ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 7 de marzo de 2006

As intervencións centráronse na importancia do momento histórico para conseguir o recoñecemento de Galiza como Nación
A celebración do 150 aniversario do Banquete de Conxo foi considerada un rotundo éxito por CIG e CAF

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Algúns dos membros da mesa presidencial do banquete. (De esquerda a dereita, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta de Galiza, Néstor Rego, concelleiro de Cultura en Santiago de Compostela, Manuel Mera, secretario confederal de Formación e Comunicación da CIG e Iria Aboi, secretaria de Organización dos CAF).
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
A celebración do Banquete de Conxo foi un rotundo éxito. Permitiu confraternizar aos e ás representantes das diversas asociacións e organizacións asistentes, que intercambiaron opinións a respecto da cultura, da situación sociolaboral de Galiza e do momento político que vivimos.
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
O acto reviviu aquel histórico xantar sentando de novo xuntos a representantes da cultura, da política e das letras galegas cos traballadores e estudantes esparexidos conscientemente polas mesas.
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Celebración Xantar Conxo, clic para aumentar
Pero sobre todo foi un éxito porque cumpriu o fin para o que se concibira: non abandonar no esquecemento unha data crucial para o nacionalismo, tal e como coincidiron en afirmar os intervintes. (Fotos: ©galizacig.com 02/03/2006).
 
Nun ambiente cordial e distendido celebraron as máis de 150 persoas asistentes o 150 aniversario do Banquete de Conxo. Un acto que comezou cun xantar e rematou coas intervencións do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, de Iria Aboi, en representación dos CAF e de Suso Seixo, secretario xeral da CIG. Intervencións nas que inevitabelmente estivo presente o actual debate sobre a reforma do Estatuto. Manuel Mera, que fixo un percorrido pola historia da época mantendo como eixo a data de 1856, foi o encargado de conducir o acto.

A celebración do Banquete de Conxo foi un rotundo éxito. A organización estivo máis que a altura da relevancia do evento. Permitiu confraternizar aos e ás representantes das diversas asociacións e organizacións asistentes, que intercambiaron opinións a respecto da situación da cultura, da situación sociolaboral de Galiza e do momento político que vivimos.

Pero sobre todo foi un éxito porque cumpriu o fin para o que se concibira: non abandonar no esquecemento unha data crucial para o nacionalismo, tal e como coincidiron en afirmar os intervintes. Ademais, o acto reviviu aquel histórico xantar sentando de novo xuntos a representantes da cultura, da política e das letras galegas cos traballadores e estudantes esparexidos conscientemente polas mesas.


Un acto crucial para o nacionalismo

A coincidencia de considerar a data de 1856 e o “Xantar Democrático de Conxo” como un acto crucial para o nacionalismo non é casual. Manuel Mera, secretario confederal de Comunicación e Formación da CIG, lembraba que significou “superar a revolución de 1846 e consolidar as bases do que é o galeguismo, o provincialismo”.

Xunto a isto, non se pode esquecer que foi “a primeira presentación pública política de todo o movemento obreiro, que pasa en 1856 ao primeiro plano”. Acontecementos ambos que “coido que non podemos esquecer, porque son importantes para este país, para nós”, afirmaba Mera.

Nese sentido, o propio vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, aseguraba que “anos despois galegos e galegas confraternizamos e seguimos facendo nosas as ideas da liberdade, do galeguismo e do nacionalismo”.

Unha reflexión que lle permitiu entrar de cheo na importancia do debate político ao que asiste Galiza, os galegos e galegas, neste intre: a reforma do Estatuto e a necesidade de conseguir que sexa un verdadeiro Estatuto de Nación. E a este respecto, o vicepresidente da Xunta afirmaba que neste Estatuto de Nación débense consagrar dúas ideas básicas: os dereitos e liberdades individuais que nos asiste como persoas e os dereitos e liberdades colectivos que nos asisten como pobo.

Por iso, afondando máis na cuestión, Anxo Quintana reclamou un Estatuto no que se recoñeza o “carácter nacional” de Galiza, que estableza “un ámbito competencial blindado de interferencias foráneas”, que sexa fonte “de dereitos e deberes dos cidadáns galegos para o século XXI” e no que se parta de que os galegos e galegas “teñen dereito a decidir por si mesmos o seu futuro”.

O vicepresidente da Xunta rematou a súa intervención afirmando que “Galiza, os galegos e galegas, queren definir o seu futuro. E precisamente por iso somos Nación”.


A mocidade aposta por unha mudanza política

E se o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG facía unha aposta clara e decidida por conseguir unha mudanza na realidade política e social a través da reforma do Estatuto que se está a debater neste intre, non quedaba atrás Iria Aboi, quen interviu en representación dos Comités Abertos de Faculdade para manifestar o compromiso da mocidade na defensa desa mudanza.

Así, afirmaba que “hoxe conmemoramos aquel primeiro banquete fraternal da historia do noso país, para reafirmarnos unha vez máis, para compartir o denominador común de todas as organizacións que estamos aquí hoxe e traballamos pola mudanza política e social da nosa nación”.

Máis alá ía Suso Seixo, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega. Seixo, ao igual que Mera, insitía na idea de que “a existencia do nacionalismo galego ten unhas bases históricas, unhas bases culturais, unhas bases materiais que son o cerne do que é o noso pobo”. Un feito que ambos consideraron necesario pór de manifesto porque, tal e como lembraba o secretario xeral da CIG, “son moitos e moitas, fundamentalmente desde o campo da dereita, desde o Partido Popular e tamén desde sectores do PSOE, que pretenden negar a condición do noso país como nación e pretenden facernos ver que o nacionalismo é un invento de alguén”.

Seixo tamén resaltou o carácter “democrático, popular e progresista” que tivo o movemento nacionalista galego, que estivo “sempre identificado cos intereses das nosas clases populares, das nosas clases traballadoras”. Unha identificación que lle confire o carácter “transformador” e “revolucionario” que o caracteriza.

Para o secretario xeral da CIG a evolución ideolóxica dese galeguismo ou como alcumou Mera “protonacionalismo” enmarca hoxe unha opción “cun contido ideolóxico fundamentalmente de esquerdas e unha forte reivindicación social”. Reivindicación que “non sería posíbel se o nacionalismo galego non existira e non tivera a forza que ten”.

Como non podía ser menos Suso Seixo tamén fixo unha aposta clara por defender unha reforma profunda do actual Estatuto de Autonomía. Para iso, convidou a todos os asistentes a “facer unha fronte común do nacionalismo contra o españolismo nun momento no que estamos a dar un debate importante para o noso país, como é a Reforma do Estatuto de Autonomía”.

Así apostou por “crear consciencia dentro das clases populares” e por “reivindicar os nosos dereitos como pobo” para poder facer “do noso país un país con futuro, con calidade de vida, onde os nosos mozos e mozas non teñan que seguir emigrando”. E para conseguir todo isto, o camiño para Seixo está ben claro, “necesitamos competencias” afirmou, “necesitamos poder desenvolvernos por nós mesmos, necesitamos decidir que é o que realmente interesa ao noso pobo e necsitamos poder facelo con total liberdade”.

Malia todo, o secretario xeral da CIG, tendo en conta a actual correlación de forzas no Parlamento de Galiza, sinalou que as mudanzas e competencias que se consigan neste intre non suporán grandes avances. Diante desta evidencia advertiu que “o movemento nacionalista ten un programa estratéxico, unha alternativa para o noso país que é a soberanía” e afirmou que “non vai quedar aí e nós imos continuar estando lexitimados como nacionalistas para seguir loitando con todo o proxecto estratéxico que temos para o noso país”.


