|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Os verdadeiros responsábeis, os mandos militares norteamericanos e os que tomaron a decisión de invadir Iraq e crear espantos como Abu Ghraib, é seguro que permanecerán na súa placidez, se cadra só un chisco anoxados por que alguén decidira facer públicas esas imaxes e pouco máis. Ai, as incomodidades de ter a responsabilidade de andar polo mundo a repartir democracia a esgalla! Son conscientes, ademais, de que ningún Tribunal Penal Internacional -e menos, o existente- os vai xulgar nin condenar... de momento. Por se Abu Ghraib non fose nome suficiente para o gravar no lugar reservado ás infamias da Historia, outro nome, Guantánamo, vai lembrar no futuro os comportamentos do imperialismo norteamericano nos inicios do século XXI. A tortura elevada aos altares da práctica cotiá. Un filme do británico Michael Winterbottom sinálao estes días no Festival de Cinema de Berlín, ‘Road to Guantanamo’ (“Camiño a Guantánamo”). Aínda é ben que unha parte da chamada “comunidade internacional” parece que quere reaccionar, pedindo o peche definitivo do centro de reclusión de Guantánamo. A ONU e mais a Eurocámara veñen de facer senllos pronunciamentos nesa dirección. Até hoxe, fixérano pola boca pequena. Agora parecen querer abrila algo máis. Que lles dure así, aberta. E por certo, quen queira interpretar con certo rigor sucesos como os habidos no mundo árabe e musulmán tras a publicación e posterior divulgación das coñecidas viñetas chufándose de Mahoma -e do que este representa-, debería pensar en lugares como Abu Ghraib e Guantánamo, debería tentar comprender o impacto que ten nesas sociedades guerras de conquista como a de Iraq ou debería saber ver en Palestina e o pobo palestino o reflexo dun sufrimento que comparten no mundo millares e millares de persoas. Abofé que o “choque de civilizacións” non é tal, malia o interese niso de boa parte das elites económicas, políticas e relixioso-culturais de Occidente e tamén de sectores no mundo islámico e musulmán. Fanatismos, o un e outro, que parecen necesitarse mutuamente para de desenvolveren segundo os seus propios plans, á marxe dos intereses e necesidades das súas propias poboacións.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2006 |
||||
|