ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 30 de marzo de 2006

CIG e UGT denuncian a conflitividade laboral no Banco Gallego e a negativa da Dirección a negociar
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Rolda prensa conflito Banco Gallego, clic para aumentar
Tanto Xosé Valcárcel, da CIG, como José Luís Muñoz, da UGT, fixeron un repaso á situación laboral que se vive no Banco Gallego, cun malestar latente entre o persoal que estoupou tras da convocatoria, por parte da empresa, dun curso de máis de tres horas de duración, dúas tardes á semana, durante catro meses. Isto obrigou aos traballadores a desprazarse desde os seus lugares de residencia e traballo aos centros nos que se impartía o curso en Vigo, Santiago ou A Coruña, logo de oito horas de traballo, con regreso contra as nove da noite para ir ao traballo ás oito da mañá seguinte. (Na foto, de esquerda a dereita, Clodomiro Montero, Xosé Valcárcel, José Luís Muñoz e Rubén Conde. ©galizacig.com 29/03/2006).
 
Carga de traballo excesiva, exixencias desmesuradas de resultados, duplicidade de funcións, perda de avantaxes sociais, perda de pluses ou ameazas de traslados. Así retrataron representantes da CIG e UGT a situación laboral que están a padecer os traballadores do Banco Gallego, na rolda de prensa convocada o pasado mércores 29 de marzo.

Na rolda de prensa estaba prevista inicialmente a presenza das tres centrais sindicais: CIG, UGT e CCOO. No último momento CCOO descolgouse tras recibir unha chamada da dirección da empresa coa que se convocaba unha xuntanza co responsábel de Recursos Humanos.

CIG e UGT acordaron manter a convocatoria, xa que no acordo acadado na asemblea de traballadores celebrada o pasado 21 de marzo contemplábase a posibilidade de manter unha xuntanza unicamente co director xeral.

Dese xeito, tanto Xosé Valcárcel, da CIG, como Jose Luís Muñoz, da UGT, fixeron un repaso á situación laboral que se vive en Banco Gallego, cun malestar latente entre o persoal que estoupou tras da convocatoria, por parte da empresa, dun curso de máis de tres horas de duración, dúas tardes á semana, durante catro meses. Isto obrigou aos traballadores a desprazarse desde os seus lugares de residencia e traballo aos centros nos que se impartía o curso en Vigo, Santiago ou A Coruña, logo de oito horas de traballo, con regreso contra as nove da noite para ir ao traballo ás oito da mañá seguinte.

Ante o crecente descontento as organizacións sindicais convocaron para o 21 de marzo unha asemblea á que asistían 108 traballadores e traballadoras do Banco Gallego, deles 76 apoderados. Nesa asemblea acordábase:

a) Non asistir a ningunha convocatoria da empresa polas tardes, xa sexan cursos de formación como reunións de traballo, mentres o banco non negocie cos sindicatos as condicións de asistencia. Proposta que obtivo 107 votos a favor e unha abstención.

b) Se o banco non cambia de actitude nas súas relacións laborais, haberá unha renuncia masiva aos poderes por parte dos apoderados do banco, ante notario e convocando aos medios de comunicación para darlle publicidade. Unha proposta aprobada por 106 votos a favor e 2 abstencións, pero coa peculiaridade de que os 76 apoderados que estaban presentes estaban a favor.

c) Por unanimidade acordouse a convocatoria dunha concentración de delegadas/os diante do Hotel Puerta del Camino, coincidindo coa celebración da Xunta Xeral de Accionistas, para amosar ante o Consello de Administración e os accionistas o malestar pola situación laboral.

Para ilustrar as precarias condicións laborais, o representante da CIG, Xosé Valcárcel lembrou as declaracións realizadas polo director xeral da entidade na presentación dos resultados económicos (uns beneficios en 2005 de máis do 20%) o pasado 6 de marzo, nas que afirmaba que “o cadro de persoal do banco sabe que ten que estar dispoñíbel para o cliente as 24 horas do día. Se un cliente o chama, aínda que sexan as 10 da noite o atenderá aínda que estea na súa casa. Esta é unha das principais características que nos diferencian dos nosos competidores”.

Unha afirmación que mereceu, por parte de Valcárcel a cualificación de “vergonzosa” do punto de vista empresarial. “Non queremos diferenciarnos do resto do sector precisamente por traballar máis horas”, dixo, engadindo que “hai estudos que indican que traballando máis de 8 horas ao día pérdese calidade de traballo e rendemento”.

En referencia a esa excesiva carga de traballo, José Luís Muñoz secretario sectorial de Banca da UGT, explicou que os interventores “teñen que garantir o funcionamento da súa oficina, ademais son responsábeis administrativos e en moitos casos tamén da oficina da caixa, de cobros e pagos... e en todos os casos de Recursos Humanos, onde hai Recursos Humanos, porque hai oficinas nas que está unha soa persoa traballando”.

Pola súa banda, o representante da CIG engadiu que isto vai ligado a “continuas ameazas de traslados, a exixencias desmesuradas de resultados” cando os interventores “están a convenio pelado”.

Valcárcel lembrou ademais que antes existían pluses derivados da aceptación de cargo ou traslado, que perderon porque “foron absorbidos nuns casos por subas de convenio e noutros porque como figuraban na nómina como pluses voluntarios a empresa simplemente os eliminou”.

Tamén se foron perdendo as melloras sociais que se negociaron por última vez no ano 1997 e que venceron no 2000. Así, o representante da CIG explicou que no ano 1998 Banco 21 absorbeu Banco Gallego, quedando co nome de Banco Gallego pero co CIF de Banco 21. A partir dese momento os traballadores do cadro de persoal mantiveron os dereitos que xa adquiriran pero os novos quedaron sen ningún: nin melloras extra convenio, nin axudas para fillos, nin dotación de Nadal (que podía chegar até os 500 euros).

Alén diso, até hai un par de anos os bolseiros desenvolvían as mesas tarefas que calquera outro traballador pero sen estar de alta na Seguridade Social. No ano 2003 a CIG presentou unha denuncia por esta situación diante da Inspección de Traballo e nun só día levantáronse 11 actas de infracción coa alta obrigatoria de 11 compañeiros/as.

Diante desta situación e en cumprimento dos acordos acadados na asemblea do 21 de marzo, CIG e UGT manifestaron a súa intención de manter a convocatoria de concentración coincidindo coa celebración da Xunta Xeral de Accionistas.

Ambos coincidiron en afirmar que haberá que valorar, en todo caso, o resultado da xuntanza e que obrarían en consecuencia só se a empresa manifesta unha “moi boa vontade” para solucionar os problemas existentes.

 
 
Informacións relacionadas
24/03/2006 A Dirección tense atopado cunha resistencia inesperada na implantación dunha agresiva política laboral e comercial
Rebelión sindical no Banco Gallego: Nin tardes, nin presión, dereitos laborais
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta