|
Actualidade CIG-Comunicación-
Esta razón tan indiscutida agora para a clase traballadora galega foi o motivo daquela explosión social que contribuíu a debilitar a ditadura, pero non sen antes procurar as súas vítimas e arrebatar as vidas de dous traballadores: Amador e Daniel. Hoxe, trinta e catro anos despois, as nosas reclamacións continúan parecéndose a aquela demanda dos operarios da Bazán. Tan elemental e propio como indiscutido debe ser o noso dereito a poder regular en Galiza as nosas condicións de traballo de principio a fin, a fixar as modalidades de contratación que eliminen a precariedade potencial e estrutural do mundo do traballo no noso país, a controlar os órganos públicos xudiciais e de inspección para que persigan a fraude na contratación e rematen coa impunidade empresarial ante a sinistralidade no traballo, a exercer o control e a decisión sobre as nosas coberturas e prestacións sociais e sobre as nosas pensións, sobre a política agresiva das mutuas. Pero todo isto que parece tan razoábel e necesario para nós, non é do noso dominio, como non era daquela no ano 72 o dereito a negociar o convenio na factoría de Ferrol, tiñan que negocialo en Madrid. Hoxe a clase traballadora galega ten moitas urxencias. Os nosos salarios perden capacidade adquisitiva polos pactos de contención salarial que cada ano asinan en Madrid CCOO e UGT, e non é desprezábel o dato de que un 32% das familias galegas ingresan menos de 1.000€ ao mes e o 15% non chega aos 600€. As cifras de precariedade son alarmantes –a máis alta de Europa–, e por mor disto tamén temos o índice de incidencia máis elevado nos rexistros de accidentes laborais e mortes no traballo. Todo iso mentres as grandes empresas e a Banca baten récords de ganancias, indecentes para a nosa comprensión. A nosa clase traballadora, o noso país, non merece isto. Temos urxencia por modificar esta situación que nos preme e nos obriga a pechar filas na reclamación de poder político, de capacidade de decisión, para reverter esta tendencia, a precariedade e a sobreexplotación do traballo. Este 10 de Marzo debe amosarnos a prioridade de loitar contra a sinistralidade laboral, porque as vítimas caen sempre do noso lado e porque en Galiza duplicamos o índice de mortes con lugares como Catalunya ou o País Vasco e triplicamos a media de Europa. Isto é por razón da precariedade e ten os seus responsábeis. Algo cambiará cando consigamos que se persiga e se penalice xudicialmente aos culpábeis. Participa nas concentracións do 10 de marzo nas distintas comarcas. Manifestación en Ferrol ás 7 da tarde, dende o local da CIG na Avenida de Esteiro.
|
||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2006 |
||||||||||||||
|