Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 24 de febreiro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
A fuxida aos ceos de Paco Vázquez

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Non hai que esquecer as ancoraxes que deixa Paco Vázquez, novo Embaixador español no Vaticano, en postos chave tanto do propio PSOE como dos Gobernos da Xunta ou e a Deputación da Coruña, ou no propio Parlamento galego. Méndez Romeu, Salvador Fernández Moreda ou Mar Barcón (deputada e concelleira na Coruña) son fichas dese ‘puzzle’ pacovazquiano.



  Paco Vázquez, venda, clic para aumentar
É moi posíbel que a fuxida de Paco Vázquez tamén afecte electoralmente ao seu partido na cidade da Coruña, pois dificilmente o sucesor deste (presumibelmente, o seu tenente-alcalde, Javier Losada) vai poder apañar moitos apoios nese caladoiro de votos da dereita herculina que aseguraba as maiorías absolutas de Vázquez. Votos que ían a este histórico líder do PSOE en Galiza polas súas veleidades dereitistas en cuestións como o seu respaldo absoluto aos privilexios e ás demandas da Igrexa católica ou o seu combate implacábel contra os nacionalismos, nomeadamente contra o galego e contra a realidade identitaria da nación galega.
 
O recente nomeamento do alcalde coruñés, Francisco Vázquez, como embaixador español no Vaticano veu a confirmar un ruxe-ruxe que desde hai tempo se estendía polo noso país. Certo é que a rumoroloxía tamén o chegou a situar como ministro de Defensa nunha hipotética e case inminente remodelación do Goberno do Estado. Mais a opción “vaticana” foi a que finalmente vai afastar a Paco Vázquez da alcaldía da cidade herculina. Aínda que, en realidade, isto non parece ser propiamente así.

O afastamento de Vázquez do bastón de mando da cidade da Coruña está motivado na probábel perda da maioría absoluta que ostenta o seu partido, o PSdeG-PSOE, na devandita cidade. Perda electoral que de seguro levaría consigo o seu relegamento da alcaldía, como único xeito de favorecer o presumíbel entendemento deste partido co BNG. Xunto a isto, é posíbel que as informacións que veñen aparecendo nas últimas semanas no xornal ‘La Opinión’, referidas aos particulares “negocios” de Paco Vázquez, precipitasen a súa decisión.

Na actual dirección do PSOE en Galiza é seguro que esta nova se recibiu con certo alivio, nun momento como o presente, en que tanto o co-goberno da Xunta co BNG como o debate sobre o novo Estatuto galego voces altisonantes e diverxentes, como a de Paco Vázquez, poden embazar perigosamente estes procesos. Así e todo, non hai que esquecer as ancoraxes que deixa o novo embaixador español no Vaticano en postos chave tanto do propio PSOE como dos Gobernos da Xunta ou e a Deputación da Coruña, ou no propio Parlamento galego. Méndez Romeu (conselleiro da Presidencia), Salvador Fernández Moreda (presidente da Deputación coruñesa) ou Mar Barcón (deputada e concelleira na Coruña) son fichas dese ‘puzzle’ que Paco Vázquez nunca deixou de montar en relación co PSdeG-PSOE.

É moi posíbel que a fuxida de Paco Vázquez tamén afecte electoralmente ao seu partido na cidade da Coruña, pois dificilmente o sucesor deste (presumibelmente, o seu tenente-alcalde, Javier Losada) vai poder apañar moitos apoios nese caladoiro de votos da dereita herculina que aseguraba as maiorías absolutas de Vázquez. Votos que ían a este histórico líder do PSOE en Galiza polas súas veleidades dereitistas en cuestións como o seu respaldo absoluto aos privilexios e ás demandas da Igrexa católica ou o seu combate implacábel contra os nacionalismos, nomeadamente contra o galego e contra a realidade identitaria da nación galega. Mesmo a súa histórica aposta por reforzar o papel do municipalismo non agachaba outra cousa que un baleirado de competencias das transferidas ás actuais comunidades autónomas. O seu reseso españolismo empurraba a iso, e a moito máis...

Se cadra, a fuxida de Paco Vázquez a Roma non sexa máis ca unha fuxida cara a diante de alguén que na política galega xa só podía ser un atranco, e que preferiu baterse en retirada que recibir o golpe das urnas, como o que levou o seu gran amigo Manuel Fraga Iribarne, duramente derrotado na contenda electoral e que acabou por procurar acomodo no Senado español.


Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/02/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta