|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
A biografía política de Fraga comezou moi a primeiros dos anos 50 do século pasado, vinculado a altos cargos do Ministerio de Educación da época franquista. E se cadra o seu cénit tívoo entre 1962 e 1969, anos en que ocupou a carteira do Ministerio de Información e Turismo. Mais a súa vinculación co antigo réxime mantívose deica a morte de Franco en 1975... e mesmo despois. O vindeiro 3 de marzo cumpriranse trinta anos dos sucesos represivos acontecidos na cidade vasca de Vitoria-Gasteiz, cando a policía irrompe disparando indiscriminadamente contra un asemblea de traballadores que tiña lugar nunha igrexa. O resultado deste bárbaro acto, un auténtico masacre, foi a de cinco mortos e ducias de feridos. Fraga Iribarne era, naquela altura, Ministro da Gobernación e responsábel lóxico da actuación das forzas policiais. O certo é que o acontecido nunca se aclarou de todo. Nunca se depuraron responsabilidades. Nunca se deu satisfacción -nin sequera moral- ás innumerábeis vítimas. E nunca, desde ese fatídico ano 1976, Fraga Iribarne pediu desculpas polos feitos e mesmo é posíbel que nin sequera nunca chegara a arrepentirse. Aínda que é recoñecido como “pai” da Constitución española de 1978, por formar parte da súa Comisión de Redacción, Fraga Iribarne nunca abxurou do seu pasado, marcado pola súa adhesión entusiasta ao réxime franquista. De feito, é de supor a súa pegada nos aspectos máis retrógrados da Carta magna española.
Todos os indicadores de benestar (nivel de renda, salarios, emprego...), tras o paso de Fraga, seguen a situar a Galiza nun lugar bastante precario, tanto en relación á media do Estado español como en relación á media europea. E, entre mentres, os nosos sectores produtivos básicos seguen ameazados, por mor dunhas políticas que impiden o seu normal desenvolvemento. Nin que dicir ten que Fraga Iribarne, no seu mandato na Xunta, non impulsou un novo estatus para a nación galega, que a situase nun marco de relación diferente fronte ao Estado nin fronte ás propias institucións europeas. Preso das súas convicións españolistas, foi incapaz de desenvolver as posibilidades do autogoberno galego e mesmo rexeitou dar unha pase adiante na discusión estatutaria aberta no conxunto do Estado. A crise do “Prestige”, co movemento “Nunca Máis” como catalizador, acabou por minar a súa credibilidade na sociedade galega. As pasadas eleccións autonómicas confirmaron este extremo e enviárono ao frío escano da oposición no Parlamento galego, escano que apenas ocupou uns meses. Aos seus oitenta e tres anos, Fraga Iribarne regresa á “Villa y Corte” para ocupar escano no Senado español. Suponse que para seguir a ser “martelo de herexes”, léase, de nacionalistas e xentes da esquerda en xeral. A España máis centralista, xacobina e reaccionaria vai contar con el como aliado de luxo na Cámara alta. Non deixa de estrañar a unanimidade do Parlamento galego ao respecto.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/02/2006 |
||||
|