|
Actualidade CIG-Comunicación-
Algúns delegados e delegadas facían referencia, nos pasillos, a que estes foran catro anos moi bos polo que a confrontación non tiña moito senso. O Congreso foi presidido, nun primeiro momento, pola Executiva saínte, integrada por: Clodomiro Montero, Sefi Romero Álvarez, Serafín Otero, Pablo Carreira, Xoan Campos, Pilar Cebreiro e Chema Montero; e de seguido proxectouse un vídeo, realizado por FESGA, no que se facía un rápido repaso a distintas loitas nas que a Federación de Banca e a CIG estiveron comprometidas durante os últimos catro anos. A continuación púxose a debate e votación o regulamento do Congreso e elixiuse a Mesa Presidencial, composta por: Xosé Ramón González Losada, Consuelo Lago, María Louro, Xosé Valcarcel e Xosé Manuel Cambón. O Regulamento foi aprobado pola unanimidade dos presentes.
Despois de cantar a Internacional, dando deste xeito por iniciado o Congreso propiamente dito, Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, dirixiu unhas palabras aos asistentes ao Congreso. Logo, o secretario xeral saínte da Federación de Banca, Clodomiro Montero, deu leitura ao informe de xestión da Executiva e Secretariado Nacional da Federación da Banca, que sería aprobado por unanimidade. De seguido debateuse o Relatorio de Organización e Estatutos, do que eran poñentes Serafín Otero e Sefi Romero. Había un total de 14 emendas apresentadas. Na súa exposición, Otero centrouse en destacar os avances dos últimos anos en afiliación, así como na importancia de manterse como primeira central sindical no sector de Banca, con 133 delegados e delegadas (un 41% de representación)... “Destacando os resultados no Banco Pastor, Banesto, BBVA e Banco Simeón... No sector de Aforro compre salientar o resultado en Caixa Galicia, onde acadamos sermos a primeira forza”. Dende o anterior Congreso a afiliación medrou nun 33,38%. A continuación, nun ton máis crítico, Otero indicou que hai por adiante grandes retos moi especialmente nos sectores emerxentes (por exemplo Telemárketing), onde había unha importante incorporación de mocidade, e as condicións laborais salientaban pola precariedade. Indicou que desde as grandes empresas cumpría facer un esforzo solidario para expandir a central neses novos subsectores. No plano estrictamente interno dixo que se quería darlle ás estructuras comarcais e ao Secretariado Nacional un gran pulo, xa que eran estructuras organizativas que permitían unha maior relación directa coa base da Federación, e polo tanto dar unha resposta máis axeitada aos problemas. Sefi Romero, pola súa banda, salientou que a reforma dos Estatutos era practicamente en todos os casos por corrección de erros ou mellora do texto, ou para adaptalos as necesidades de medre da Federación. Despois déuselle a palabra aos portavoces das emendas. A votación sobre o Relatorio de Organización foi a seguinte: votos a favor 97, ningunha abstención e ningún voto en contra. A votación sobre os Estatutos rexistrou os mesmos resultados.
Por último, xa polo seran, entrouse no debate das emendas ao Relatorio de Acción Sindical. Este relatorio estaba defendido por Clodomiro Montero e Gladys Afonso. A este relatorio estaban apresentadas un total de 12 emendas. Na súa intervención Clodo Montero fixo moito fincapé nos distintos retos aos que se enfronta a Federación, entre eles, unha nova reconversión como consecuencia da concentración de entidades e das grandes mudanzas demográficas como consecuencia do despoboamento dos concellos rurais. Engadiu que desta volta ademais non sería un proceso “brando” xa que as prexubilacións estaban sendo cuestionadas pola Unión Europea. Sobre os obxectivos de expansión fixo mención aos novos sectores nos que a Federación tiña grandes posibilidades, como os de Telemárketing, nos que traballan entre 4.700 e 6.000 persoas. Neste sector a media de idade está por debaixo dos 30 anos e un 72% son mulleres. Destacou as mobilizacións polo convenio durante o ano pasado, e a necesidade de aumentar a afiliación e a representación nun sector nos que hai unha gran precariedade laboral e onde un sindicalismo de clase forte é vital para garantir unhas condicións de traballo dignas. Non deixou ademais de nomear a outros subsectores como o de Rexistros ou de Oficinas e despachos. Por último centrouse na campaña a prol da utilización da lingua nacional galega nas entidades bancarias nas que estaba comprometida a Federación de Banca colaborando coa Mesa de Normalización Lingüística. Abriuse a continuación o debate sobre as emendas apresentadas. O relatorio foi aprobado por 97 votos a favor e ningún en contra e ningunha abstención.
En todos os casos apresentouse unha soa candidatura. Secretario Nacional, Clodomiro Montero Martínez (97 votos a favor e 2 en branco). Executiva Federal, Clodomiro Montero Martínez, Sefi Romero Álvarez, Xosé Mª Montero Blanco, Pilar Cebreiro del Río, Serafín Otero Fernández, (97 votos a favor e 2 en branco). Consello Confederal da CIG, Clodomiro Montero Martínez, Serafín Otero Fernández, Xosé Ramón González Losada, (95 votos a favor e 4 en branco).
Entre os convidados estaban o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que dirixiu unhas verbas no acto final ao Congreso, e os membros da Executiva Confederal, Antolín Alcantara, Fernando Sabio e Manuel Mera. Así como o secretario nacional da Federación do Metal, Miguel Malvido, de Químicas e Enerxía, Abelardo Landeira, de Administración, Carlos Crespo, e pola Federación do Ensino, Marta Dacosta; así como o secretario comarcal de Santiago de Compostela, Anxo Noceda. Dende a Mesa agradeceuse a colaboración do servizo de organización (Pilar, Uxío, Emilio e Sierra) e de Fernando Pol e Cesar Caramés pola súa colaboración na fotografía e filmación do evento. No Congreso estiveron ademais presentes as seguintes delegacións internacionais, que foron convidadas a dirixir unhas verbas aos presentes: Comissao Trabalhadores BBVA (Portugal) Luis Filipe Pinto, Joao Sobreira Bonito. Sindicato de Trabalhadores do Grupo Caixa Geral de Depositos –STEC- (Portugal) Joao Artur Fernandes Lopes, presidente, Manuel Alberto Fernandes, membro Dirección. ELA (Euskalerria) Juan Carlos Polo, responsábel de Banca e membro da Executiva, Mario Murias, delegado en Banesto. LAB (Euskalerria) Olatz Arozena, secretaria nacional sector Servizos, Joxean Urkiola, responsábel subsector Banca. Intersindical CSC (Catalunya) Josep Zaplana Arilla, secretario expansión sector Banca.
Interviron o secretario xeral da CIG, Suso Seixo e da Federación de Banca, Clodo Montero, reelixido para un novo período. Por último cantouse o himno da nosa Patria, o himno galego. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
![]() |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/02/2006 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|