ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 27 de marzo de 2006

Demandan o apoio dos clientes co envío de correos electrónicos
As traballadoras e traballadores de Froiz mobilízanse en demanda de melloras nas súas condicións laborais

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Concentración Supermercados Froiz, clic para aumentar
Concentración Supermercados Froiz, clic para aumentar
Esta concentración é só o primeiro paso dun calendario de mobilizacións que se van repetir regularmente nos centros de Froiz da comarca para dar a coñecer socialmente esta situación de precariedade laboral. (Fotos: ©galizacig.com 24/03/2006).
Non á precariedade en supermercados Froiz
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 0'53'', espazo en disco: 9.973.942 bytes [9,51 Mb]).
 
O pasado venres 24 de marzo, uns 50 traballadores e traballadoras concentráronse diante do centro de traballo que Lorenzo Froiz ten na Praza do Toural de Santiago, logo de comprobar que a empresa non tiña ningunha vontade de negociar co Comité de Empresa, formado por 4 delegadas/os da CIG e 1 delegada de CCOO.

Esta concentración é só o primeiro paso dun calendario de mobilizacións que se van repetir regularmente nos centros de Froiz da comarca para dar a coñecer socialmente esta situación de precariedade laboral e para a que se está solicitando tamén a complicidade de clientes desta empresa para que realicen queixas á empresa e asinen un manifesto de apoio aos traballadores e traballadoras.

Así, a campaña continuará até que a empresa solucione o problema ou se sente a negociar, e con seriedade, unhas condicións de traballo dignas.

Reproducimos a continuación o comunicado das traballadoras e traballadores de Froiz e un texto tipo para realizar unha protesta mediante o formulario de contacto da páxina web de Froiz.


Non á precariedade en Lorenzo Froiz

Comunicado

En Supermercados Lorenzo Froiz os traballadores e traballadoras vimos soportando horarios de até 52 horas semanais desde hai xa demasiado tempo. Excédense todos os máximos legais: máximo diario, semanal, anual, o máximo de horas extras anuais e non se cumple o descanso entre xornadas en moitas ocasións.

Se traballamos 40 horas, a empresa pretende, a cambio, quitarnos unhas cantidades que se veñen cobrando desde hai anos e que para nada compensan as horas extras que se realizan. Consideramos abusiva a postura da empresa que cada ano deixa de pagar máis de 3.000 euros por persoa en concepto de horas extras e agora pretende facernos perder máis dereitos.

Queremos que se coñeza a situación de precariedade na que estamos realizando o noso traballo e que durante todo este tempo viñemos aguantando mentres os nosos representantes negociaban coa empresa. Agora, rotas as negociacións pola cerrazón de Supermercados Lorenzo Froiz, comezamos unha serie de mobilizacións e actos informativos para que sexa público e seguiremos así até que a empresa se sente con vontade real de arranxar os problemas.

Exiximos:

1. Que dunha vez por todas se asuma a lexitimidade e a capacidade de representación dos nosos representantes sindicais, así como o fin das represalias.

2. Que se estableza un calendario laboral de 40 horas semanais que respecte todas as normativas legais sen que ningún traballador ou traballdora sufra mermas salariais.

3. Que se remate coa eventualidade e se cumpra coa porcentaxe que establece o convenio colectivo de 75% de indefinidos en plantilla e cumprindo esta porcentaxe en todas as categorías.

4. Que se estableza un sistema transparente no pago de incentivos e comisións por venda para rematar coa chantaxe que supoñen agora.


Texto tipo para formular unha protesta

Copia o texto en vermello e pégao no lugar ao efecto (apartado “Observaciones”) do formulario de Contacto da páxina web de Froiz en:

http://www.froiz.es/contacto.asp

Como cliente de Supermercados Lorenzo Froiz teño coñecemento da situación de precariedade e abusos laborais na que desenvolven o seu traballo os empregados e empregadas da súa empresa. Nalgúns casos parece que vivan no centro de traballo, de tanto tempo que pasan alí, polo que considero urxente que se normalice esta situación cumprindo a legalidade e sen perda de dereito ningún.

Polo tanto comunícolles a miña intención de deixar de mercar nos seus establecementos e de informar no meu círculo de familiar e social desta situación se esta non se modifica.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/04/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta