ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 11 de febreiro de 2006

Sairá da Praza da Palloza de A Coruña ás 11:30 horas
Manifestación contra a Directiva Bolkestein o martes 14 de febreiro
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Fermín Paz e Suso Seixo, clic para aumentar
Suso Seixo entende que “todos aqueles sectores como a Sanidade ou o Ensino Público que estean privatizados estarían afectados por esta Directiva, polo que haberá que ver que repercusións ten na redución ou rebaixa significativa das condicións laborais”. Respecto da ordenación do tempo de traballo, Paz Lamigueiro explicou que o que significa esta Directiva na práctica é “facer unha xornada de 48 horas durante 7 días, eliminando do cómputo de horas a vixianza e transporte, por exemplo, o que vai supor un incremento dunhas 320 horas anuais”.
 
A Confederación Intersindical Galega vén de convocar unha manifestación contra a Directiva Bolkestein, o próximo día 14 de febreiro en A Coruña. A CIG vén desenvolvendo nas últimas semanas unha campaña explicativa sobre as graves repecursións que terá a aprobación desta Directiva, e da Directiva Europea para a Ordenación do Tempo de Traballo, para a clase traballadora galega.

A data escollida pola CIG para celebrar esta manifestación –a que tamén asistirá unha delegación da Intersindical Portuguesa– coincide co debate da Directiva no Parlamento europeo. Por iso, está previsto o seu remate diante da delegación do Goberno co fin de facer entrega, ao delegado do Goberno en Galiza, dun escrito no que se demanda do Estado español que se posicione en contra nas instititucións comunitarias.

A CIG denuncia que tanto coa Bolkestein como coa Directiva Europea para a Ordenación do Tempo de Traballo a UE quere aplicar medidas de flexibilidade e ampliación da xornada laboral, consideración do tempo de traballo inactivo como xornada non laboral, medidas de desregulación para abartar a man de obra como se fose mercadoría e liberalización de sectores básicos de prestación pública que poderían ser privatizados.

  Non á Europa da precariedade, clic para aumentar
Non á Europa da precariedade, non á Europa da desigualdade. Mobilicémonos contra a Directiva Bolkestein. Manifestación o martes 14 de febreiro as 11:30 horas na Praza da Palloza de A Coruña.
 
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo –que fixo un chamamento a participar na mobilización- critica a ocultación que se está a facer por parte dos distintos gobernos da UE e, nomeadamente, por parte do goberno español, dos contidos destas directivas e das graves repercusións que terá a súa aplicación de seren aprobada, máis se se ten en conta que as empresas de servizos aportan un 70% do PIB da UE.

Con esta Directiva apróbase o principio de “país de orixe” que vén significar que “calquera empresa de servizos dun país da UE poderá instalarse noutro país membro, aplicando as condicións laborais, fiscais, medioambientais e de saúde laboral do país de orixe”.

A modo de exemplo, Seixo sinala que “unha empresa de Grecia, Portugal, Lituania ou Polonia, con condicións laborais e salarios inferiores aos noso podería instalarse en Galiza con persoal do seu país, nunha competencia tremenda e esmagadora para os nosos dereitos”.

O secretario xeral da CIG advirte ademais que “a trampa é que calquera gran empresa das nosas pode rexistrar unha filial con domicilio social nalgún destes países e logo instalarse aquí”.

Suso Seixo considera que iso sería un “atentando” á clase traballadora, porque “por moito que nos esforzaramos por ter convenios colectivos dignos, se logo os traballadores que desenvolveran a súa actividade en Galiza o fixeran nas condicións de Polonia, estariamos tirando por terra a lexislación actual dos estados con mellores condicións laborais e sería unha contribución á precarización laboral”.


Servizos de interese xeral

Inicialmente na Directiva figura que os servizos de interese xeral non estarían afectados pola mesma. O problema é que non define que se considera “servizos de interese xeral”. Porén si explicita que aqueles servizos nos que xa se estebleceu a libre concorrencia, porque xa non son competencia directa do Estado, si estarían afectados.

Diante disto, Suso Seixo entende que “todos aqueles sectores como a Sanidade ou o Ensino Público que estean privatizados estarían afectados por esta Directiva, polo que haberá que ver que repercusións ten na redución ou rebaixa significativa das condicións laborais”.

O secretario xeral da CIG advirte ademais que isto converteuse nunha medida de presión para que os propios estados foran privatizando os seus propios servizos públicos “na vez de ir na liña que nós defendemos que é que os servizos sexan de titularidade pública e a non privatización dos mesmos”.


Desregulación

Tanto a Directiva Bolkestein como a Directiva Europea para a Ordenación do Tempo de Traballo falan de desregulación. Un termo que para Fermín Paz Lamigueiro, secretario confederal de Servizos e Afiliación e director do Gabinete Técnico Nacional da CIG, significa “facer desaparecer a actual regulamentación que protexe aos cidadáns, aos traballadores e as conquistas acadadas en outro tempo e crear outras regulamentacións que favorezan exclusivamente ao capital privado”.

Respecto da ordenación do tempo de traballo, Paz Lamigueiro explicou que o que significa esta Directiva na práctica é “facer unha xornada de 48 horas durante 7 días, eliminando do cómputo de horas a vixianza e transporte, por exemplo, o que vai supor un incremento dunhas 320 horas anuais”.

Paz Lamigueiro salientou ademais a contradición que supón que se diga que é inconstuitucional defender a soberanía para ter capacidade de defender por nós mesmos os nosos sectores produtivos ou definir as nosas prioridades en materia socioeconómica e que ninguén denuncie a inconstitucionalidade destas directivas que supoñen unha clara transferencia de poder á UE para mudar a nosa lexislación.

Contra a Bolkestein xa se teñen manifestado o Consello Económico e Social Europeo e a Confederación Europea de Sindicatos. Por iso, tanto Suso Seixo como Fermín Paz subliñaron tamén a contradición que supón que os sindicatos europeos, e nomeadamente de CCOO e UGT, que no seu momento apoiaron o texto do Tratado de Constitución Europea, que era precisamente a que viña a consagrar estes principios neoliberais, agora manifesten a súa posición contraria a aprobación tanto da Bolkestein como da Directiva de Ordenación do Tempo de Traballo. Tamén lembraron que foi precisamente o debate que se abriu en Francia a respecto desta Directiva a que provocou o voto maioritario en contra da Constitución Europea.

Fermín Paz insistiu ademais en que o que fai a CIG con este chamamento non é só “manifestarse e pedirlle ao goberno que teña en conta que estas directivas poden ser terríbeis para a clase traballadora senón tamén subliñar que as centrais sindicais CCOO e UGT non están á altura das circunstancias, porque diante deste tema non podemos quedar calados, nin os traballadores poden quedar marxinados deste debate. É moi importante que lle deamos unha resposta a estas directivas porque poden supor un retroceso brutal para o conxunto dos dereitos da clase traballadora”.


Paremos estas directivas europeas!

Mobilicémonos!

Contra a Directiva Bolkestein,
manifestación o martes 14 de febreiro as 11:30 horas
na Praza da Palloza de A Coruña
.

 
 Descarga, imprime e difunde
 
pdfPanfleto.
pdfCartaz.

 
 
Informacións relacionadas
25/01/2006 Contra a Directiva Bolkestein, manifestación o martes 14 de febreiro as 11:30 horas na Praza da Palloza de A Coruña
A Unión Europea quere aplicar duras medidas contra os dereitos dos traballadores
30/12/2005 A directiva Bolkestein, a Unión Europea ao servizo exclusivo do capital
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/02/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta