ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 17 de febreiro de 2006

O IV Congreso da FCM reelixe a Xosé Xoán Melón González como secretario nacional
A Federación da Construción asume a Saúde laboral como un dos piares da súa actuación

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  IV Congreso Contrución, clic para aumentar
Na súa intervención, o reelixido secretario nacional, Xoán Xosé Melón González, incidía na necesidade de manter e afondar nas relacións co sindicato do Norte da Construción da CGTP, co que se conseguiu asinar un protocolo logo de varias tentativas para tratar de controlar e contrarrestar as condicións de explotación nos contratos que se están ofrecendo aos traballadores portugueses.
IV Congreso Contrución, clic para aumentar
O reforzamento da organización, tanto externa como internamente, foi tratado non só polo secretario nacional da Federación senón tamén no resto das intervencións.
IV Congreso Contrución, clic para aumentar
IV Congreso Contrución, clic para aumentar
IV Congreso Contrución, clic para aumentar
O obxectivo que se fixa pois para o próximo período é o de revitalizar a Federación, organizándose de cara a dentro e de cara afora. “Unha Federación revitalizada, cunha chegada importante de traballadores, de seguro nos colocaría nunha mellor posición diante da patronal e á hora de encabezar calquera inciativa”. (Fotos: ©galizacig.com 04/02/2006).
O IV Congreso da Construción reelixe a Xosé Xoán Melón
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 6'19'', espazo en disco: 28.845.646 bytes [27,5 Mb]).
 
Xosé Xoán Melón González foi reelixido secretario nacional da Federación da Construción no IV Congreso celebrado o pasado sábado, día 4 de febreiro, en Santiago de Compostela. Na súa intervención Melón destacou a importancia da posta en marcha da Caixa de Resistencia, a necesidade de dar máis relevancia ao aspecto organizativo tanto interna como externamente e de incrementar a afiliación.

A alta eventualidade e rotación excesiva, os altos ritmos de traballo e as xornadas laborais de 10 ou 12 horas, a falta de formación e os baixos salarios caracterizan as condicións laborais que padecen os traballadores da construción. Condicións que se apuntan como causas da elevada sinistralidade laboral que padece este sector.

A esta situación hai que lle engadir o deterioro e desregulación das condicións laborais, favorecido pola cada vez máis elevada taxa de traballadores inmigrantes, chegados sobre todo de Portugal, que desenvolven a súa actividade neste sector nunhas condicións aínda máis precarias.

Esas condicións resúmense no informe de xestión presentado pola Executiva saínte da Federación da Construción da CIG en: xornadas de 11 e 12 horas, salarios de 4 euros por hora, sen dereito a vacacións ou a calquera outro dereito social, sen pagas extras, nin indemnización de fin de contrato.

Unha situación da que se acusa ademais aos “empresarios sen escrúpulos”, tanto galegos como portugueses, que se aproveitan da crise económica de Portugal e ás distintas administracións “coñecedoras desta situación” que “non fan nada nin por evitala nin por corrixila”.

Por iso, na súa intervención, o reelixido secretario nacional, Xoán Xosé Melón González incidía na necesidade de manter e afondar nas relacións co sindicato do Norte da Construción da CGTP, co que se conseguiu asinar un protocolo logo de varias tentativas para tratar de controlar e contrarrestar as condicións de explotación nos contratos que se están ofrecendo aos traballadores portugueses.

Ademais Melón fixo especial referencia á necesidade de darlle pulo entre os traballadores á Caixa de Resistencia, para que se valore e se lle dea a relevancia que ten a esta iniciativa posta en marcha pola CIG desde o 1 de xaneiro deste ano, logo de ser aprobados os seus estatutos polo Consello Confederal.


Reforzar a organización

O reforzamento da organización, tanto externa como internamente, foi tratado non só polo secretario nacional da Federación senón tamén no resto das intervencións.

Neste sentido, o informe de xestión subliña a necesidade de dar solución ás carencias organizativas. Carencias motivadas pola atención a conflitos e negociacións de todo tipo que absorben “a práctica totalidade da nosa acción sindical”.

O obxectivo que se fixa pois para o próximo período é o de revitalizar a Federación, organizándose de cara a dentro e de cara afora. “Unha Federación revitalizada, cunha chegada importante de traballadores, de seguro nos colocaría nunha mellor posición diante da patronal e á hora de encabezar calquera inciativa”.


Relación cos outros sindicatos

O informe salienta que nun principio, e motivado polo ininio da negociación do Convenio galego da Construción, “aos outros sindicatos, máis por obriga que por convencemento, non lles quedou máis remedio que sumarse á nosa proposta de traballar xuntos a prol dun convenio galego”. Pero unha vez frustrada esa posibilidade, rompeu calquera posibilidade de traballo conxunto.

Así, nos dous últimos anos a norma foi, tal e como se afirma no informe “que os sindicatos españois actuaran sempre, con ou sen pactos entre eles, pola súa conta” mentres a CIG o facía en solitario.

A respecto desta posición de CCOO e UGT, o informe valora que o traballo de CCOO caracterizouse polo “desnorte, con bandazos continuos que os levou desde a submisión máis vergoñenta en sintonía coas posicións da patronal, até o outro extremo, con posturas puntuais de demagoxia radical inxustificada”.

Canto á actuación da UGT, considérase que a súa posición foi máis “coherente” e que a súa debilidade destes últimos anos viu motivada pola pouca presenza real entre os traballadores, que fixo que andaran sempre a remolque “das pautas que lle veñen impostas desde Madrid, que os obriga a facer alianzas co outro sindicato estatal”.


Negociación colectiva

A importancia da Negociación colectiva centrou parte do debate, sobre todo, porque a posibilidade de asinar un convenio galego se frustrou “polas discrepancias internas, intereses particulares e cegueira permanente da patronal” e polas ataduras dos sindicatos estatais “das directrices que lle marcan desde Madrid”.

Para mellorar a eficacia na negociación a Federación apostou neste IV Congreso por “unificar as dinámicas de negociación en todo o país”, afirmándose que “o que vale para unha provincia, cos pequenos matices que se queiran, ten que valer para outra distinta, e o que vale para un convenio ten que valer para outro distinto”.


Eleccións sindicais

En comparación co proceso do ano 1999, incrementouse nun 3,1% a representación, gracias, sobre todo aos bos resultados de Pontevedra, Santiago e Vigo, posibilitando que se superara por vez primeira o 30% da representación total en Galiza.


Saúde laboral

A Saúde laboral é un aspecto especialmente delicado para a Federación da Construción, xa que se trata dun dos sectores máis castigados pola sinistralidade laboral, cun total de 47.369 accidentes laborais no ano 2004. Por iso, pártese de que este tema ten que ser “sempre considerado como un dos piares fundamentais na nosa actuación, e ao que lle temos que dedicar máis esforzo e implicación de todas as estruturas e corpo da afiliación da Federación”.


Nova Executiva

A nova executiva foi elixida con 71 votos a favor e 1 en branco e dela forman parte:

Xosé Xoán Melón González,
Xaquín Agulla Gómez,
Xan Losada González,
Vitorino Ares Prado,
Antonio Niño Saavedra,
Alberto Fernández Campo,
Vicente Moreira Sobrido,
Xulio Vicente González,
Marcos Sánchez Blanco.

Canto aos membros que representarán á Federación no Consello Confederal, foron elixidos, con 70 votos a favor, 1 blanco e 1 nulo:

Xosé Xoán Melón González,
Xaquín Agulla Gómez,
Xan Losada González,
Vicente Moreira Sobrido,
Antonio Niño Saavedra.

O secretario nacional, Xosé Xoán Melón González, foi reelixido con 70 votos a favor, 1 nulo e 1 branco.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta