialismo posíbel” que o signo dos tempos demandaba.

Hoxe xa vemos que Cuba non camiña tan soa. Para nada. Venezuela e Bolivia abrazan a illa e, desta volta, non é para estrangulala. Outros países -moitos- admírana. Algúns máis respéctana. E sobre todo, sobre todo, sempre haberá homes e mulleres a mancheas en todo planeta que camiñen acompañando a Cuba e a súa Revolución. Ás veces, máis ergueita, outras menos. Pero sempre aí.


Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/01/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta