|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Engade Ventoso que a condena de Saramago ao consumismo é compartida por “multitude de militantes da corrección política, que mudan de ‘buga’ (automóbil) innecesariamente cada seis anos e son máis frívolos que o perruqueiro de Guti”. Para Ventoso, de La Voz de Galicia, os adeptos á seita de Saramago (incluídos os que superan en frivolidade ao perruqueiro de Guti, que son centos de milleiros) engaden que “a xente vive por riba das súas posibilidades e isto vaise a pique xa”. Agora Ventoso chama a atención a tanto espantallo que vai de moralista. Nun abrir e pechar de ollos di que sen consumismo non existe economía, nin traballo, nin perruquerías, nin dvd, nin batidos baixos en calorías, nin máquinas fotográficas dixitais... Ventoso di tamén que grazas a ese consumismo desaforado, redundancia, países como a República Popular China, Brasil, India ou Corea din até logo á miseria. Ventoso di que a pesar dos mil veces máis frívolos que o perruqueiro de Guti, o trasnoitado de Saramago e catro insomnes ecoloxistas nunca vivimos tanto e tan ben coma hoxe, e remata a súa chamada de atención a Saramago preguntándolle se vende os seus libros en librarías de barrio ou en centros comerciais.
Ventoso, ti non cres o que escribiches. O consumismo non é o inimigo da esquerda, senón o inimigo da humanidade. Non é territorio da esquerda estar contra o consumismo. Moito máis, e con maior vehemencia está a Igrexa Católica e todas as relixións. Non por iso o Papa deixa de usar un bo coche e boas roupas. Tampouco Bieito XVI vende (ou agasalla) os seus libros nas favelas de Rio de Janeiro ou nas vilas miseria de Bombai e prohibe que os seus máis de setenta libros publicados se vendan en librarías de centros comerciais. O consumismo no que vivimos non é só os dos centros comerciais. As persoas prostitúense hoxe non sempre por verdadeiras necesidades, senón por ter máis. Erich Fromm na súa obra O marxismo é un humanismo explicaba as fondas raíces do comunismo coa medra espiritual do ser humano. O mundo no que vivimos exalta o ter antes que o ser. As diferenzas entre o desenvolvido norte e subdesenvolvido sur son cada vez máis abismais. É mentira que o noso consumismo, dos centros comerciais do norte, axude a que os do sur produzan máis e vivan mellor. Convido a Ventoso a darse un paseo por Caracas, por Lima, por Rio, por Montevideo. O consumismo, o consumir por consumir, é unha actitude noxenta que non toma en conta ás 7/8 partes da poboación mundial á que estamos restando, non a súa posibilidade de consumir, senón de sobrevivir.
Por que isto se vai a pique? Non porque Saramago e os un millón de veces máis frívolos que o perruqueiro de Guti o digan, senón porque os recursos do planeta son reducidos e a minoría da poboación deste mundo que desfruta destes recursos está acabando coa posibilidade de que 7/8 partes da poboación poidan facer uso deles ou incluso que, unha vez acabados, as futuras xeracións do mundo desenvolvido poidan ter acceso a eles. É simple. As reservas de petróleo son as que son... non hai máis. O modelo de vida do capitalismo-consumismo é suicida para o medio natural, para a nosa vida. Mil millóns de chineses e mil millóns de hindús non poden vivir coma nós... acabarían co mundo. O ex presidente da OPEP en Viena foi o venezolano Alí Rodríguez Araque. A oposición política venezolana aseguraba que era presidente da OPEP debido ao seu pasado guerrilleiro. Eu entendo que pouco mérito terá para os países exportadores de petróleo sobrevivir hai corenta anos nas selvas venezolanas comendo saltóns para ser elixido presidente dese organismo por mor dese pasado. Iso é precisamente o argumentum ad hominem, querer facer do substantivo algo adxectivo e iso, aínda que moi pobremente, é o que fai Luis Ventoso coas súas críticas a Saramago e aos que teñen menos na cabeza que o perruqueiro de Guti. Por certo, quen é o culpábel do peiteado de Guti? Guti ou o seu perruqueiro? A vida no mundo pode facerse de xeito responsable. Que multitude de militantes da corrección política que cambian de automóbil innecesariamente cada seis anos e que sexan máis frívolos que o perruqueiro de Guti digan que o consumismo é malo non significa que sexa mentira. Matar é malo e un asasino ou un soldado estadounidense en Iraq poden aseveralo sen que por iso a súa aseveración sexa falsa. A idea de que a vida e o mundo que construímos neste consumismo-capitalista é mala non é exclusiva nin da esquerda nin da relixión. Os mesmos organismos que maman do teto do capitalismo así o recoñecen. A cosificación do ser humano e a súa perda de espiritualidade relixiosa, de militancia política e de fe nos ideais non vén pola acción dos apuntamentos de Saramago ou do Papa; eles simplemente observan e definen. O gran inimigo da Igrexa católica non é a esquerda, nin o comunismo nin a homosexualidade. O cancro que corroe as institucións vén do materialismo. Convido a Ventoso a que faga unha visita a Latinoamérica e vexa a xente participar en todo. Na militancia nas ideas políticas. Na militancia nas revoltas. Na exixencia de dereitos. Convido a que vexa a xente enchendo as igrexas católicas, protestantes... aínda están vacinados deste consumismo que xera soños de razón. |
|||||||||||||||
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/01/2006 |
|||||||||||||||
|