|
Actualidade CIG-Comunicación-
Dos 200 millóns de euros que lle correspondían a Galiza no Plan do Carbón 1998-2005 só se recibiron 64. A CIG agardaba que logo de ter recoñecido o propio Ministerio de Industria a perda deses 140 millóns se compensara a situación no Plan do Carbón 2006-2012. Porén, co acordo ao que se chegou na Mesa do Carbón, na que só están representados os sindicatos estatais, mantense a discriminación. O criterio acordado para realizar o reparto foi o de previsión de perda de postos de traballo. Deste xeito, Fermín Paz Lamigueiro, membro da Executiva Confederal da CIG, explica que se sabe que en Galiza se van perder entre a conca mineira de As Pontes e a de Meirama uns 350 empregos no período 2006-2012. Atendendo a este criterio, corresponderían 195 millóns de euros pero a cantidade que se destinará será de só 135 millóns de euros. Deste xeito, Paz Lamigueiro asegura que se empregaron criterios subxectivos e que, polo tanto, eses 65 millóns que unha vez máis non se destinan a Galiza van parar a outras comunidades. Tal é así que dos 2.800 millóns a repartir, vanse distribuír case un 60% para Asturias, o 25% para Castela-León e un 4,7% para Galiza.
O membro da Executiva Confederal da CIG sinala que en Meirama xa estaba previsto un número importante de despedimentos que foron evitados grazas ás mobilizacións impulsadas pola CIG e hoxe mesmo sóubose do anuncio de despedimento de tres compañeiros de Masa Galicia, auxiliar que traballa en As Pontes. Diante desta situación Fermín Paz afirma que “estes son os temas que hai negociar nas mesas” e subliña que se non se acadan os acordos necesarios produto da negociación a CIG se verá obrigada a “facer unha convocatoria para a defensa do emprego”. Neste sentido agarda que se obteñan resultados na recentemente constituída Mesa Galega do Carbón e engade que a discriminación de Galiza na Mesa estatal vén provocada “pola ausencia de organizacións sindicais que defendan realmente os nosos intereses”. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/03/2006 |
|||||||||
|