Actualidade / Biografía Volver


A Coruña, 13 de febreiro de 2006

Denís Conles Tizado: Unha patria, dúas patrias, todas as patrias
 

Mónica Lázaro Jodar e Lois Pérez Leira-

cigmigra@arrakis.es



  Leandro Pita Romero, clic para aumentar
Denís Conles Tizado.
 
Tarde chegou a nova da morte de Denís Conles Tizado, quen sempre traballara pola súa Galiza idealizada e pola súa terra de nacemento en silencio. Así tamén se foi, falecendo hai uns anos na súa Córdoba de adopción, en silencio. Esta vez é a Internet a que nos conta da súa morte, xunto cunha nova da prensa do Brasil. Nin Galiza amada nin na súa Arxentina, de loita cotiá, souberon da súa morte. Malia iso, Denís Conles Tizado sempre estará no recordo dos que, coma el, seguen traballando en silencio polas patrias de todos.

O pai de Denís era Jesús Celestino Conles, nado no lugar de Conles, no Concello de Moraña (provincia de Pontevedra). Eran sete irmáns varóns e unha muller. A súa familia dedicábase á carpintaría fina e ademais posuían terras. A súa situación económica era desafogada en comparación coa pobreza reinante.

Un día Jesús foi a unha casa a realizar algúns traballos de carpintaría. Alí coñeceu a María Josefa Esperanza Tizado e namorouse dela. Tempo despois é coñecedor de que María Josefa viaxara a Bos Aires cun familiar. En realidade ela era orfa e vivía coas persoas que a criaran, pero como non a trataban ben un día decidiu partir cara á Arxentina. Jesús seguiuna ata Bos Aires, onde casaron. Vivían nun “conventillo” preto do barrio da Boca xunto a outros emigrantes galegos.

En Bos Aires o pai de Denís, que era carpintero torneiro, traballou nalgunhas carpintarías e nunha empresa navieira; tamén facía xoguetes de madeira. Jesús comproulle a María Josefa unha máquina de coser e ela dedicábase a facer pantalóns para un xastre.

Denís veu ao mundo un 7 de xaneiro de 1932 e ata os seis anos falou só en galego. Cando comezou a escola primaria tivo que aprender a falar español. Era fillo único. Os Conles Tizado non tiveron máis descendencia porque sempre quixeron retornar a Galiza e cunha familia numerosa sería difícil volver.

Cursou a primaria e logo a secundaria, aínda que non finalizou esta última (faltáronlle un par materias), porque estaba orientada ao comercio e, segundo palabras das súas fillas, “el detestaba o comercio”.

Cando estaba saíndo da adolecencia, incocorporouse ás actividades da colectividade galega. Naqueles tempos coincidiu cun grupo de mozos con sentimentos comúns, que sentían a Galiza cunha extrema paixón. O 23 de agosto de 1953 este grupo de mozos autoconvócanse no local do Centro Ourensán para fundaren as Mocedades Galeguistas. Entre os reunidos aquela tarde, alén de Denís Conles, estaba Xosé Neira Vilas, quen anos despois se convertería no escritor máis traducido da literatura galega. Tamén participaron Manuel Cordeiro, Antón Santamarina, Ricardo López, Emilio Adolfo Pita, Francisco Cupeiro, Carlos e Demetrio Abrairas, Clotilde Iglesias, Antón Moreda, entre outros. A asemblea de constitución nomeou a Antón Santamarina como presidente e como secretario xeral a Carlos Abraira. Entre os 6 puntos programáticos aprobados, salienta a pertenza á Irmandade Galega e o apoio a todo movemento tendente a obter a liberdade e o exercicio do dereito de autodeterminación da nación galega.

  Denís Conles Tizado, clic para aumentar
Alonso Ríos, Fernández del Riego, Suárez Picallo, e os membros das Mocedades Galeguistas: Adelina González, Denís Conles, Carlos Abraira e Roberto Veloso, en Bos Aires, 1954.
 
Na Asemblea do 2 de abril de 1955, nos locais da Sociedade ABC de Corcubión, Denís Conles Tinzado é elexido secretario xeral das Mocedades e director do seu periódico “Adiante”. Acompañárono na directiva Antón Moreda, Manuel Cordeiro, Xosé Casal, Francisco Cupeiro, Xosé Balandrón Carballo e Emilio Adolfo Pita. O sobranceiro galeguista Bieito Cupeiro sinalou: “A creación das Mocedades Galeguistas foi acollida con gran pracer en todas as franxas societarias da Galiza libre da emigración, que rapidamente lles abriron as portas das súas sedes para que nelas puidesen desenvolver sen impedimentos as actividades proxectadas...”.

