ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 7 de febreiro de 2006

Incrementouse o nivel de produción da poboación asalariada, pero baixou o seu nivel de renda
Entre o ano 2000 e o 2004 Galiza perdeu posicións con respecto ao Estado e á UE
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Presentación Informe Economía, clic para aumentar
No ano 2000 á poboación asalariada correspondíalle o 48,5% da renda producida en Galiza. Esa cifra baixa no ano 2003 ao 48,1%. Diante destes datos, Natividade López Gromaz conclúe que “máis asalariados, porque nestes anos o seu número aumentou nun 7,8%, repártense catro décimas menos de PIB”. Como contrapartida, practicamente o mesmo número de empresarios repártense seis décimas máis de renda.
Presentación Informe Economía, clic para aumentar
Fermín Paz Lamigueiro, secretario confederal de Afiliación e Servizos e director do Gabinete Técnico Nacional, insiste en que “é precisamente nos sectores nos que máis medran os empregos -servizos, que incrementou un 56,3% e construción, que medrou un 11%- onde máis renda perden os traballadores como consecuencia do fenómeno da precariedade”. Porén, Paz Lamigueiro subliña que o sector no que máis medran os salarios é no dos directivos, que incrementaron o seu nivel de renda un 215%. (Fotos: ©galizacig.com 02/02/2006).
 
Galiza converxe lentamente co Estado español porque perde poboación. As disparidades coa UE increméntanse pero agóchanse tras do fenómeno da ampliación. A clase traballadora galega ve reducidos os seus ingresos malia incrementar o seu nivel de produción. Os únicos beneficiados deste incremento son os empresarios, que entre o 2000 e o 2004 viron medrar os seus ingresos. Estas son algunhas das conclusións que se tiran do traballo elaborado polo Gabinete de Economía da CIG, que foi presentado por Natividade López Gromaz e Fermín Paz Lamigueiro o pasado 2 de febreiro.

O 29 de decembro de 2005, o Instituto Nacional de Estatística (INE) facía públicos os datos de “Contabilidade Rexional de España 2000”. A partir destes datos, que van desde o 2000 até o 2004, o Gabinete de Economía da CIG elaboraba un pormenorizado estudo sobre a situación da economía galega no contexto europeo e estatal.

Segundo este estudo, Galiza foi das comunidades que menos incrementou o seu PIB entre os anos 2000 e 2004. Tal é así que mentres que na media do Estado, o PIB real se incrementou un 12,9%, en Galiza este incremento foi só do 10,6%, superando unicamente a Baleares, que tivo un medre do 7,7%.

Nese período, unicamente no ano 2004, ano Xacobeo, Galiza medrou máis que a media estatal. Un crecemento insuficiente para converxer, porque se cinguiu exclusivamente a ese ano. O resultado é que nese período perdemos peso no contexto estatal.

Esa perda de peso da economía galega é aínda máis grave tendo en conta que Galiza era “Rexión Obxectivo I”, polo tanto receptora de importantes cantidades en fondos procedentes da Unión Europea.


Perda de poboación

A leve mellora do PIB galego por habitante non viu provocada por unha mellora real da nosa economía, senón pola perda de poboación. “Aínda que se produza menos que no estado, se temos menos habitantes para repartir melloramos”, sinala Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía e autora do estudo.

Porén, malia non ter experimentado unha mellora real, no ano 2003, por efecto da ampliación, Galiza excede do 75% do PIB europeo, o que na teoría provocaría que deixara de ser Obxectivo I. Malia iso, no acordo sobre Perspectivas Financeiras da UE, para o período 2007-2013 acordouse que as rexións europeas que van ser Obxectivo I para ese período se determinasen sobre a base de datos transmitidos a EUROSTAT o pasado mes de abril, referentes ao período 2000-2002.

Ese acordo propiciou que Galiza manteña a consideración de Obxectivo I. Porén, con estes resultados é obvio, e así se recolle no traballo do gabinete Económico da CIG, que cumpriría mudar as políticas investidoras, cara investimentos máis perdurábeis, que modificasen a estrutura e permitisen un crecemento sostíbel e prolongado no tempo.


Perda de renda da poboación asalariada

No ano 2000 á poboación asalariada correspondíalle o 48,5% da renda producida en Galiza. Esa cifra baixa no ano 2003 ao 48,1%. Diante destes datos, López Gromaz conclúe que “máis asalariados, porque nestes anos o seu número aumentou nun 7,8%, repártense catro décimas menos de PIB”. Como contrapartida, practicamente o mesmo número de empresarios repártense seis décimas máis de renda.

A resposta está na cada vez maior precariedade que padece a clase traballadora galega, con salarios á baixa que redundan nun incremento de beneficios para a patronal. Como exemplo disto, López Gromaz lembra que entidades financeiras como o BBVA, incrementaron os seus beneficios nun 30% o ano pasado. “Caen os salarios pero a renda dos empresarios aumentou 10 puntos en tres anos”.

Paradoxalmente isto ocorre nun momento no que a produtividade do traballo está medrando. Por iso, Fermín Paz Lamigueiro, secretario confederal de Afiliación e Servizos e director do Gabinete Técnico Nacional, insiste en que “é precisamente nos sectores nos que máis medran os empregos -servizos, que incrementou un 56,3% e construción, que medrou un 11%- onde máis renda perden os traballadores como consecuencia do fenómeno da precariedade”. Porén, Paz Lamigueiro subliña que o sector no que máis medran os salarios é no dos directivos, que incrementaron o seu nivel de renda un 215%.


Precariedade

En función dos resultados do estudo, Fermín Paz cuestionase como é posíbel que “onde crece a economía e a produtividade, os acordos acadados polos grandes sindicatos coa patronal vaian destinados a favorecer a transacción de capital por parte dos traballadores ao empresariado?”.

O secretario confederal de Afiliación e Servizos e director do Gabinete Técnico Nacional insiste na perda constante de dereitos que provocan estes acordos e afirma que “baixo a coartada de crear máis emprego, temporal na maior parte dos casos, o conxunto dos traballadores ceden dereitos e salarios”.

Alén diso, a cada vez maior centralización da negociación colectiva provoca que os traballadores saiban cada vez menos do que ocorre cos seus contratos e cos seus dereitos laborais, “porque os grandes acordos a nivel de superestrutura, de patronal, goberno e grandes sindicatos deixan aos traballadores indefensos diante da patronal e da dirección da empresa no centro de traballo, porque todas as decisións lles veñen impostas”.

Por iso considera que é moi curioso que todas as organizacións sindicais e o propio goberno coincidan en que o principal problema do mercado de traballo é a precariedade e logo se sigan asinando convenios e reformas laborais, que son precisamente, os que provocan esta situación.


Condena á proposta de Reforma Laboral

A este respecto Fermín Paz condenou algunhas das propostas que parece xa se acordaron para introducir na nova reforma laboral que negocian CCOO-UGT-CEOE e goberno. Propostas que levan a Paz a considerar que “non se pode estar en contra da precariedade no discurso e, á utilización fraudulenta dos contratos de traballo, e ao tempo estar por ampliar o uso do contrato con despedimento por 33 días”.


Constitución europea

Do mesmo xeito entende que non se pode estar a favor da Constitución europea e agora mostrarse sorprendidos porque se aproben directivas como a Bolkestein que facilitan e abaratan o despedimento, favorecen a flexibilidade e permiten a deslocalización de empresas e que se apliquen aos traballadores as condicións laborais do país de orixe.


Diálogo social

Diante desta gravísima situación, que a CIG vén denunciando desde hai anos e que se constata en cada estudo que se realiza, Fermín Paz Lamigueiro advirte que a CIG estará expectante coas mesas de diálogo social que veñen de artellarse entre o goberno galego, as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT e a Confederación de Empresarios. “Non imos estar nese diálogo social para pórlle a sinatura a un acordo que non resolva estes problemas, que son os verdadeiros problemas da clase traballadora e do país”.

 
 
 
pdfdocA posición de Galiza respecto da contabilidade do Estado español

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/02/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta