|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
Ana Lois Navaza: En maio de 1999, cando me presentei pola candidatura do BNG nas eleccións municipais. O BNG nunca fora quen de presentar candidatura en Dozón, falaron comigo a aceptei formar parte dela. Sabía que a miña decisión non ía ser neutral de cara ao alcalde, pero desde a miña convicción na liberdade política de cada quen e da necesidade de fortalecer ás organizacións nacionalistas, aceptei. Paula Castro: Nese momento o alcalde, Adolfo Campos, inicia a súa campaña de presión. Cales son as primeiras medidas que adopta? Ana Lois Navaza: Tal e como se fai constar no informe do Valedor do Pobo, o alcalde sepárame do posto, íllame, non me permite traballar... porque se supón que é alta traizón que unha traballadora dun concello gobernado polo PP opte politicamente por outro partido que non sexa o do alcalde. Debe pensar que os funcionarios son del e non da administración. A situación complicouse posteriormente, cando me presentei pola CIG ás eleccións sindicais e saín elixida como delegada de persoal funcionario no concello, aínda que xa era antes secretaria da sección sindical da CIG. Paula Castro: Separada do posto de traballo, illada... Como pode empeorar máis a situación? Ana Lois Navaza: Nun ano tiven sete cambios no horario de traballo, con horarios distintos ao resto do persoal para que non coincidiren con eles nin á entrada nin á saída. Durante case dous anos estiven nunha casa a máis de dous quilómetros da Casa do Concello eu soa, sen teléfono, sen luz, sen auga, sen traballo... unhas condicións nas que se incumpría toda normativa. Até chegou a negarse a darme as vacacións no seu momento. Abriume catro expedientes disciplinarios, un deles porque me pecharon no concello con chave e tiven que chamar á garda civil para que me viñeran sacar. Paula Castro: Como se resolveron eses expedientes? Ana Lois Navaza: Cada vez que me abría un expediente (unha vez por un ano, outra por seis meses, outra por sete...) eu quedaba sancionada sen cobrar e sen traballar. Logo os avogados da CIG, que son excelentes, o primeiro que facían era solicitar a suspensión cautelar desa resolución. Iso traducíase en que estaba sen cobrar arredor de dous meses, reincorporábame e cando gañaba a sentenza xa firme tiñamos que pedir a execución forzosa. Paula Castro: Os compañeiros do concello tamén padecen o acoso do alcalde? Ana Lois Navaza: Nun principio eramos cinco, dos sete funcionarios que hai no concello, os que padecíamos a presión do alcalde. Un deles xubilouse en outubro do 2000, pero tamén sufriu situacións bastante desagradábeis. Por desgraza, morreu antes de ver resolto este tema. Dos outros que quedan, a situación non é tan grave nin tan enconada como comigo pero tampouco o teñen doado. Un deles é porteiro alguacil e quitáronlle as chaves do concello, montáronlle á entrada unha especie de gaiola de aluminio e cristal. Estivo un montón de tempo sen luz e sen calefacción, que en Dozón é inhumano. Recentemente conseguimos que lle puxeran unha bombilla e un enchufe, así pode levar unha pequena estufa da súa casa. Paula Castro: Esta situación, padecida de forma continuada, acabou por afectar á súa saúde. Porén, a mutua vén de decidir darlle a alta obrigatoria. Como ocorreu? Ana Lois Navaza: O que nun principio era baixa por continxencia común acabamos conseguindo que se cualificara como baixa por accidente de traballo, así que agora quen me daba as baixas de oficio era a médica da mutua, FREMAP. A última baixa tiña data de 14 de decembro e a seguinte cita para renovala era para o 4 de xaneiro. O día 20 de decembro recibín a chamada da doutora da mutua para unha cita inmediata, porque tiña unha novidade de Madrid. Ese día non podía ir, porque estou facendo un curso de Relacións Laborais e tiña clase. Ao día seguinte tampouco porque tiña cita co especialista. O xoves 22 acudín á cita e comunicoume que me daba a alta porque falara con ela un asesor de Madrid que entendía máis do tema e que consideraba que eu non cumpría os requisitos para seguir de baixa porque non estou