Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 3 de febreiro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
O voo rasante do Partido Popular

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Pretender construír unha verdadeira democracia no século XXI no Estado español, coutando a liberdade de decisión das nacións que o conforman e, xa que logo, do seus cidadáns e cidadás, é simplemente quimérico. O referendo, tan absurdo como ilegal, que anda a promover o PP pola xeografía do Estado español expresa ademais a insania do devandito partido.



  Constitución española, clic para aumentar
Volvendo á cuestión do referendo que propugna o PP, resulta cando menos paradoxal que esta proposta estea marcadamente fóra do actual marco xurídico-político español, xa que vulnera normas e principios legais como a propia Constitución de 1978, en opinión de diferentes expertos na materia.
Rajoy, clic para aumentar
Trátase, polo tanto, de promover un referendo sen apenas visos de legalidade, que obviamente só ten como fin axitar determinadas augas políticas, nesa estratexia de deriva reaccionaria (e, no fondo, neoimperialista) que segue o PP e de acoso ao Goberno de Zapatero.
 
O dereitista Partido Popular (PP) vaise de referendo. Segundo se anuncia, comezaron xa a recoller sinaturas contra o novo Estatut catalán, é dicir, contra a decisión do 90% do Parlament catalán de promover unha reforma estatutaria en clave máis ou menos soberanista. Pero, ollo, que esta mesma vontade parlamentaria tamén a violentou o PSOE, forzando unha negociación a varias bandas do texto estatutario referendo en Catalunya.

O (case) final desta negociación é ben coñecido: acordo á baixa coa dereita catalanista (CiU) da proposta estatutaria catalá, acordo que significa unha labazada política ao independentismo de esquerdas (ERC) -socio en Catalunya e no Estado do PSOE- e ao actual presidente da Generalitat, Pasqual Maragall, a quen xa o están a considerar pouco menos que un cadáver político, mesmo os seus propios correlixionarios.

Volvendo á cuestión do referendo que propugna o PP, resulta cando menos paradoxal que esta proposta estea marcadamente fóra do actual marco xurídico-político español, xa que vulnera normas e principios legais como a propia Constitución de 1978, en opinión de diferentes expertos na materia. Trátase, polo tanto, de promover un referendo sen apenas visos de legalidade, que obviamente só ten como fin axitar determinadas augas políticas, nesa estratexia de deriva reaccionaria (e, no fondo, neoimperialista) que segue o PP e de acoso ao Goberno de Zapatero.

Dito sexa de paso, tamén hai que aclarar que determinados pesos pesados do PSOE, como o titular da carteira de Defensa, José Bono, o presidente da Comunidade estremeña, Rodríguez Ibarra, ou o alcalde herculino, Paco Vázquez, colaboran de xeito estreito coas manobras do PP, destinadas a minguar o grao de soberanía das nacións do Estado. O fundamentalismo españolista que comparten eses sectores do PSOE co PP -e boa parte do poder económico, político e mediático- é un auténtico lastre para o estabelecemento de canles democráticas sólidas no Estado español, e de aí non é de estrañar que cando en vez mesmo se deixe sentir o “ruído de sables” procedente de sectores das aínda inquietantes forzas armadas.

Pretender construír unha verdadeira democracia no século XXI no Estado español, coutando a liberdade de decisión das nacións que o conforman e, xa que logo, do seus cidadáns e cidadás, é simplemente quimérico. O referendo, tan absurdo como ilegal, que anda a promover o PP pola xeografía do Estado español expresa ademais a insania do devandito partido, alimentando e exacerbando sentimentos de rexeitamento e odio contra o pobo catalán na cidadanía española. Vieiro moi perigoso que estes aprendices de meigo non dubidan en percorrer.

As forzas políticas e sociais de xorne progresista que no Estado español existen deben tomar consciencia de que a deriva do PP, coa súa enxurrada de desprezo e odio, debe ser parada, e debe selo desde a forza da razón democrática, pola que os pobos conduzan os seus propios destinos e os cidadáns e cidadás sexan os verdadeiros garantes do feito democrático en si. Isto vale hoxe para Catalunya coma onte e máis hoxe para Euscadi e Galiza. E haberá que ver cal é a postura do PP no noso país, e o seu grao de autonomía a respecto das directrices madrileñas, á hora de enfrontar o proceso de reformulación dos contidos e a forma do Estatuto de Galiza.

Nós non podemos renunciar a ser un suxeito político con pleno dereito. A nosa soberanía compétenos a nós. Ningún referendo, e menos este -promovido polo espectro político máis reaccionario do Estado-, vai poder nunca dobregar a nosa vontade de sermos nós mesmos. E aínda que haxa quen opte por facelo, por se dobregar, sempre haberá alguén ao seu carón que lle lembre que o camiño e o horizonte son outros.


Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/02/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta