|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Entre os estudantes, destacaba Aurelio Aguirre, mozo que cursaba a carreira de dereito e, segundo as crónicas, bo orador. Á mesma mesa sentaba un tal Eduardo Pondal, aqueles días estudante de medicina e a quen a Historia lle gardaba algunha que outra sorpresa. Quen lle diría que un poema seu sería musicado por Pascual Veiga para se converter no himno da nación galega! O coñecido como “Banquete de Conxo”, que tanto incomodara aos poderes daquel tempo (principiando pola propia curia compostelá), co paso dos anos acabou por ser un data de referencia dentro do imaxinario colectivo do incipiente nacionalismo galego das primeiras décadas do século XX. Apenas dez anos, en 1846, antes tivera lugar a proclama “protonacionalista” de Solís en Lugo e a represión posterior, que deu lugar aos fusilamentos de Carral. Traer hoxe á memoria un acontecemento como o do “Banquete de Conxo” é unha sorte de exercicio de xustiza histórica, e mais nun país coma o noso, en que a Historia exixe algún que outro rescate, pois a oficial escribiuse moitos anos seguindo as liñas tortas e nesgadas da historiografía española, tantas veces inzada de esencialismo e tantas máis negadora da nosa identidade nacional. Aqueles artesáns e estudantes que un día se deron a man, por obra e graza dun vento que comezaba a zoar e que varrería o planeta de cabo a rabo baixo o nome de socialismo, tamén o fixeron sabedores de que a terra que decote tripaban tiña arelas de liberdade. O seu xesto, na Galiza do século XXI, debe ser lembrado. Así o facían este 2 de marzo o sindicalismo e o estudantado nacionalistas, con xentes do mundo político, cultural e social do noso país por testemuña. A nación que hoxe construímos, contra vento e maré, leva impresos momentos como o do “Banquete de Conxo”, que foron vieiros abertos ao futuro. Outros novos están e terán que se seguir a abrir. Máis cedo ca tarde.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/03/2006 |
||||
|