Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 2 de marzo de 2006

Patria e liberdade
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Monumento aos Mártires de Carral, clic para aumentar
O primeiro enfrontamento militar en Cacheiras e a loita posterior nas rúas e casa a casa, corpo a corpo, en Santiago de Compostela o 23 de abril (data que non se pode esquecer), contaría coa participación destacada do Batallón Literario (estudantes) e moitos civís. Remataría a batalla co trunfo das forzas leais ao governo de Madrid ao carecer de munición os rebeldes. Poucos días despois da derrota da Primeira División caerían Pontevedra, Vigo e Lugo. As consecuencias, os fusilamentos en Carral o 26 de abril de Solís e once oficiais máis, a represión, a tortura e o exilio en Portugal dunha morea de revolucionarios. (Foto: Monumento aos Mártires de Carral).
Miguel Solís e Cuetos, clic para aumentar
(Foto: Retrato de Miguel Solís e Cuetos).
 
A Xunta Superior do Governo de Galiza remataba as súas proclamas coas verbas de ‘Patria e Liberdade’. Era o ano 1846 e estaban asinadas por Pío Rodríguez Terrazo, como presidente; Xosé María Santos, representando a Pontevedra, e Ramón Buch, representando a Vigo, como vogais; e Antolín Faraldo como secretario. Amosaban estas palabras, así como a cabeceira do periódico oficial da Xunta Superior ‘La Revolución’ as arelas dun sistema progresista e de autogoverno pra Galiza, por parte de toda unha xeración de mozos e mozas, fronte ao governo conservador e represivo de Narvaez, durante o reinado de Isabel II.

O primeiro enfrontamento militar en Cacheiras e a loita posterior nas rúas e casa a casa, corpo a corpo, en Santiago de Compostela o 23 de abril (data que non se pode esquecer), contaría coa participación destacada do Batallón Literario (estudantes) e moitos civís. Remataría a batalla co trunfo das forzas leais ao governo de Madrid ao carecer de munición os rebeldes. Poucos días despois da derrota da Primeira División caerían Pontevedra, Vigo e Lugo. As consecuencias, os fusilamentos en Carral o 26 de abril de Solís e once oficiais máis, a represión, a tortura e o exilio en Portugal dunha morea de revolucionarios. Neste país irmán moitos serían recluídos en Peniche ate o indulto decretado por mor do casamento da raíña.

Pasaría un período de fame de 1852 a 1855, con motíns en varias cidades, pra que unha década despois da Revolución de 1846 se convocase o Xantar de Conxo. Participaron neste banquete obreiros (artesáns) e estudantes, e Aguirre e Pondal recitaron senllos poemas nos que falaban de liberdade e igualdade social. A iniciativa foi de Aurelio Aguirre, poeta e estudante de dereito, con predicamento entre os artesáns da cidade de Compostela, e divulgador xunto a un fato de mozos de ideas socializadoras entre os obreiros, especialmente os tipógrafos de Pontevedra e Santiago de Compostela.

O xantar fíxose o día 2 de marzo na carballeira de Conxo –daquela municipio- e mentres durou o acto o lugar estivo arrodeado por militares, por mor do medo que causou na xerarquía da igrexa, o governo e a ‘xente ben de Compostela’. Temían que se repetiran os acontecementos revolucionarios de 1848 en París que encetaron cun acto semellante. Aguirre e Pondal foron denunciados como sediciosos e ameazados de seren deportados ás illas Marianas, no Pacifico, ademais de excomungados... que daquela non era pouca cousa.

O Banquete Democrático de Conxo, como sería lembrado posteriormente polo galeguismo, que fixo deste evento unha data de referencia, ten realmente unha transcendencia que vai alén das consecuencias inmediatas, polo que non admite o esquecemento e unha leitura apresurada. Primeiro, porque significa a superación da represión conservadora de 1846. Segundo, é a primeira aparición pública, cun caracter político, da clase obreira galega. Terceiro, reflicte o caracter avanzado do galeguismo desde o seu primeiro agromar, establecendo unha relación directa coas revolucións nacionalistas e progresistas da época que procuran derrubar as vellas monarquías imperialistas; contra as que loitan estudantes, intelectuais e obreiros nas rúas de centro Europa. Cuarto, porque é a primeira pegada dunha xeración que chanta as bases do galeguismo, do ideario da nosa identidade nacional.

O vindeiro 2 de marzo, en Compostela, por iniciativa do sindicalismo nacionalista, convocados pola CIG e os CAF vanse reunir pra conmemorar a data máis de vinte entidades e organizacións, e moitos outros convidados. Lembrarase ademais que fai cincuenta anos fíxose un acto semellante no 1º Congreso da Emigración Galega en Bos Aires, que este ano cúmprese noventa do nacemento das Irmandades da Fala, na cidade de A Coruña, e 130 da edición do primeiro periódico feito totalmente en lingua galega ‘O Tío Marcos da Portela’, editado en Ourense. Porén, especialmente estará presente na mente de todos as palabras de orde das da Xunta Superior de Galiza: Patria e liberdade.

 
 

Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG.

  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/03/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta