|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Tanto as organizacións estudantís que lideran a revolta como as centrais sindicais sinalan que o CPE que impulsa o primeiro ministro galo, Dominique de Villepin, é un auténtico asalto aos dereitos dos traballadores, nomeadamente da xente nova que pretende acceder ao mercado laboral. Mediante esta fórmula de contratación, pensada para menores de 26 anos, pretende estabelecerse un especie de período de proba de dous anos, para eses novos traballadores, transcorridos os cales as empresas poderán despedir libremente estes mozos. É obvio que a única beneficiaria destes “contratos lixo” é a patronal gala, que agarda que a medida incida directamente na súa conta de resultados, aínda que o Goberno francés teime en repetir esa cantilena -que nós ben coñecemos- de que a proposta vai contribuír á “dinamización” do mercado laboral. En troca, a realidade é moi outra. Se, por unha banda, o CPE busca fracturar o mercado laboral francés (e fragmentar a propia clase traballadora), instaurando unha fórmula para o despedimento libre, pola outra, abre unha nova vía de precarización das condicións de traballo, que ten no punto de mira á mocidade, precisamente un dos segmentos máis fráxiles no mundo do traballo na actualidade. En definitiva, o CPE non é máis ca unha “licenza para despedir”, como se cualifica desde os sectores máis conscientes da sociedade francesa. Se acaso, unha mostra máis de que o capitalismo nesta era de globalización neoliberal -aínda con ritmos diferentes segundo a organización das resistencias sociais- mantén o seu acoso constante á clase traballadora e aos dereitos que esta teimosamente foi conquistando. Respostas como as que está a dar a mocidade francesa, xunto con importantes sectores do mundo do traballo, son máis necesarias ca nunca. O NON francés ao ‘neoliberal’ Tratado Constitucional Europeo foi toda unha lección para o capital. As protestas destas días están a se converter nunha nova lección. Haberá que non perder de vista estes acontecementos. Dalgún xeito, nós tamén estamos aí, nesas rúas que arden.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2006 |
||||
|