Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 24 de xaneiro de 2006

Multiculturalidade sen multinacionalidade?
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Turista Galiza non é España, clic para aumentar
Turista Galiza non é España. Lugo. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
O termo multiculturalidade está de moda. Coma todos os termos “estrela” non ten unha definición nin unha interpretación uniforme. O caso é que dende Galiza ou dende calquera das nacións sen Estado que formamos parte do Estado español a enxurrada de inmigrantes agachou un dos nosos problemas fundamentais: O recoñecemento da nosa nacionalidade e da nosa nación dentro do Estado español.

O recoñecemento por outro é a condición da identidade lograda. O individuo ten necesidade, para ser el mesmo, de ser recoñecido. Segundo a coñecida análise de Hegel, exixe o recoñecemento. Non podemos nin poderíamos definirnos por nós mesmos, temos necesidade dos que Taylor(1) chama “os outros significativos”.


Pluralismo cultural

Pluralismo cultural multiétnico
Pluralismo cultural multinacional

Existen dúas formas de pluralismo cultural nos Estados actuais, segundo o profesor da Universidade de Ottawa, Will Kymlicka(2), poderían chamarse pluralismo cultural multiétnico e o pluralismo cultural multinacional. É un lugar común, hoxe, afirmar que as sociedades modernas se están volvendo a pasos axigantados en sociedades multiculturais; porén, o adxectivo “multicultural” abrangue xeitos diferentes de pluralismo cultural.

Temos deste xeito dous modelos de diversidade étnica, o multiétnico e o multicultural. Unha fonte de diversidade cultural é a coexistencia de máis dunha nación nun mesmo Estado, onde o termo “nación” alude a unha comunidade histórica, máis ou menos completa institucionalmente que comparte un determinado territorio e comparte unha lingua e cultura distintas. Unha “nación” neste sentido sociolóxico está intimamente vencellada á idea de “pobo” ou “cultura”.

  Cataluña non é España, clic para aumentar
“Catalonia is not spain”, autoafirmación ante a negativa de recoñecemento por parte dos españois.
 
Velaí que un país que contén máis dunha nación non é un Estado-nación senón un Estado-multinacional no que as culturas máis pequenas constitúen “minorías nacionais”.

A incorporación de nacións diferentes ao dun único Estado pode ser de xeito involuntario, como pode ser por unha invasión ou unha cesión imperial ou por unha invasión de colonos.

Mais a formación dun Estado multinacional tamén pode ser de xeito voluntario, cando culturas diferentes aceptan formar parte dunha federación en beneficio mutuo.

Moitos Estados occidentais son multinacionais. Estados Unidos ten diversas minorías nacionais coma os pobos nativos, os esquimós de Alasca, os portorriqueños, os descendentes de mexicanos (chicanos) que vivían nos estados anexionados de Nuevo México, Texas e California, os hawaianos ou os chamorros de Guam. Todos estes grupos foron incorporados involuntariamente aos Estados Unidos mediante a conquista, colonización ou cesión imperial. No seu momento, de ter un equilibrio de forzas distinto terían establecido eles mesmos gobernos independentes. Hoxe, só algúns portorriqueños e algunhas tribos indias falan de independencia, aínda que a meirande parte destas nacións non procuran abandonar os Estados Unidos senón procurar unha autonomía no seu seo.

No momento de seren incorporados, a meirande parte destes grupos adquiriron un status político especial. As tribos indias son recoñecidas coma “nacións domésticas dependentes” cos seus propios gobernos, tribunais e dereitos vencellados aos tratados. Puerto Rico é unha “comunidade asociada” e Guam un “protectorado”. Cada un destes pobos está federado á república de Estados Unidos mediante uns poderes especiais de autogoberno e uns dereitos específicos de grupo no que se refire ao emprego da lingua e ao uso da terra.

  Nativo americano, clic para aumentar
Nativo americano. En EUA teñen a consideración de nacións domésticas dependentes.
 
