|
Actualidade CIG-Comunicación-
Transcorridos apenas sete meses desde o acidente laboral que lle custou a vida a Manuel Martínez Alvarellos, o 19 de xullo de 2005, volve acontecer outro accidente laboral, se cadra máis grave ao seren 2 traballadores as vítimas. Diante desta situación, Paulo Carril denuncia unha vez máis “a falta clamorosa e grave de todo tipo de medidas de seguridade e a nula atención que se presta á virulencia do mar nunha zona de alto risco como é Punta Langosteira”. A CIG non entende que volva a producirse un novo accidente con dúas vítimas: 1 traballador desaparecido e 1 traballador, Esteban Estebo Méndez, morto con 32 anos recén cumpridos.
Para evitar que se repitan accidentes destas características e para dirimir responsabilidades a CIG exixe a inmediata actuación da Inspección de Traballo e do Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e anuncia que fará chegar a estes organismos as oportunas denuncias. Ao mesmo tempo, demanda o procesamento xudicial dos responsábeis da UTE LANGOSTEIRA, que son os mesmos culpábeis do accidente mortal do mes de xullo de 2005. Paulo Carril pregúntase “cantas máis mortes ten que haber para que os culpábeis asuman a súa responsabilidade? Cantos máis atentados aos dereitos dos traballadores temos que aturar?”. O secretario comarcal da CIG de A Coruña lembra ademais que a Autoridade Portuaria é a titular da obra, pero “vemos como segue infravalorando as vidas humanas, porque en caso contrario tería esixido máis medidas de seguridade e tería feito un seguimento do Plan de seguridade das obras”. Neste sentido, Carril denuncia que a Autoridade Portuaria segue sen ter esclarecido o accidente de xullo de 2005. Ademais demanda a paralización das obras de forma indefinida mentres non se tomen medidas reais de seguridade. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/02/2006 |
||||||||||||
|