Intervencións


  Manuel Mera, clic para aumentar
Manuel Mera: “Coido que Compostela deberia lembrar o 23 de abril de 1846, cando miles de persoas, militares e civís, loitan defendendo as ideas democráticas, de liberdade, de que Galiza volte a ser unha unidade. (...) Estes foron os antecedentes nos que beberon os estudantes e obreiros que en 1856 decidiron facer un banquete de confraternidade que, non seria por casualidade, foi arrodeado polo exercito. Un xantar no que Aguirre xogou un papel dinamizador, e no cal xunto con Eduardo Pondal fixeron discursos que foron considerados polo arcebispado como un panexírico que daba pulo a loita de clases, de pobres contra ricos”. (Foto: ©galizacig.com 02/03/2006).
Celebración Banquete de Conxo, por un convenio xusto
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 11'35'', espazo en disco: 29.613.204 bytes [28,2 Mb]).
 
Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG

Estamos falando dun período aínda dominado polo Antigo Réxime, fidalgos, burguesía e igrexa. A burguesía é galega só en parte. Hai unha parte de orixe vasco, da que descenden Manuel Murguía e Aurelio Aguirre. Din os historiadores que a vasca está máis ligada ao país que a catalana, que se mantivo apartada, aínda que era máis numerosa.

O banquete de Conxo en 1856 ten unha gran importancia para o galeguismo e a nación. Primeiro, porque é superación da represión posterior a 1846. Esa revolución na cal se asinaba ao final dos comunicados da Xunta Superior de Galiza: Patria e Liberdade. Neste levantamento había dúas reivindicacións importantes, por unha banda, terminar co réxime dictatorial de Narváez, duro aínda que dixera que había certas liberdades, e por outra banda, recuperar a unidade de Galicia, suprimida en 1833.

Segundo, o Xantar de Conxo significa consolidar as bases do galeguismo, o que se chamaría provincialismo. Xa que contribúe á incorporación dunha morea de mozos e mozas nos anos seguintes ao galeguismo, como Murguía, Pondal, Rosalia e Vicetto, por nomear a algúns.

Terceiro, foi a primeira presentación pública política do movemento obreiro galego, sen esquecer que antes houbo varias revoltas no século XVIII e principios do XIX, en Muros, Vigo, e outros portos, algunhas cun gran protagonismo das pescantinas.

Din que Faraldo foi quen redactou a maioría das proclamas da Xunta Superior de Galiza en 1846, e nas mesmas, concretamente na publicada en “La Revolución” do 17 de abril afirma textualmente “que nos teman e respeten” referíndose á repercusión que espera no resto do Estado español da revolución en Galiza.

Menciono todo isto porque cando falamos de 1856, como lle dicía a concelleiro de cultura de Compostela Néstor Rego, non podemos esquecer que é a superación de 1846 e que antes está 1843, cando Faraldo propón a independencia de Galiza, que se rexeita por un voto. Hai quen hoxe asegura que esto nunca pasou, porén esto é o que di Murguía que é contemporáneo. Porque non hai a mesma actitude negativa cando se tratan os intereses daqueles que negan a nosa identidade.

Coido que Compostela deberia lembrar o 23 de abril de 1846, cando miles de persoas, militares e civís, loitan defendendo as ideas democráticas, de liberdade, de que Galiza volte a ser unha unidade. A Batalla dese día comeza cunha escaramuza en Cacheiras que termina nas rúas de Santiago de Compostela. Unha batalla na cal participan sete batallóns por parte do Goberno. Aqueles batallóns seica estaban conformados por uns 1.000-2.000 homes cada un.

A loita que comeza en Cacheiras segue despois na Pontepedriña, e logo no Hórreo, Rúa Nova, Praza do Pan, que hoxe é Cervantes, e posteriormente só resiste un grupo illado de 300 homes en San Martiño Pinario. O combate dáse primeiro rúa a rúa e logo casa a casa e corpo a corpo. Despois viu a represión, os fusilamentos de Carral, os centos de fuxidos a Portugal.