En resumo, as minorías nacionais nos Estados Unidos posúen unha serie de dereitos destinados a reflectir e protexer o seu status coma comunidades culturalmente distintas, dereitos que eles mesmos como nacións loitaron por preservar e amplar.

En conxunto representan unha minoría e están xeograficamente illados. O seu papel é marxinal na autoidentificación dos estadounidenses, sendo incluso a súa existencia ou os seus dereitos de autogoberno ignorados, ás veces polos políticos e polos estudosos estadounidenses.


O caso canadense

En Canadá existen tres grupos nacionais distintos, que son ingleses, franceses e aborixes. A incorporación de franceses e aborixes á comunidade política canadense foi involuntaria. Os territorios indios foron invadidos polos colonos franceses, que á súa vez, foron invadidos polos ingleses.

Mentres que a posibilidade e o desexo dos quebequeses de secesión e independencia é moi real, para as comunidades aborixes nacionais, o desexo é o de renegociación do seu status dentro da Federación.

Moitos outros Estados occidentais son multinacionais, Finlandia, Nova Celandia, o Estado español, Bélxica, Suíza, etc.


  Indicadores de Córcega, clic para aumentar
Indicadores de Córcega.
 
Inmigración

A outra fonte de pluralismo cultural está constituída pola inmigración. Un Estado terá pluralismo cultural se acepta coma inmigrantes a un gran número de homes e mulleres doutras culturas e permite que manteñan algo da súa particularidade étnica.

A inmigración sempre foi unha imparte importantísima da realidade multicultural de Australia, Estados Unidos e Canadá, países, os tres, que posúen máis da metade da inmigración legal do mundo.


Anglo-conformidade

Até 1960, esperábase que toda a inmigración que chegase a estes tres países apartasen o seu trasfondo distintivo e se asimilasen ás normas culturais existentes. A este modelo de inmigración coñecíaselle como “anglo-conformidade”. De feito, a moitos grupos denegábaselles a entrada se eran considerados inasimilábeis, como por exemplo as restricións á inmigración chinesa a Estados Unidos ou Canadá ou o “só brancos” da política inmigratoria australiana.

A asimilación era vista coma unha fonte de estabilidade política e racionalizábase mediante a denigración etnocéntrica das outras culturas. Este compromiso coa anglo-conformidade foi sistematicamente agochado polo popular “crisol” estadounidense ou polo “mosaico étnico” canadense. Mentres que o “mosaico étnico” supón un respecto pola integridade das culturas inmigrantes, na práctica só significaba que os inmigrantes ao Canadá podían elixir entre dúas culturas dominantes para asimilarse.

  Soldados estadounidenses en Guam, clic para aumentar
Soldados estadounidenses na invasión de da ex colonia española no Pacífico, Guam.
 
Porén, a comezos dos setenta, baixo a presión de grupos de inmigrantes, tanto Estados Unidos como Canadá e Australia rexeitaron o modelo asimilacionista e adoptaron unha política máis pluralista e tolerante que permite e chega incluso até a animar aos inmigrantes a preservar algúns aspectos da súa herdanza étnica.


Nacións e grupos étnicos culturais

Agora é ampla, aínda que non unánime, a aceptación de que os inmigrantes deberían ter a liberdade de manter algúns vellos costumes, como por exemplo na comida, na vestimenta, na relixión ou asociarse para manter esas prácticas, isto xa non é considerado antipatriótico ou, como di Kymlicka, “pouco americano”.

O propio Kymlicka subliña que estes inmigrantes non son “nacións” porque non teñen un territorio propio. A súa diferenza maniféstase, principalmente, na súa vida familiar e nas súas asociacións voluntarias, sen que sexa incompatíbel coa súa integración institucional.

Os grupos de inmigrantes participan nas institucións públicas da cultura dominante e falan a lingua dominante. Os inmigrantes, por exemplo, excepto os máis anciáns, deben aprender inglés para adquiriren a cidadanía estadounidense ou australiana, e a aprendizaxe do inglés é parte obrigatoria da educación do neno. En Canadá deben aprender unha das dúas linguas oficiais.


  Identidade quebequesa, clic para aumentar
A identidade quebequesa é minguada polo centralismo anglo canadense.
 
Preservación dunha lingua común

O compromiso coa preservación dunha lingua común foi unha constante da historia das políticas de inmigración. O caso dos Estados Unidos é a mostra, ningún dos antigos imperios políglotas do vello mundo se atreveu a impor de xeito tan implacábel unha soa lingua ao seu pobo como o fixo Estados Unidos coa súa dedicación á proposición que mantén que todos os homes naceron iguais(3).

O rexeitamento da anglo-conformidade non supuxo un debilitamento do compromiso para asegurar que os inmigrantes se fagan anglófonos, algo considerado esencial se desexan incorporarse á vida económica, académica e política do país.

Na teoría os inmigrantes terían a posibilidade de constituírse en minorías nacionais se asentasen conxuntamente e adquirisen competencias de autogoberno. Así aconteceu cos colonos ingleses en Estados Unidos, cos españois en Puerto Rico ou cos franceses en Quebec. Estes colonos non se consideraban a si mesmos inmigrantes, pois non tiñan a expectativa de integrarse a outra sociedade, senón que máis ben aspiraban a reproducir a súa sociedade orixinal a un novo territorio. Este é un trazo determinante e esencial da colonización, distinta a inmigración individual, trazo que consiste na pretensión de crear unha sociedade institucionalmente completa, máis que integrarse a outra preexistente.

A inmigración non é só un fenómeno do chamado “Novo Mundo”. Moitos outros países aceptan inmigrantes aínda que non nas mesmas cantidades que EUA, Canadá ou Australia.

Dende a segunda guerra mundial Francia, Holanda e a Gran Bretaña aceptaron inmigrantes das súas ex colonias. Outros aceptaron moitos refuxiados como Suecia e outros, como Alemaña, tiveron “traballadores convidados”, considerados inicialmente como residentes temporais que terminaron converténdose en inmigrantes de facto. Tamén o Estado español recibiu nestes últimos catro anos unha morea nunca antes coñecida de inmigrantes.

Un Estado pode ser, asemade, multinacional e multiétnico. Así EUA, Canada, o Estado español...

Porén, os termos multinacional e multiétnico son menos populares que o termo “multicultural”, a pesar de que este termo pode ser confuso, pois se sitúa entre o multinacional e o multiétnico.

Esta ambigüidade do termo “multicultural” trouxo as críticas inxustificadas, contra, por exemplo a política multicultural do goberno canadense, que é o termo empregado por este para denominar a súa política dende os setenta para promover a multietnicidade.

Moitos franco-canadenses opuxéronse á política do “multiculturalismo” porque din que reduce as súas reclamacións de índole nacional ao mesmo nivel que a etnicidade da emigración.

Outros ven todo o contrario, afirmando que esta política trae o perigo de considerar os grupos de inmigrantes coma nacións, apoiando con esta política o desenvolvemento de culturas institucionalmente completas xunto á inglesa e francesa.

O “multiculturalismo” non é máis que unha política de apoio á multietnicidade no seo das institucións (neste caso canadenses), e como o termo “multiculturalismo” convida a este tipo de confusión é preferíbel o emprego dos termos multinacional e multiétnico.


Nación?

É importante sinalar que as nacións, sexan do grupo nacional maioritario ou unha minoría nacional, non se definen en termos de raza ou ascendencia. Debido ás altas taxas de inmigración durante os derradeiros 150 anos, o número de americanos ou canadenses anglófonos de ascendencia exclusivamente anglosaxona é unha minoría en constante descenso.

As minorías nacionais son cada vez máis multiétnicas e multirraciais, así acontece cos franco-canadenses, cunhas altas taxas de inmigración. O número de franco-canadenses de ascendencia exclusivamente francesa está diminuíndo constantemente. Así, cando falamos de minorías nacionais, non falamos de grupos raciais ou de ascendencia, senón de grupos culturais.


O acomodo da diversidade

A inmigración e a incorporación de minorías nacionais son as principais fontes de diversidade multiétnica nos Estados modernos, na súa meirande parte, aínda que non todos, os grupos etnoculturais poden clasificarse nunha ou noutra das categorías, a excepción da poboación negra nos Estados Unidos(4).


Os inmigrantes

Moitos grupos inmigrantes, principalmente desde os setenta, exixiron un maior espazo para as súas diferenzas etnoculturais. Por exemplo pediron o recoñecemento das festas relixiosas xudías e musulmás nos programas escolares; exencións nas normas do vestir ditados polos colexios ou os gobernos, de xeito que as mozas musulmás poidan levar a cabeza cuberta e os mozos xudeus ou sijs poidan vestir a iarmulca ou o turbante. Un maior recoñecemento do papel dos grupos étnicos nos manuais escolares de historia e unha representación proporcional dos grupos étnicos na policía e nos órganos de goberno. Ningunha destas exixencias ten o desexo de estabelecer unha sociedade autónoma separada da sociedade principal. Polo contrario perseguen reformar as institucións principais para facer que os grupos de inmigrantes estean integrados.

Nos países onde os inmigrantes son obxecto de graves prexuízos e de discriminación legal, e por ende, onde a plena igualdade no seo da sociedade principal é inaccesíbel, existe maior probabilidade de que os inmigrantes persigan a creación dunha sociedade separada e autónoma á marxe da sociedade principal. Kymlicka pon coma exemplo que se o goberno alemán persistise na súa negativa a conceder a cidadanía aos residentes turcos (e aos seus fillos e netos) será previsíbel que presionen para conseguir maiores cotas de autogoberno, se cadra mediante formas cuasi-federais ou consociativas de concesión de poderes, co fin de crear e perpetuar unha sociedade separada e autónoma á marxe da sociedade alemá á que se lles negou o acceso. Mais este non é o desexo dos turcos, que como outros inmigrantes en sociedades occidentais, o que procuran é converterse en membros plenos e iguais da sociedade alemá.


As minorías nacionais

A situación das minorías nacionais é moi distinta. Na maioría dos estados multinacionais as nacións que os compoñen exixen algún xeito de autonomía política para o desenvolvemento pleno e libre das súas culturas e os intereses dos seus pobos. Demandan determinados poderes de autogoberno que aseguran non ter entregado coa súa incorporación (a meirande parte das veces involuntaria) a un Estado máis malo. Nun caso extremo, as nacións poden chegar a desexar a secesión se pensan que a súa autodeterminación é imposíbel no seo do Estado maior.

Un posíbel mecanismo para recoñecer as exixencias do autogoberno é o federalismo.
Mediante a actual división de poderes en Canadá, a provincia de Quebec, francófona nun 80%, ten unha ampla xurisdición sobre cuestións que son importantísimas para a supervivencia da sociedade francófona, incluíndo o control sobre a educación, o idioma, a cultura así como sobre a inmigración.


Federalismo estadounidense, o federalismo homoxeneizador e centralista

Así como o federalismo é cada vez máis considerado coma unha solución para os problemas dos Estados multinacionais, moitos sistemas federais xurdiron por razóns distintas á diversidade etnocultural. O paradigma é Estados Unidos de América, que non amosa esforzo ningún por dar resposta ás aspiracións de autogoberno das minorías.

Os colonos ingleses dominaron por completo as trece colonias orixinais que despois formarían os Estados Unidos. Despois da independencia comeza a carreira cara ao oeste, ao sur e cara ao Pacífico. Cada avance incorporaba ao goberno dos Estados Unidos territorios de pobos xa establecidos e etnoculturalmente distintos, incluíndo as tribos indias, os chicanos, os esquimós de Alasca, os hawaianos, portorriqueños e chamorros. A cada incorporación xurdía a pregunta de se o sistema federal estadounidense debía aceptar o desexo de autogoberno deses pobos.

No século XIX cabía a posibilidade de crear estados indios ou chicanos ou portorriqueños ou hawaianos. No momento de seren incorporados, estes estados, tiñan unha poboación maioritariamente autóctona. Porén, tomouse deliberadamente a decisión de non usar o federalismo para artellar os dereitos de autogoberno das minorías nacionais. No seu lugar decidiuse que ningún territorio sería aceptado como estado a menos que estes grupos nacionais fosen superados en número dentro dese estado. Nalgúns casos fíxose adiando a estatalidade até que os anglosaxóns superasen abrumadoramente os outros habitantes (Hawai, California, Texas) ou deseñando fronteiras de xeito que as tribos indias ou os grupos hispánicos quedasen en minoría (Florida).

Como resultado, ningún dos 50 estados pode considerarse que asegure o autogoberno dunha minoría nacional do xeito que Quebec asegura o goberno dos quebequeses.

Así, en lugar de axudar ás minorías nacionais, o federalismo estadounidense empeorou a súa situación. Ao longo da maioría da súa historia, chicanos, tribos amerindias ou os nativos hawaianos recibiron mellor trato do goberno central (federal) que do goberno dos estados.

Os gobernos dos estados son controlados polos colonos, que ven nas minorías un obstáculo para o seu propio asentamento e para o desenvolvemento (espolio?) dos recursos naturais, de xeito que presionaron para erradicar as institucións políticas das minorías, baleirar os dereitos recollidos nos tratados e quitarlles os seus territorios históricos. Mentres que o goberno central ten sido, por suposto, cómplice, moitas veces intentou evitar estes abusos como foi a pretensión de George Walker Bush de explotar o petróleo de Alaska.

O federalismo en Estados Unidos foi adoptado co fin de evitar que a democracia liberal dexenerase en tiranía, coa idea de que o goberno debe ser limitado e dividido co fin de diminuír a ameaza aos dereitos individuais.

O federalismo como goberno dentro dos Estados multinacionais non pode utilizar como exemplo o federalismo dos Estados Unidos, senón todo o contrario, porque as unidades federais (estados) foron deliberadamente manipuladas para que non puideran alcanzar o autogoberno a través do federalismo.


O federalismo multinacional

Teoricamente, unha comunidade cunha minoría nacional na que sexa maioría sería un punto de partida para o autogoberno. Velaí os caos de Quebec, Galiza, Euskadi, Cataluña.

Dentro dos Estados actuais non todas as realidades (federais ou autonómicas) responden a este principio de minoría nacional maioría na subunidade.

En Canadá, só Quebec asegura o autogoberno dos quebequeses, as outras nove provincias son división rexionais (non nacionais) no seo do Canadá anglófono. Igual acontece con Cataluña, Galiza e Euskadi, que aseguran o goberno de minorías nacionais, mentres que as outras 14 comunidades autónomas son divisións rexionais dentro do grupo nacional maioritario(5).

Tanto en Canadá como no Estado español, algunhas unidades reflicten o desexo das minorías nacionais por manterse como sociedades autónomas cultural e politicamente diferenciadas e perseguiren cada vez poderes máis amplos, mentres que as outras é probábel que non fagan o mesmo. Estas últimas, as de carácter rexional, pode incluso acontecer que acepten unha redución gradual de poderes.

A maioría de anglo-canadenses rexeitan a idea dun “estatuto especial” para Quebec. Conceder dereitos especiais a unha provincia por posuír unha base nacional, din eles, é igual a denigrar dalgún xeito as demais provincias e crear dúas clases de cidadáns.

As democracias liberais están fortemente comprometidas co principio de igualdade das persoas. Mais a igualdade entre os cidadáns individuais non exixe un poder igual para as unidades federais. Polo contrario, a concesión dun estatuto para as unidades baseadas nacionalmente pode ser considerada coma unha promoción da igualdade, pois asegura que a identidade nacional das minorías recibe o mesmo coidado e respecto que a nación maioritaria.

Na medida en que os anglo-canadenses consideren o goberno central coma o seu goberno “nacional”, o respecto da súa identidade nacional exixe o apoio dun goberno central forte; na medida que os quebequeses consideren a Quebec coma o seu goberno nacional, o respecto da súa identidade nacional exixe o apoio dun goberno provincial forte. Conciliar estas diferentes identidades a través dunha relación asimétrica non implica caer nunha falla de respecto ou cometer unha discriminación.

Os anglo-canadenses a miúdo preguntan aos quebequeses “por que non podemos ser todos canadenses en primeiro lugar e membros das provincias despois?”, sen decatarse de que isto supón pedir aos quebequeses que subordinen a súa identidade nacional, mentres que para os anglo-canadenses sinxelamente significa fortalecer a súa identidade nacional fronte a súa identidade rexional.


Epílogo a prol dos Estados multinacionais

Nos derradeiros 55 anos os checos perderon, como cohabitantes nun fogar común, aos alemáns, xudeus, rutenos, húngaros e eslovacos. Agora son, en efecto, un país etnicamente depurado, aínda que esta non era a súa vontade. Isto constitúe unha gran perda intelectual, cultural e espiritual e é particularmente certo se consideramos a Europa central, que é unha especie de mosaico. Turisticamente aínda viven os checos da gloria de Praga, que era unha cidade checo-alemá-xudea e a súa cultura está chea da cultura alemá e xudea. Hoxe a Chequia de hoxe, non é a sombra do que fora un país, verdadeiramente multinacional e multicultural.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
 

 
Notas:

(
1) Charles Taylor, “Identidade e recoñecemento” conferencia impartida no Centro Cultural de Cerisy La Salle (Francia) en xuño de 1995.

(
2) Wyll Kymlicka, “Federalismo, nacionalismo e multiculturalismo” RIFP, Madrid, 7 de maio de 1996.

(
3) Geral Jhonson en “Our English Heritage”, Westport, Greenwood Press, 1973, páx. 119. Sobre a historia dos dereitos lingüísticos nos Estados Unidos de América, cfr. Glenn Kloss, “The American Bilingual Tradition”, Rowley, Newbury House, 1977. Os dous sinalan que a imposición do inglés foi máis “implacábel” para as minorías nacionais que para os inmigrantes, xa que os inmigrantes esperaban integrarse, mentres que impor o inglés ás minorías nacionais exixía o desmantelamento coercitivo de vellas institucións educativas, políticas e xudiciais nas que se empregaba a lingua materna da minoría.

(
4) Os afroamericanos son un grupo etnocultural non encadrábel dentro destas categorías. Non son inmigrantes voluntarios, senón que ademais se lles impedía integrarse nas institucións da cultura maioritaria como por exemplo contra a segregación racial, as leis contra a mestizaxe e contra a alfabetización. Tampouco non son minorías nacionais pois non teñen territorio propio ou unha lingua histórica común. Non se lles permitiu manter a súa cultura e toda asociación de negros, exceptuando as igrexas, era ilegal.

(
5) Non todas, exactamente, son divisións rexionais, senón que malia seren sociedades culturalmente distintas, non se autodefinen como “nacións” distintas. Velaí o caso das Illas Baleares, Valencia e Asturias nas que se falan linguas e dialectos. Porén, moitas das comunidades autónomas non teñen grupos etnoculturais ou lingüísticos distintos.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta