|
Actualidade CIG-Comunicación-
A primeira hora da mañá a CIG de Ferrol celebraba unha asemblea de delegadas e delegados, seguida dunha ofrenda floral no monumento en lembranza a Amador e Daniel. Á tarde, contra as sete, partía a manifestación, encabezada pola pancarta co lema “Sinistralidade Laboral, Responsabilidade Patronal”. Na manifestación estiveron presentes representantes de diversas organizacións sociais e políticas, secretarios comarcais e membros da Executiva Confederal da CIG. Xunto a eles, traballadores e traballadoras da cidade e unha delegación dos traballadores de ambulancias, que portaban a súa propia pancarta, en demanda de solucións a un conflito que xa vai para dous meses. Ao igual que no resto dos actos falouse de sinistralidade. O secretario comarcal da CIG debuxou a preocupante situación lembrando algúns dos datos máis salientábeis, pero sobre todo, analizou a estreita relación que existe entre sinistralidade e precariedade laboral.
Deste xeito, Pintos sinalou que dadas as condicións do mercado laboral moitas traballadoras e traballadores vense obrigados a aceptar prolongacións ilegais de xornada, o que incrementa fortemente o risco de padecer un accidente no traballo. Pero tamén destacou que “hai responsábeis detrás desta situación”. E eses responsábeis, tal e como apuntou o secretario comarcal, “son os empresarios, que non teñen ningún reparo en aproveitarse do beneficio derivado do traballo dos homes e mulleres contratatadas e consideran antieconómico, non competitivo dedicar cartos á formación dos empregados e empregadas, a proporcionar a formación necesaria e a conseguir os equipos de seguridade precisos. A acomodar as instalacións dos seus centros de traballo e a aplicar as normas de Seguridade derivadas da aplicación dos planos de prevención e seguridade cando dispoñen deles”.
Pintos non se limitou a sinalar a responsabilidade empresarial, tamén responsabilizou aos organismos encargados de vixiar o cumprimento da lexislación, “as administracións encargadas de regular a normativa de prevención e de realizar o labor de inspección son resposnábeis por omisión. Hai permisividade sobre os contratos en precario e esa permisividade faise nun medio no que abundan os desempregados de longa duración, no que menos medran os salarios e no que os custos de contratación están nun 33% por debaixo da media da UE. Unha fenda que segue a medrar cada ano que pasa”. Por iso, fixo un chamamento a mudar esta situación e apostou pola organización da clase traballadora na CIG, para conseguir que “nun futuro moi próximo se persiga e penalice xudicialmente aos culpábeis. Temos que lograr que o continuo bater marcas nunha tola carreira polos beneficios sexa considerado como unha manifestación de indecencia de quen todo o organizan en pro do beneficio e consideran a seguridade no traballo un obstáculo que hai que burlar”.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, pechou os actos do 10 de Marzo cunha intervención na que denunciou, de forma contundente, á patronal como principal responsábel da sinistralidade, pero tamén á Administración, tanto laboral como de xustiza. Á patronal por non formar aos traballadores e traballadoras nesta materia e por non pór as medidas preventivas axeitadas. Á Administración laboral, por non obrigar aos empresarios a cumprir a lexislación e por non perseguir a aqueles que incumpren as medidas de prevención. E a Administración de xustiza por non ter aplicado o Código Penal contra os empresarios e si facelo contra os traballadores que forman parte dos piquetes. Ademais, en lembranza dos sucesos do 10 de marzo de 1972, Seixo sinalou que daquela, os traballadores da Bazán mobilizábanse por conseguir un convenio de factoría. Unha reivindicación que segue facendo a CIG ao demandar un Marco Galego de Relacións Laborais. Marco que se debe reclamar agora, aproveitando o debate de reforma estatutaria que se vén de abrir. Por iso, fixo un chamamento á clase traballadora para “exixir que se contemplen competencias e un nivel de soberanía que nos permita aos galegos e galegas decidir nós cal é o noso futuro”.
Boas trades compañeiros e compañeiras. Un saúdo en nome da dirección da CIG. Moitas grazas por estar un ano máis con nós nesta manifestación conmemorativa do Día da Clase Obreira Galega. Hoxe, ademais desta manifestación que estamos a celebrar aquí na cidade de Ferrol, fixéronse en todas as comarcas de Galiza, convocadas pola CIG, manifestacións e concentracións de delegados e delegadas sindicais diante das sedes dos empresarios. O motivo polo que escollemos as sedes empresariais é que, como vedes, nós temos como lema desta convocatoria “Sinistralidade Laboral, Responsabilidade Patronal”. Collemos o da sinistralidade laboral porque coidamos que é unha lacra, á que se enfrontan todos os días os traballadores e traballadoras, que exixe medidas e respostas inmediatas. O compañeiro Pintos xa apuntaba algúns datos e eu apunto algún máis. Desde que entrou en vigor a Lei de Prevención, hai 10 anos, morreron por accidente laboral en Galiza 1.148 traballadores/as. A isto habería que engadir a cantidade de compañeiros e compañeiras que morreron como consecuencia de enfermidades profesionais que sufriron como consecuencia do seu posto de traballo debido a que no había medidas preventivas suficientes. Isto é importante poñelo de manifesto na loita que levamos adiante todos os días e sinalar co dedo a aqueles que son os verdadeiros culpábeis. É dicir, desde o poder, desde a patronal e, en moitos casos, mesmo desde a xudicatura, con sentenzas que pretenden culpabilizar aos traballadores e traballadoras, ás vítimas dos propios accidentes laborais. Isto é algo que non podemos permitir. Aquí os responsábeis de formar a traballadores/as nesta materia, os responsábeis de pór as medidas preventivas adecuadas, os responsábeis de facer que esas medidas preventivas se leven a cabo e se cumpran son os empresarios. Polo tanto, se hai accidentes laborais e hai accidentes que custan a vida a centos de traballadores/as todos os anos eles son os únicos responsábeis. Hai tamén que denunciar, desde ese punto de vista á propia Administración, tanto laboral como de xustiza. A Administración laboral por non pór os medios necesarios para obrigar aos empresarios e perseguir a aqueles que non cumpren as medidas de prevención. Pero tamén á Administración de xustiza. Nós alegrámonos de que por parte da Fiscalía se poñan fiscais especificamente a traballar nesta materia. O outro día, nunha entrevista que tivemos co fiscal xefe da Fiscalía do TSXG, este facía referencia a que había un artigo no Código Penal, o 316, onde se dicía que aqueles empresarios que non puxeran as medidas de prevención adecuadas que puideran supor o incumprimento desas medidas pór en perigo a integridade física dos traballadores podían ser condenados a penas de cadea de entre seis meses e tres anos. Que pasa, que este artigo do Código Penal aínda se enterou agora a Fiscalía de que leva moitos anos nese código? Por que non se aplicou até o de agora? Por que se aplica o Código Penal aos traballadores, aos piquetes e non se lle aplica aos empresarios cando incumpren a normativa laboral que pode pór en perigo a vida dos traballadores e traballadoras? Iso demostra a concepción elitista que existe dentro da Xustiza e a concepción de clase que hai á hora de facer uso, a hora de aplicar o Código Penal segundo a condición social de quen senta no banquiño e isto hai que denuncialo porque é así, e demostra que a xudicatura e a Fiscalía viven nun mundo aparte, nun mundo onde os problemas sociais non contan. Viven no seu mundo particular e hai que rematar con este tipo de condutas. Polo tanto temos moito que traballar e moito que exixir. Por parte da CIG seguiremos a traballar na concienciación, na formación dos delegadas de prevención, pero seguiremos a exixir á Administración que cumpra coas súas obrigas. Seguiremos a exixir aos empresarios que poñan as medidas preventivas necesarias e seguiremos a mobilizarnos. Temos decidido xa no Consello Confederal da CIG que cada vez que exista un accidente laboral grave imos chamar á mobilización, ao paro e ímonos concentrar diante das sedes daqueles que son os culpábeis, que son os empresarios. Aproveito tamén para lembrar, xa que os actos do 10 de Marzo que deron lugar e tiveron como consecuencia aqueles tráxicos sucesos, a morte de Amador e Daniel no ano 72, que daquela reivindicábase un convenio de factoría e negociación aquí e non en Madrid. Esa segue sendo para nós unha reivindicación fundamental. Nós non podemos permitir que as nosas condicións laborais estean nas mans dunhas cúpulas sindicais vendidas á patronal. Unhas cúpulas sindicais que negocian en Madrid sen ter en conta cales son os verdadeiros intereses da clase traballadora e si lle preocupan outros intereses que son máis os seus particulares que os da clase traballadora. A negociación colectiva ten que ser dirixida, dinamizada, por aqueles que son os verdadeiros beneficiarios da mesma que é a clase traballadora, que é a que ten que decidir que é o que se negocia, que mobilizacións se fan. Porque son os verdadeiros afectados os que teñen que decidir cando se asina un convenio e cando non. Non pode quedar nas mans de cúpulas sindicais que non responden aos seus intereses de clase. Por iso, desde a CIG imos seguir reivindicando un Marco Galego de Relacións Laborais onde a negociación colectiva en Galiza é un aspecto fundamental, así como todo o que ten que ver con capacidade de decisión, con competencias para lexislar en materia laboral. Por iso, desde ese punto de vista é moi importante un feito que se vai dar, un debate que se está a dar nestes momentos no Parlamento autonómico, que ten que ver coa reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza. Unha reforma que non pode quedar exclusivamente no ámbito institucional, no ámbito do debate das forzas políticas. O que aí se pacte, as condicións dese Estatuto, a reforma que se faga vai influír de forma moi directa nas nosas vidas, na clase traballadora tamén. Aí temos que exixir que se contemplen competencias e un nivel de soberanía que nos permita aos galegos e galegas decidir nós cal é o noso futuro. Nós somos os que mellor sabemos cal é o mellor modelo económico, político e social para o noso país e para os nosos intereses e dentro diso está o conseguir un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias e plenamente soberano. Polo tanto, nese debate a CIG vai estar presente e chama a que todos os traballadores/as para que esa reforma responda aos intereses das clases traballadoras galegas. Nós queremos seguir o exemplo que seguiron Daniel e Amador, que seguiron os traballadores de Bazán no ano 72. Queremos seguir mobilizándonos. Queremos que a súa loita non quede no esquecemento porque forma parte da historia da clase traballadora. Unha parte da nosa historia fundamental que queremos que estea presente, que queremos que non se esqueza e a CIG vai seguir saíndo todos os anos á rúa o 10 de Marzo para reivindicar os nosos intereses. Os intereses da nosa clase e os do noso país, da nosa nación. |
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/03/2006 |
|||||||||||||||
|