incapacitada. Afirmou que o problema era do concello. Contesteille que sabía que non estou incapacitada e que o problema é do concello, pero que precisamente iso era o que me poñía enferma. Chegou a afirmar que buscara un bo avogado que fixera que se executaran “todas as sentenzas que dis que tes gañadas”. Paula Castro: Que pasos seguiu a partir de aí? Ana Lois Navaza: Recorrín ao meu avogado da CIG e acordamos que me reincorporaría, non sen antes comunicarlle á médica que esa decisión era unha neglixencia pola súa parte xa que a súa responsabilidade é velar pola saúde dos doentes, non acatar ordes administrativas dunha empresa. Anuncieille que denunciaría á mutua pero tamén a ela. Paula Castro: Vostede ten informes médicos do Sergas nos que se afirma que non pode reincorporarse ao posto de traballo. Anulou a sanidade pública a decisión da mutua? Ana Lois Navaza: Xa tiña informes previos, pero os días 23 e 26 de decembro tiña citas cos especialistas do Sergas que confirman que non me podo reincorporar ao meu posto de traballo baixo ningún concepto. Coa alta forzosa e con estes informes fun ao médico de cabeceira, que coincide en que non me podo reincorporar, pero cando chama á Inspección Médica para consultalo dinlle que non lle permiten darme a baixa. Con esa decisión por escrito fun á Inspección Médica e solicitei ver ao Inspector. Este negouse a recibirme e a darme a baixa argüíndo que por tres veces cualificaron a miña baixa como accidente laboral e que, polo tanto, non teñen competencias, que é competencia da mutua e se inhiben. Paula Castro: Como valora esa decisión da administración de inhibirse? Ana Lois Navaza: En primeiro lugar, é moita casualidade que a decisión da mutua se me comunique o 20 de decembro e que a comunicación da cualificación da baixa como accidente laboral fora comunicada, tanto a min como á mutua o día 15 de decembro. Está claro que hai un efecto acción-reacción da propia mutua. Pola súa banda, a administración a través da inspección médica, en lugar de reaccionar e protexer a miña saúde, neste caso, ou a de calquera traballadora ou traballador, dando unha baixa por continxencia común a espera de que se resolva o conflito e se cualifique a baixa, como xa aconteceu nas tres ocasións anteriores gañando no xulgado, inhíbese. Prefire enviarme de novo ao zulo, a pasar frío, a non ter condicións axeitadas nin traballo que facer á espera de que acabe tomando 14 pastillas para darme de novo a baixa. É a incompetencia, a ineficacia, a neglixencia máis grande que eu coido que se pode permitir unha administración pública, que é o que son tanto a inspección médica como a inspección de traballo. Paula Castro: Os traballadores do concello de Dozón acumulan innumerábeis sentenzas. Ten actuado a administración para corrixir esta situación sobradamente constatada? Ana Lois Navaza: Neste momento hai 30 ou 31 sentenas favorábeis, absolutamente todas, ao funcionariado do Concello de Dozón. En varias delas faise referencia á situación á que estou sometida e chégase a empregar a expresión acoso moral. En todas, maioritariamente, si se especifica que as actuacións do alcalde sempre son de abuso de poder, desviación de poder, arbitrarias, contrarias a dereito... Ademais veñen de todas as instancias xudiciais, contencioso administrativo, do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, da Audiencia Provincial, do Xulgado do Social. Falta o Supremo, pero acabaremos chegando tamén. Xunto a isto, hai un informe demoledor do Valedor do Pobo que se presentou no Parlamento galego no ano 2000 e unha proposta de requirimento da inspección de Traballo do ano 2004, onde reflicte a situación física dos lugares de traballo, que incumpren toda a normativa, non só en materia de prevención, senón mesmo en Seguridade e Hixiene. Aí é onde a Inspección ten todas as competencias, porque a lei prevé que cando se levanta unha acta de infracción e non se executa, de oficio poden pasar o tema á Fiscalía porque xa se pode considerar un delito, cousa que evitaron facer. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2006 |
||||
|