Nesa época comezou a traballar no Banco Provincia de Córdoba, sucursal Bos Aires. Alí coñeceu a Sara Inés García Moyano, unha cordobesa que se foi a vivir a Bos Aires aos 18 anos. Casaron o 24 de xullo de 1958; en 1959 naceu a súa primeira filla, Liliana, e en 1960 Marta, a segunda. Debido a algunhas desavinzas entre nora e sogra, Denís e Sara decidiron ir vivir á cidade de Córdoba e el pediu o traslado no banco. En Córdoba naceron en 1963 os seus fillos xemelgos Roxana e Roberto.

A súa filla Liliana conta: “El foi un autodidacta porque na súa casa paterna non lle atraían os libros, o seu pai era unha persoa moi sinxela e traballadora, non un intelectual. En cambio, el lía moito, escoitaba as obras de teatro por Radio Nacional, compraba numerosos libros. Nós nunca buscamos unha palabra no dicionario nin consultamos libros de xeografía, historia ou lingua; preguntabámoslle a papá e sempre sabía o que contestar, con nomes e datas exactas. Tamén falabamos con el sobre cuestións políticas e explicábanos o que non entendíamos. Moitas persoas admiraban os seus coñecementos e achegábanse a conversar con el, sobre todo a xente nova”.

Denís Conles, que participara no Centro Galego de Bos Aires, era de ideais socialistas e relacionouse con persoeiros da época. Xa en Córdoba continuou vinculado ao Centro Galego e viaxaba a miúdo a congresos, reunións, xornadas, etc. Ademais sempre estaba organizando charlas, conferencias, programas de radio, e paralelamente militaba en partidos de esquerda.

A primeiros dos anos 70, formaba parte a “Frente de Izquierda Popular” (FIP), dirixida por Jorge Abelardo Ramos, quen fundara na década dos 60 o “Partido Socialista de Izquierda Nacional”(1). O paso de Conles polo nacionalismo galego de esquerda influíu nesta súa posterior militancia política. Cando volveu Perón do exilio presentouse nas eleccións como candidato a senador nacional polo seu partido. Chegaron a obter o 10% dos votos, resultados que nunca anteriormente acadara a esquerda.

  Denís Conles Tizado con Hugo Chávez, clic para aumentar
Denís Conles Tizado con Hugo Chávez.
 
A comezos do ano 1976, Denís Conles era xerente da Oficina de Prensa e Difusión do Banco de Córdoba e ademais dirixía a biblioteca da entidade. Neses días colaboraba con artigos políticos nos xornais “La Opinión” de Bos Aires e “La Voz del Interior” de Córdoba. Tamén escribía notas sobre economía noutros medios.

O Golpe de Estado do 24 de marzo marcou o comezo dunha etapa escura na súa vida. Primeiro despedírono do Banco porque atoparon no seu escritorio uns libros con orientación socialista. Días despois da instauración da ditadura, forzas policiais fórono buscar á casa e levárono en presenza dos seus fillos, a súa muller e o seu pai. Xa secuestraran a varios amigos seus e durante varias noites el durmira en casas alleas, pero un día decidiu volver á súa. Esa noite levárono. A súa filla Marta relata que “ao principio fomos todos moi inxenuos ao pensar que porque non tiña armas nin nada que ver cos “Montoneros” nin co ERP non o deterían pero a el buscábano polo que pensaba e o que escribía”.

Denís estivo detido un mes no Cabido de Córdoba, que era o centro clandestino de detención chamado D2. Alí permaneceu ese tempo cos ollos vendados e durmindo no piso. Despois levárono ao Cárcere Penitenciario onde estivo varios meses soportando torturas con “picana” eléctrica e doutro tipo, como cando ás tres da mañá e con dous ou tres graos baixo cero os sacaban espidos ao patio do penal a faceren o salto de ra. En varias ocasións, aos que non podían seguir matábanos diante del. A súa resistencia permitiulle sobrevivir.

Un día dixéronlle que sairía do cárcere e que despois tería que exiliarse pero logo cambiaron de idea e trasladárono ao penal de Sierra Chica, na provincia de Bos Aires “para salvalo de Luciano Benjamín Menéndez, xefe do III Corpo de Exército que quería matalos a todos”, conta Liliana. Antes de partir para Sierra Chica déronlle unha malleira tan tremenda que case o matan; estivo na enfermaría ata que se recuperou. No penal de Bos Aires permaneceu un tempo máis, alí legalizárono e quedou rexistrado que todo ese tempo estivo detido por ter antecedentes. En total permaneceu un ano preso, desde marzo de 1976 a marzo de 1997.

Cando Denís Conles saíu do cárcere, custoulle moito conseguir traballo porque figuraba nas denominadas “listas negras”. “Ademais moitos compañeiros do partido e amigos déronnos as costas, mesmo cando el estaba preso. Foi moi difícil para a miña nai sobrevivir soa e con catro fillos adolescentes”, explica Liliana. Para manter a familia, a súa muller traballou en varios lugares, cuns ingresos que apenas lle permitían subsistir. Denís co tempo conseguiu algúns traballos, pero cando lían o seu nome nas “listas”, botábano.

A comezos dos 80 encargouse durante moito tempo da redacción e diagramación da revista do Colexio de Farmacéuticos de Córdoba, e tamén foi redactor nunha axencia de publicidade.

En 1984 e 1987 viaxou a Galiza para participar no Congreso Internacional da Língua Galego-Portuguesa, organizado pola AGAL.

Tempo despois, o sindicato do empregados bancarios loitou para que os que foran despedidos na época da ditadura fosen reincorporados e así finalmente Denís volveu traballar no banco. Logo dunha longa pelexa recoñecéronlle os anos traballados no pasado; dese xeito logrou xubilarse en 1995.

Neses anos retomou a súa actividade política. Participou do Primeiro Congreso Bolivariano; antes organizara xunto con outros mozos colaboradores o Proxecto de Emancipación, que era un proxecto cultural, do cal xurdiu a revista “Cuadernos para la emancipación”, que se editaba cada tres meses e aínda segue publicándose grazas aos seus continuadores.

A partir dese proxecto contactou con persoas que impulsaban esa corrente en Venezuela e foi invitado a viaxar a ese país antes de que Hugo Chávez asumise a presidencia do país. Mesmo a través de Chavéz lograron apoio financeiro para seguir publicando a revista.

En 1999 organizouse en Bos Aires o Primeiro Encontro Arxentino e Latinoamericano, do que participou activamente Denís e representantes da corrente sanmartiniana e bolivariana de América Latina e o Caribe.

Denís Conles continuou colaborando en diferentes xornais, fixo algúns programas de radio, redactou os prólogos de varios libros e en 2001 escribiu o libro “Juan Bautista Bustos-Provincia e Nación” sobre a vida dun destacado gobernador cordobés.

Faleceu o 27 de outubro de 2003 por mor dun infarto -secuela das torturas e o sufrimento padecido durante o tempo que permaneceu no cárcere-, logo dunha frutífera vida dedicada á cultura e á loita pola independencia dos pobos latinoamericanos.

 
 

 Mónica Lázaro Jodar e Lois Pérez Leira.

 
 

 

Declaracións:

“Coñecémonos en 1953, pouco antes de fundar as Mocedades Galeguistas. En 1954, durante unha conferencia de Suárez Picallo sobre Rosalía, no Centro Ourensán, presentoume a unha moza cubana de ascendencia galega: Anisia, coa que me casaría tres anos despois... Participou fervorosamente nos estudos sobre Galiza e na loita ideolóxica en defensa da identidade galega. Era un irmán noso. Tanto que parecería que había nel certo desarraigo respecto do seu país... Sorprendeume a morte de Denís, non a esperaba. Cando marchei para Cuba logo da revolución con Anisia Miranda foinos despedir á nosa casa. Lembrámonos tantas noites falando de Galiza, de tantos soños. Foi el quen me presentou a Anisia antes de fundar as Mocedades Galeguistas. Logo de moitos anos volvémonos a ver en Santiago de Compostela, foi en 1987 cando el fora participar dun Congreso de AGAL e aproveitei para convidalo a pasar uns días na miña casa de Gres. A verdade que non me esperaba esta noticia. Sabía do seu problema cardíaco e de todo o sufrimento e padecementos durante a ditadura arxentina. Seguramente esta morte prematura se deba ás torturas que recibiu no cativerio”.

Xosé Neira Vilas, escritor, cofundador das Mocedades Galeguistas. Actualmente reside en Gres, na provincia de Pontevedra.

*****

“A súa morte foi unha sorpresa para min. Coñecino de novo. Encontrabámonos na Biblioteca do centro Galego de Bos Aires, onde Ares, o bibliotecario, cando chegaba un mozo interesado por algún libro en galego, rapidamente o vinculaba ás Mocedades. Recórdoo como un mozo moi compenetrado cos dereitos nacionais de Galiza. Como todas as mortes é unha perda tremenda”.

Antón Santamarina. Foi o primeiro presidente das Mocedades Galegas e presidente do Centro Coruñés. Na actualidade reside en A Coruña.


Nota:

(1) Estes partidos eran de ideoloxía trotskista. Foron acompañando as distintas experiencias peronistas. A partir do 74 esta formación política foise dereitizando baixo a dirección de Abelardo Ramos. Durante o goberno de Menen este dirixente foi embaixador da Arxentina. Conles e outros sectores tomaron distancia deste sector para impulsar o movemento bolivariano. Representan os sectores que se definen da esquerda nacional.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/01/2006
cig.informatica