Estes foron os antecedentes nos que beberon os estudantes e obreiros que en 1856 decidiron facer un banquete de confraternidade que, non seria por casualidade, foi arrodeado polo exercito. Un xantar no que Aguirre xogou un papel dinamizador, e no cal xunto con Eduardo Pondal fixeron discursos que foron considerados polo arcebispado como un panexírico que daba pulo a loita de clases, de pobres contra ricos. A ameaza de escomunión e de deportación ás illas Marianas, no Pacifico, completa o cadro represivo do momento, e o significado real do acto que tanta significación terá posteriormente para o nacionalismo.

Non podemos esquecer esta parte da nosa historia, porque é importante para este país, para a CIG, para todos nós. Hai quen pretende facermonos pensar que somos pouca cousa, mais non é así, non o fomos en 1846 e 1856, non o fomos cando as mobilizacións de Nunca Mais, da LOU, das folgas xerais, da oposición á guerra de Iraq…



  Anxo Quintana, clic para aumentar
Anxo Quintana: “Hai 150 anos, numerosas persoas, homes e mulleres, galegos e galegas, xuntábase arredor do galeguismo e da liberdade. Anos despois galegos e galegas confraternizamos e seguimos facendo nosas as ideas da liberdade, do galeguismo e do nacionalismo. Dos dereitos individuais que como persoas temos pero tamén dos dereitos colectivos que como pobo nos corresponden. E facémolo sobre a idea do galeguismo e do nacionalismo de hoxe, porque hoxe máis que nunca Galiza ten que reivindicar o recoñecemento do seu carácter nacional”. (Foto: ©galizacig.com 02/03/2006).
 
Anxo Quintana,
vicepresidente da Xunta de Galiza

Moitísimas grazas por permitirme estar hoxe con vós, polo convite que tedes feito e que de bo grao comparto.

Moitas grazas tamén aos organizadores do acto, porque co de hoxe como con outras cousas, conseguimos algo moi importante, que é traballar para que nunca, nunca, a nosa historia sexa invisíbel.

Moitas veces existe este desexo e tal é o noso cometido: conseguir que a nosa historia sexa visíbel.

Hai 150 anos, numerosas persoas, homes e mulleres, galegos e galegas, xuntábase arredor do galeguismo e da liberdade.

Anos despois galegos e galegas confraternizamos e seguimos facendo nosas as ideas da liberdade, do galeguismo e do nacionalismo.

Liberdade necesaria, entendendo que, como tal, só como se pode considerar, desde o recoñecimento conxunto dos nosos dereitos individuais e dos dereitos colectivos.

Dos dereitos individuais que como persoas temos pero tamén dos dereitos colectivos que como pobo nos corresponden.

E facémolo sobre a idea do galeguismo e do nacionalismo de hoxe, porque hoxe máis que nunca Galiza ten que reivindicar o recoñecemento do seu carácter nacional.

E nesa tarefa estamos, e dalgún xeito, cando estamos a reivindicar un novo Estatuto de Nación estamos tamén facendo lembranza daqueles galegos que no seu día se xuntaron en Conxo arredor das ideas de liberdade e de galeguismo.

Un Estatuto de Nación que ten que proceder do noso recoñecemento nacional.

Un Estatuto de Nación que ten que servir para que Galiza teña un ámbito competencial blindado de interferencias foráneas.

Un Estatuto de Nación que sexa fonte de dereitos e deberes dos cidadáns galegos para o século XXI.

Un Estatuto de Nación, porque Nación consiste en que os cidadáns teñan dereito a decidir por si mesmos o seu futuro.

Galiza, os galegos e galegas, queren definir o seu futuro. E precisamente por iso somos Nación.

Nada máis e moitas grazas.



  Iria Aboi, clic para aumentar
Iria Aboi: “Aquel banquete deuse en chamar democrático non por caprichos da Historia, senón porque foron a defensa da democracia e da xustiza social como o son hoxe para nós. Non existe conxunción e simbiose máis nidia e xenuína da democracia e da xustiza social máis que a declarámonos nacionalistas galegos. Que é máis democrático e xusto que reivindicar o dereito do noso pobo a decidir como quere vivir e cal quere que sexa o seu futuro? Como quere organizarse, autoorganizarse e responsabilizarse dos seus propios asuntos e como quere relacionarse co resto de pobos do seu contorno? Que hai máis democrático e xusto que reivindicar o dereito a traballar na propia terra?”. (Foto: ©galizacig.com 02/03/2006).
 
Iria Aboi,
secretaria de organización dos CAF

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.

Rescatándoa para esta conmemoración quixen comezar a miña intervención coas verbas límpidas, transparentes e inmorredoiras da nosa poeta Rosalía de Castro, unha das que aínda non nomeándose asistiu a aquel banquete de Conxo.

Compañeiras e compañeiros da Confederación Intersindical Galega e dos Comités Abertos de Escola e Faculdade, organizacións convidadas, amigas e amigos todos, hoxe conmemoramos o 150 aniversario do Banquete Democrático de Conxo, aló polo ano 1856 onde un grupo de estudantes universitarios e obreiros sentaron as bases de futuros encontros e colaboracións como a de hoxe.

150 anos daqueles que sobre aquel pequeno convivio puxeron en alerta aos sectores e poderes máis españolistas da Galiza do século XIX. Aquela Galiza que agromaba ante a profunda crise económica que padecía onde a rebelión polo pan, ante os abusos do goberno anunciaba a superación da represión dos movementos, daquela xa poderíamos consideralos nacionalistas de 1846, que culminarían nos tristes e tráxicos acontecementos da nosa historia vividos en Carral dos que antes falaba Mera.

Falabamos de que aquel xantar que reflectía os sentimentos de unidade das camadas sociais máis desfavorecidas que tamén se erguían por toda Europa, para reclamar o que por dereito e sentido lles era negado. Parece todo menos unha anacronía. Hoxe, aínda que nun sistema de democracia formal, os que conmemoramos, sen estar asediados coma eles, a aqueles que hai 150 anos se reuniron non hai moitos quilómetros de aquí seguimos os seus pasos e os seus mesmos sentimentos.

Aquel banquete deuse en chamar democrático non por caprichos da Historia, senón porque foron a defensa da democracia e da xustiza social como o son hoxe para nós. Non existe conxunción e simbiose máis nidia e xenuína da democracia e da xustiza social máis que a declarámonos nacionalistas galegos. Que é máis democrático e xusto que reivindicar o dereito do noso pobo a decidir como quere vivir e cal quere que sexa o seu futuro? Como quere organizarse, autoorganizarse e responsabilizarse dos seus propios asuntos e como quere relacionarse co resto de pobos do seu contorno? Que hai máis democrático e xusto que reivindicar o dereito a traballar na propia terra? Que reivindicar o dereito a definir o noso propio modelo de ensino adecuándoo á nosa realidade social, o dereito a estudar con dignidade no noso país? Que hai máis democrático e xusto que reivindicar non ser unha mera estatística cando morre un mozo, por exemplo nunha empresa do naval de Marín?

Non é romanticismo ou capricho da historia sermos nacionalistas, senón que é unha necesidade vital, de servizo vocacional ao país. Intrínseca e inseparábel do trato que se lle deu secularmente e se lle está a dar ao noso pobo.

Hoxe conmemoramos aquel primeiro banquete fraternal da historia do noso país, para reafirmarnos unha vez máis, para compartir o denominador común de todas as organizacións que estamos aquí hoxe e traballamos pola mudanza política e social da nosa nación.

Esas sinais de identidade indisolúbel que levamos as mulleres e homes que contribuímos ao proxecto nacionalista. Máis tamén estamos aquí para evidenciar se non ficara claro para algúns que así como a historia é imparábel, tamén o son os avances da sociedade e do nacionalismo galego, por moito que se pretenda atomizar, difamar ou desprestixiar a nosa opción política, confundir á nosa base social con mensaxes impregnadas de ficticio galeguismo ou perseguir o noso proxecto político por parte dos que, cubertos cun verniz democrático, intentan negarlle a Galiza como nación os nosos lexítimos dereitos.

Por moito que isto se pretenda todos e todas nós temos claro o que somos, o que fomos e o que queremos ser. Porque gozamos da perspectiva da memoria histórica da que outros carecen.

Sabemos que os que estaban no Banquete de Conxo ou posteriormente nas Irmandades ou nas Arengas da mocidade tiveron a importunidade de encarar procesos incómodos para o españolismo como que está a vivir o noso país non mirarían para outro lado.

Porque todos somos partícipes do traballo feito e do que o nacionalismo galego ten conseguido, mais todos somos responsábeis e importantes para que o noso proxecto avance e mellore as condicións de vida da nosa xente.

Para que as nosas nenas e nenos poidan aprender galego e así continuar as mil primaveras máis para a nosa lingua.

Para que os traballadores das ambulancias melloren as súas condicións de traballo ou para que os nosos mariñeiros poidan seguir faenando.

Para que a memoria de Bóveda e dos outros mártires sexa restituída ou para que a nosa danada Rosalía sexa recoñecida non como unha chorona senón como unha das grandes iniciadoras da recuperación da nosa literatura publicando o primeiro dos libros editados en galego do que antes vos lía un fragmento.

Por iso hoxe estamos aquí, por iso celebramos este dous de marzo, con fachenda e orgullo do que nos honra de sermos galegas e galegos. Como celebraremos tamén os próximos 8 e 10 de marzo e todas as datas sinaladas da nosa historia. Porque recordamos un pasado de loita e porque recordamos que aínda seguimos loitando por unha Galiza Ceibe e Popular.

Nada máis e a seguir celebrando máis aniversarios.


  Suso Seixo, clic para aumentar
Suso Seixo: “Outro dos aspectos importantes a resaltar é o carácter democrático, popular e progresista que tivo sempre o movemento nacionalista galego, que estivo sempre identificado co que son os intereses das nosas clases populares, das nosas clases traballadoras e iso é o que lle dá o carácter transformador, o carácter revolucionario que ten nesta sociedade o movemento nacionalista galego. (...) A reforma do Estatuto que se aprobe no Parlamento galego vai ser produto da correlación de forzas que existe aí, que non é precisamente favorábel ao nacionalismo. Polo tanto, ese debate tennos que quedar moi claro, non vai quedar pechado e nós imos continuar estando tan lexitimados como nacionalistas para seguir loitando con todo o proxecto estratéxico que temos para o noso país”. (Foto: ©galizacig.com 02/03/2006).
 
Suso Seixo,
secretario xeral da CIG

Amigos e amigos,

Gracias pola vosa presenza nesta conmemoración.

Nós pretendemos, coa conmemoración deste 150 aniversario do Banquete de Conxo, ese acto de confraternidade entre traballadores e estudantes queremos conmemorar este acto pero queremos facelo extensivo esta conmemoración con todos estes sucesos, que aparecen recollidos nun encartábel que se vos repartiu, que tiveron lugar durante o século XIX e que serviron de base para crear todo un movemento plural, social, político que contribuíu de forma decidida a conformar as bases do que hoxe é o movemento nacionalista galego. Polo tanto, con esta conmemoración queremos facela extensiva a todos ese actos do século XIX.

Eu quixera aproveitar para facer unhas pequenas referencias a feitos que gardan relación con estes outros e que están bastante de actualidade.

Un deles, ao fío do debate que se está a dar neste momentos de reforma dos Estatutos de Autonomía e no recoñecemento ou non do carácter nacional e plurinacional do Estado que feitos como o século XIX e de séculos anteriores demostran que Galiza non é un invento de hai dous días nin un invento de laboratorio de ningún investigador experto.

A existencia do nacionalismo galego, ten unhas bases históricas, unhas bases culturais, unhas bases materiais, que son o cerne do que é o noso pobo.

Isto é importante poñelo de manifesto porque son moitos e moitas fundamentalmente desde o campo da dereita, desde o Partido Popular e tamén desde sectores do PSOE, de sectores bastante amplos tamén do PSOE, que pretenden negar a condición do noso país como nación e pretenden facernos ver que o nacionalismo é un invento de alguén. Coido que isto, lembrar feitos da nosa historia, como é este Banquete de Conxo demostra que o nacionalismo ten unha base moi real e moi cos pés no noso país.

Outro dos aspectos importantes a resaltar é o carácter democrático, popular e progresista que tivo sempre o movemento nacionalista galego, que estivo sempre identificado co que son os intereses das nosas clases populares, das nosas clases traballadoras e iso é o que lle dá o carácter transformador, o carácter revolucionario que ten nesta sociedade o movemento nacionalista galego.

Por iso foi, desde sempre, tan rexeitado polo poder, tanto de dentro como de fora do país. Pódese mesmo chegar a aceptar no marco do Estado a existencia de outros movementos nacionalistas, agás do movemento nacionalista galego.

Todos os movementos nacionalistas do Estado teñen a súa xustificación, o movemento nacionalista vasco, o movemento nacionalista catalán, pero aquel que se presenta sempre por parte do poder como raro é o movemento nacionalista galego. Iso é precisamente polo fondo contido de clase e polo fondo contido popular e polo tanto transformador e revolucionario.

É importante tamén resaltar a evolución ideolóxica do nacionalismo desde as súas orixes, desde o rexionalismo, desde o provincialismo... tivo unha evolución ideolóxica que hoxe enmarca unha opción cun contido ideolóxico fundamentalmente de esquerdas e unha forte introdución social que hoxe é difícil defender Galiza e o que Galiza representa sen o movemento nacionalista.

A nosa introdución tanto no campo do estudantado, como no campo sindical como no ámbito da cultura, das institucións e na vida política e social de Galiza non sería a mesma se non existira o movemento nacionalista galego. Moitas das reivindicacións dos nosos dereitos como país, as nosas reivindicacións en defensa dos sectores produtivos, a exixencia da existencia de Galiza e que Galiza ten que ocupar un papel diferente tanto no marco do Estado español como no desa Unión Europea neoliberal que nos intentan impor todos os días, que esa existencia e esa reivindicación non sería posíbel se o nacionalismo galego non existira e non tivera a forza que ten.

Dentro destas reflexións está tamén resaltar a alianza que representou o Banquete de Conxo de estudantes e traballadores. Unha alianza que tivo un papel moi importante en todo o que foi a loita do franquismo que tivo un papel moi importante tamén en todo o que foi a conformación do nacionalismo actual e mesmo do que foi a conformación do movemento sindical galego, tanto no campo do sector agrario como no campo do sector obreiro.

Remato convidándovos a todos e todas a facer unha fronte común do nacionalismo contra o españolismo nun momento no que estamos a dar un debate importante para o noso país como é a reforma do Estatuto de Autonomía.

Evidentemente temos a posibilidade de crear consciencia dentro das nosas clases populares e de reivindicar os nosos dereitos como pobo. E temos a oportunidade e a necesidade de reivindicar todas aquelas competencias que nós si realmente necesitamos para poder facer do noso país un país con futuro; para facer do noso país un país con calidade de vida; para poder facer do noso país un país onde os nosos mozos e mozas non teñan que seguir emigrando como facían no século XIX.

