|
Actualidade CIG-Comunicación-
Coa concentración e o corte de tráfico, os traballadores pretendían presionar á conselleira de Sanidade para que medie na negociación, visto que a posibilidade de chegar a un acordo coa patronal está en punto morto. A súa intención era que unha delegación entrara a falar coa titular da consellaría, pero a policía impediu o paso. Xesús María Pastoriza, responsábel nacional de Transportes da CIG, explica que polo momento a posición da conselleira é a de “eludir o tema. Temos constancia de que se entrevistou cos empresarios, pero aos sindicatos non nos quixo recibir”. Na xuntanza celebrada coa patronal o pasado mércores 22 de febreiro, os empresarios aseguraron que a proposta económica que presentaban era o tope até o que podían chegar e que o estaban facendo sen ningunha garantía económica. Neste sentido, Pastoriza considera que desde a Administración terían que liberar máis cartos para que se puideran atender as demandas económicas do sector. En todo caso, o feito de que as propostas da patronal se limiten ao aspecto económico abre outra brecha que distancia aínda máis as posicións de empresarios e sindicatos. Pastoriza sinala que alén das melloras económicas é imprescindíbel chegar a acordos canto a control de horarios e saúde laboral. Polo que respecta aos horarios, os traballadores están facendo xornadas maratonianas que ninguén controla e non teñen sequera recoñecido o dereito á hora da comida. A situación é peor para os que desenvolven a súa actividade en urxencias. Nese caso poden facer xornadas seguidas de 24 ou 48 horas. Canto á saúde laboral, Xesús María Pastoriza salienta a importancia que ten para todos os sectores en xeral, e especialmente para un como este a seguridade e a saúde laboral, xa que se traballa con enfermos. Os traballadores demandan que se recoñeza en convenio o dereito ao plus de compensación de horarios e unha terceira paga extra. A patronal estaría disposta a pór 630 euros en tres anos, en compensación por non ter subido os salarios no ano 2005. Porén, non está disposta a asumir que se recolla en convenio o dereito á terceira paga extra, malia os sindicatos demandar que unha vez se teña compensado esa cantidade, se cree esa paga. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/02/2006 |
|||||||||
|