|
Actualidade CIG-Comunicación-
Participaron na Conferencia arredor de 250 persoas en representación de organizacións sindicais de Alemanha, Bélxica, Chipre, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estado español, Francia, Galiza, Grecia, Irlanda, Italia, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Suecia, Suíza e Turquía. A delegación máis numerosa estivo formada, naturalmente, por británicos pertencentes a moitas das organizacións membros do TUC–Trade Unions Congress, central sindical única do Reino Unido. Entre os oradores que protagonizaron as tres sesións plenarias cabe destacar a John Monks (actual secretario xeral da Confederación Europea de Sindicatos e anterior secretario xeral do TUC), Kleiv Fiskvik (presidente de LO–Noruega), Gloria Mills e Brendan Barber (presidenta e secretario xeral, respectivamente, do TUC-Reino Unido) e Florival Lança (secretario internacional da GGTP/IN-Portugal). Pola primeira vez unha parte moi significativa e importante do movemento sindical europeo se involucra conxunta, directa e publicamente nun acto solidario con Cuba e o seu proceso revolucionario. E faino, ademáis, nun contexto político internacional no que os Estados Unidos incrementan as agresións desetabilizadoras contra Cuba implementando un chamado “Plano para unha transición Cuba” e mentres a Unión Europea non se decide a eliminar definitivamente as sancións impostas a Cuba. É de destacar tamén a participación activa de John Monks pois a súa presenza supón un apoio implícito da Confederación Europea de Sindicatos a esta Conferencia. A iniciativa desta Conferencia deséñase, organízase e realízase nun momento no que o panorama sindical internacional está sufrindo importantes modificacións organizativas. Por iso, a presencia de organizacións sindicais de todo o espectro organizativo mundial ten tamén unha significación que vai máis alá da mera presencia física. En definitiva, un grande éxito político que ven a poñer un importante broche final ao mandato de Pedro Ross como secretario xeral da Confederacón de Traballadores de Cuba-CTC. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2006 |
|||||||
|