E para poder conquistar todo iso necesitamos competencias, necesitamos poder desenvolvernos por nós mesmos e decidir que é o que realmente interesa ao noso pobo e necesitamos poder decidir e ter total liberdade para facelo. Temos que definir que tipo de modelo económico e social precisamos para o noso país, por que tipo de modelo económico e social optamos os galegos e galegas e cal é o papel que queremos que teña o noso país no marco do Estado español e no marco da Unión Europea.

Por iso é tan importante o debate que temos que facer respecto das modificacións que hai que facer do actual Estatuto.

É importante que quede claro esto e é importante tamén que quede claro que nós somos plenamente conscientes de que a correlación de forzas que hai actualmente no Parlamento non vai ser favorábel a que consigamos grandes competencias e grandes avances. Iso efectivamente é así e somos conscientes diso. Pero tamén temos que ser conscientes de outra cousa, o movemento nacionalista ten un programa estratéxico, unha alternativa para o noso país que é a soberanía do mesmo, e as posibilidades de podérmonos desenvolver por nós mesmos e ese debate non vai quedar pechado do que poida saír da reforma do Estatuto.

A reforma do Estatuto que se aprobe no Parlamento galego vai ser produto da correlación de forzas que existe aí, que non é precisamente favorábel ao nacionalismo. Polo tanto, ese debate tennos que quedar moi claro, non vai quedar pechado e nós imos continuar estando tan lexitimados como nacionalistas para seguir loitando con todo o proxecto estratéxico que temos para o noso país.

Remato lembrando que dentro da dirección da CIG estamos nun debate que posibelmente nos leve a facer máis banquetes destas características para anos futuros, porque pretendemos non só conmemorar o Banquete de Conxo senón tamén as moitas loitas que a clase traballadora ten feito en defensa dos seus intereses no noso país e polo tanto defendemos de novo recuperar todo aquel espírito do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega.

Polo tanto intentaremos facer, coincidindo con esa data, un acto destas características no que todo o nacionalismo poda xuntarse para reivindicar algo que cada vez está máis desaparecido dos medios de comunicación, que é o mundo do traballo o mundo das clases traballadoras, o esforzo que facemos todos os días os traballadores e traballadoras polo progreso do noso país. E iso é importante que poda aparecer aí, que nós poidamos facer un banquete onde aqueles conflitos laborais que se deron ao longo do ano estean aí presentes e poidamos reivindicalos, poidamos solidarizarnos con eses compañeiros e compañeiras que fixeron esas loitas e poidamos facerlles un agasallo tamén en correspondencia ao seu sacrifico en defensa dos seus intereses e na mellora das condicións de vida e das condicións laborais de todas e todos nós.

Polo tanto en anos futuros pretendemos recuperar de novo o espírito e este tipo de xuntanzas que parecen moi necesarias para o noso país e para a nosa clase.

Nada máis e moitas grazas.

 
 
Informacións relacionadas
07/03/2006 Compostela terá unha rúa co nome de Rúa do Banquete de Conxo
03/03/2006 DESDE O VENTRE DA BALEA
“Banquete de Conxo”: artesáns e estudantes de mans dadas
Artigo de Rafa Villar (CIG)
02/03/2006 150 Aniversario do Banquete de Conxo
Confirmada a presenza de numerosas asociacións e persoeiros ao xantar organizado pola CIG e os CAF
02/03/2006 Patria e liberdade
Artigo de Manuel Mera (CIG)
25/02/2006 A historia repítese e traballadores e estudantes vólvense dar cita o 2 de marzo xunto a representantes sociais e persoeiros da cultura
CIG e CAF organizan un xantar para conmemorar o 150 aniversario do “Banquete de Conxo”
24/01/2006 O banquete de Conxo, a unidade de obreiros e estudantes
Artigo de Manuel Mera (CIG)
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta