|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Nese contexto producíronse os dolorosos sucesos habidos en Ferrol no ano 1972, coa morte a mans da policías de dous traballadores (Amador e Daniel), tras a actuación das forzas da orde contra unha mobilización obreira. A resposta de raiba e solidariedade dos traballadores galegos foi detonante para a articulación dun novo espazo político-sindical, co abrollar do sindicalismo nacionalista como expresión organizada, que conxugaba a cuestión nacional cos intereses de clase. Trinta e catro anos despois esa expresión da clase obreira galega deu callado no sindicalismo que representa a Confederación Intersindical Galega (CIG), central sindical que ocupa un lugar relevante no mundo do traballo do noso país e que serve de canle organizativa a máis de cincuenta e cinco mil traballadores e traballadoras. O modelo de sindicalismo da CIG é certamente un modelo atípico dentro da evolución que viviu boa parte dos sindicatos da vella Europa, que acabaron institucionalizando e burocratizando as súas estruturas dentro dun deseño político-sindical de adecuación ao capitalismo imperante. Dentro da súa aposta pola transformación en clave socialista e pola soberanía plena da nación galega, a CIG séntese cómoda avanzando na profundación dunhas coordenadas sindicais non pactistas, ao servizo exclusivo dos intereses e angueiras da clase traballadora galega e de todos e cada un dos traballadores e traballadoras galegas que se organizan ao seu redor. Que se cualifique como atípico o modelo sindical da CIG non quere dicir nin moito menos que sexa algo marxinal ou residual, senón precisamente que debera un modelo a imitar e desenvolver, sobre todo por quen comparte escenario de actuación no espazo laboral galego. A clase obreira galega precisa de referentes sindicais nidiamente comprometidos coas súas necesidades e aspiracións como clase, nun momento como o actual en que a precariedade en todas as súas vertentes é o triste elemento identificador do mundo do traballo en Galiza. Un novo 10 de Marzo está aquí para lembrarnos un pasado de loitas e sacrificios da clase traballadora galega, mais tamén para sinalar a xusteza das nosas demandas e reivindicacións, nun tempo que transita entre os pequenos combates cotiáns e a necesidade de conquistarmos o futuro, outro futuro.
|
|||||||
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/03/2006 |
|||||||
|