ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 1 de marzo de 2006

8 de Marzo, Día da Muller Traballadora
Nomear en feminino evita discriminacións no traballo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Nomear en feminino evita discriminacións no traballo, clic para aumentar
Cartaz da campaña “Nomear en feminino evita discriminacións no traballo”.
 
A Confederación Intersindical Galega pretende coa campaña “Nomear en feminino evita discriminacións no traballo” difundir o emprego dunha linguaxe con perspectiva de xénero.

Desde a Secretaría Confederal da Muller creemos que un dos aspectos máis importantes na loita pola igualdade real entre mulleres e homes pasa por poñer fin ao uso sexista da lingua, que non só reflexa a desigualdade entre os sexos, senón que contribúe en gran medida a reforzar esta situación.

Así, entre as accións aprobadas no Plan de acción sindical para a igualdade de oportunidades recollemos a revisión da linguaxe que emprega a CIG, a través do persoal administrativo, da representación sindical na revisión e redacción dos convenios, e a través das persoas que de algún ou doutro xeito formamos parte da central sindical.

Porque a pesar dos avances que se produciron e que se están a producir, o certo é que no día a día seguen a asignarse roles e comportamentos diferentes aos homes e ás mulleres, algo que a linguaxe reflexa fielmente e que inflúe negativamente no avance da igualdade de oportunidades.

Esta é unha loita de toda a clase traballadora, na que todas e todos estamos implicados.


O uso dunha linguaxe non sexista

A lingua non é sexista, pero si o é o uso que dela facemos. A linguaxe é o medio a través do cal nos comunicamos, polo tanto reflexa o pensamento colectivo, e con el estamos a transmitir unha gran parte da forma de pensar, sentir e actuar de cada sociedade.

A través da linguaxe estamos asumindo papeis de modo consciente e inconsciente, conformando estereotipas sexistas. O uso sexista e androcéntrico da lingua é o reflexo dunha cultura sexista e patriarcal na que se valoran as capacidades e funcións atribuídas tradicionalmente aos homes, pero non se recoñece o valor social das capacidades e funcións que se lle atribúen ás mulleres. Hai unha especie de resistencia lingüística en recoñecer o gran número de actividades desenroladas polas mulleres, e segue a presentarse -a través dun uso lingüístico máis que consolidado- unha imaxe desvalorizada e subordinada das mulleres con respecto aos homes.

A miúdo incurrimos en sexismo lingüístico a través do uso de formas incorrectas da linguaxe, na escolla de palabras ou estruturas discriminatorias. A linguaxe sexista exclúe ás mulleres, dificulta a súa identificación ou as asocia a valoracións negativas.

O seu uso é discriminatorio e parcial, e impón barreiras arbitrarias e inxustas ao desenrolo persoal e colectivo.

A nosa central sindical non se escapa á visión sesgada da realidade. Na redacción dos convenios, na configuración das categorías, na documentación interna, cometemos incorreccións causadas por este punto de vista androcéntrico e sexista que mulleres e homes compartimos. O certo é que hai unha nova realidade que debe ser nomeada.

No camiño cara a igualdade de mulleres e homes, a linguaxe desempeña un importante papel, e a lingua ten os recursos precisos para nomear a mulleres e homes sen ocultar a ninguén e sen alterar as estruturas do idioma. Se somos capaces de facer un uso da linguaxe adecuada, lograremos representar o xénero das persoas sen discriminacións e representacións positivas nin negativas. En definitiva, trocando das nosas costumes un uso discriminatorio da linguaxe, cambiaremos a nosa concepción da realidade.

Debemos implantar unha linguaxe non sexista á hora de nomear ou escribir:

  • Cargos e postos.
  • Títulos.
  • Profesións.
  • Categorías.
  • Ofertas de emprego.
  • Prazas para cursos de formación.
  • Documentación interna: fichas de afiliación, circulares…
  • Publicacións: libros, artigos, dípticos, o trípticos, cartaces…
  • Na redacción dos convenios colectivos.

Recomendacións

Usar ambos xéneros gramaticais: consignar os dous xéneros naqueles nomes que os teñen.

Adaptar o cargo ao xénero da persoa: nomear en masculino a unha muller que exerce unha labor profesional invisibiliza e conleva connotacións de ambigüidade na comunicación.

Revisar a clasificación das categorías profesionais xa que inclúense criterios especialmente axeitados para traballos tradicionalmente ocupados por homes pero non para mulleres (exemplo, xefe de sección, peón, limpadora). As categorías profesionais desígnanse de forma exclusiva en termos masculinos, e cando aparece o xénero feminino, emprégase para denominar traballos tipicamente realizados por mulleres.

Empregar barras no caso da elaboración de documentos administrativos abertos onde se descoñece a persoa interesada, mais a arroba compre evitarse xa que é impronunciable no plano oral e non é un signo lingüístico.

 
 
Descarga en .pdf
 
pdfTríptico “Nomear en feminino evita discriminacións no traballo”

pdfCartaz 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta