|
Actualidade CIG-Comunicación-
A Confederación Intersindical Galega centrou os actos do 10 de marzo na denuncia dos altos índices de sinistralidade laboral. Os secretarios comarcais apuntaron á responsabilidade dos empresarios no incremento do número de mortos en accidente de traballo, por non aplicar nas empresas as medidas preventivas ás que obriga a lexislación vixente e polos elevados índices de precariedade laboral existentes. Ademais apuntaron tamén ás administracións por non realizar o labor de inspección coa dilixencia necesaria para previr a sinistralidade e obrigar á patronal a cumprir coa lexislación, e á propia Fiscalía por non actuar coa debida contundencia contra os empresarios responsábeis de accidentes laborais, mesmo con resultado de morte pola súa neglixencia no cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais. A CIG mobilizouse até nas comarcas máis pequenas. Así na Mariña celebrouse a concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo en Burela, onde se deron cita delegadas e delegados da zona centro da comarca. O acto deu comezo contra a unha da tarde e rematou coa entrega dun manifesto aos representantes da CEL. Xorxe Caldeiro destacou a precariedade laboral como unha das principais causas da sinistralidade e apostou por mellorar as condicións laborais e por unha maior implicación da Administración para que obrigue aos empresarios a aplicar as medidas preventivas necesarias para previr a sinistralidade.
A sinistralidade laboral na provincia de Lugo tense incrementado nun 21% desde que se aprobou a Lei de Prevención de Riscos laborais hai 10 anos. Durante este período máis de 42.000 traballadores lucenses sufriron algún accidente laboral e un total de 147 finaron a consecuencia das lesións sufridas. Neste sentido, Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG de Lugo, lamentou que a Fiscalía “non apreciase delicto penal en tanta morte” e destacou que a Fiscalía de Lugo segue tendo problemas para que se lle faga entrega das actas de infraccións graves, o que provoca que os xuíces acaben por “arquivar os casos”. Na concentración celebrada en Lugo a CIG mobilizou a delegadas e delegados que se deron cita diante das instalacións da CEL, ás 12:00 horas na Praza de Santo Domingo. A esta hora tamén se celebraban mobilizacións no resto das cidades galegas.
En Ourense arredor de 150 delegadas e delegados participaban xa as 10:00 horas na asemblea previa á concentración, convocada para as 11:30 diante da sede da Confederación de Empresarios de Ourense. No acto, Etelvino Blanco, secretario comarcal, pediu responsabilidades á patronal polo incumprimento da lexislación en materia de prevención por parte de moitos empresarios ourensás. Blanco lembrou as 78 mortes por accidente laboral que se produciron en Ourense na última década e demandou un cambio urxente da situación para frear dunha vez o preocupante incremento da sinistralidade. Por iso, pediu un esforzo a todos os representantes sindicais para exixir unha política de prevención efectiva, e a súa participación no actos que se convoquen desde a CIG cada vez que se produza un accidente laboral.
Pontevedra conmemorou o Día da Clase Obreira Galega cunha asemblea de delegadas e delegados e dúas concentracións, unha diante de FREMAT e outra diante de AEMPE. A asemblea daba comezo ás 10:00 horas no Salón Sindical onde o secretario comarcal, Rafa Iglesias, facía unha exposición sobre o significado histórico da data e a súa relevancia como xérmolo do que hoxe é o sindicalismo nacionalista. Iglesias lembrou tamén os motivos polos que a CIG celebraba este 10 de Marzo baixo o lema “Sinistralidade Laboral, Responsabilidade Patronal” e incidía no papel que ten neste intre a patronal e o que debería ter canto a prevención de riscos laborais, ademais de expor os alarmantes datos de accidentes laborais nesta última década. O secretario comarcal de Pontevedra subliñou tamén o papel que ten a Confederación de Empresarios, que consinte a actual situación; o papel da Inspección de Traballo, que debería ter máis medios para realizar con eficacia o seu labor e o papel que debería ter a Fiscalía, á que fixo un chamamento para que actúe de oficio diante de calquera denuncia de incumprimento da Lei de Prevención e cando se producen accidentes graves. Ademais, a CIG de Pontevedra acordou concentrarse tanto diante da patronal AEMPE (Asociación Empresarial da Pequena e Mediana Empresa) e diante da mutua FREMAT, unha das que dá cobertura a máis traballadoras e traballadores de Pontevedra. Rafa Iglesias explicou que a decisión de concentrarse tamén diante desta mutua é pola súa actuación cos traballadores pois “ten varios casos de dar altas a traballadoras e traballadores, como é o caso da compañeira Ana Lois, sen estar completamente curados. Unha situación que ten provocado que desde a CIG presentáramos numerosos recursos”.
Na cidade de A Coruña, no que vai de ano, xa morreron tres traballadores en accidente laboral. “Un dato escalofriante” para o secretario comarcal da CIG, Paulo Carril, que foi lembrado, como non podía ser menos, na concentración convocada tamén diante da sede da CEC para denunciar a elevada sinistralidade laboral e os incumprimentos da Lei de Prevención. Carril denunciou a situación na que se atopan os gabinetes técnicos de prevención, aos que considerou “impasíbeis e incompetentes” para exercer o seu labor: vixiar a saúde laboral. Ademais, asegurou que a CIG continuará a exixir que se “depuren as responsabilidades” pola morte de dous traballadores o pasado mes de febreiro na UTE Langosteira, encargada das obras de construción do Porto Exterior da Coruña.
Compostela lembrou o 10 de Marzo cunha concentración diante da CEG tras da que o secretario comarcal, Anxo Noceda, e o secretario de organización, Xosé Maio, fixeron entrega á patronal dun escrito no que se denuncia a relación existente entre precariedade e sinistralidade e a responsabilidade das organizacións empresariais “que non fan todo o posíbel por rematar con esta lamentábel realidade laboral”. Noceda explicou que Galiza padece das máis elevadas taxas de sinistralidade, tanto a nivel estatal como europeo, cunha taxa de precariedade do 35% e con tan só 1 de cada 10 novos contratos indefinidos. “Non é, nin pode ser casual que ambos feitos, sinistralidade e precariedade laboral, se sitúen na nosa nación en niveis alarmantemente elevados e moi por riba da media do Estado. Non é casual porque é clara a relación que existe entre precariedade laboral e sinistralidade, ou sexa, a maior precariedade laboral, maior sinistralidade”, sinalou o secretario comarcal compostelán. Deste xeito, Anxo Noceda identificou como responsábeis da sinistralidade, por unha banda ás políticas neoliberais e, pola outra, á propia actitude da patronal, da que dixo que “lonxe de pular por unha maior estabilidade laboral, de xeito continuado, mesa de negociación tras mesa de negociación, ten como pretensión única a flexibilización e precarización do mercado de traballo”. Por iso asumiuse o compromiso de denunciar “permanente e constantemente estas actitudes empregando para iso todos os medios ao noso alcance, xa sexa nas mesas de negociación, xa sexa na rúa coa mobilización, ou mesmo diante da Inspección de Traballo e da Fiscalía”.
Máis de 400 persoas participaron na asemblea convocada, ás dez da mañá no Salón dos Capuchinos, pola CIG de Vigo. Unha asemblea na que tivo especial presenza a problemática da muller e na que xa se anunciaron algúns dos actos que a CIG prepara para o Primeiro de Maio. Elvira Patiño, secretaria confederal da Muller, asistiu á asemblea convocada en Vigo, antes da manifestación do 10 de Marzo, para tratar das medidas a introducir nos convenios de cara a garantir a igualdade e para a prevención da violencia de xénero. A CIG de Vigo escolleu esta temática, porque, segundo explicou Raquel Pazos, está participando no programa europeo EQUAL, dirixido a fomentar o emprego feminino en sectores masculinizados. Pero xunto a estes temas, o secretario comarcal, Xerardo Abraldes, tamén fixo referencia aos cambios introducidos na Directiva Bolkestein, “cambios que non se terían dado sen as mobilizacións protagonizadas polos traballadores e traballadoras, tanto en Galiza como a nivel europeo”.
Ao remate do debate suscitado tras da exposición dos distintos temas, os asistentes á asemblea saíron en manifestación desde o cruce da Vía Norte con Urzaiz. Aos participantes uníronse en García Barbón un considerábel grupo de traballadores do sector de ambulancias que previamente cortaran o tráfico nesa rúa e que foron recibidos con aplausos polos manifestantes. Diste xeito, a manifestación percorreu as rúas viguesas, facendo unha primeira parada diante da sede do Sergas para rematar finalmente diante da sede da patronal, onde os agardaba unha ampla representación de antidisturbios dispostos a protexer aos empresarios dos traballadores que protestataban pola alta sinistralidade laboral que padece Galiza. Abraldes, na súa intervención, lembrou o conflito de ambulancias, para o que demandou unha pronta solución e fixo referencia tamén á responsabilidade que os empresarios teñen no constante incremento dos accidentes de traballo, porque son dixo, “os que moven os fíos nas empresas para permitir ou non que se faga prevención”. |
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2006 |
|||||||||||||||
|