|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Ambos os feitos, a asemblea da Mesa e a presentación da publicación do CCG, obviamente sen relación ningunha, teñen a virtualidade engadida de colocaren no espazo mediático o noso idioma e a súa vitalidade na sociedade galega. Espazo mediático onde paradoxalmente -ou non tanto- a lingua propia de Galiza é empregada nunha porcentaxe ridícula, máxime se temos en conta que o galego segue a ser amplamente a lingua de uso maioritaria nesta nación fisterrá. A asemblea da Mesa tivo como elemento central, alén das cuestións orgánicas propias deste tipo de convocatorias, o desenvolvemento dunha campaña nacional en favor do recoñecemento dun novo estatus para a lingua galega, co fin de superar a súa actual situación de idioma subalterno respecto do castelán no ordenamento xurídico-político español. Coincide esta campaña, de xeito loxicamente nada fortuíto, co debate aberto arredor do novo Estatuto de Galiza e do grao de soberanía do que se vai dotar a nación galega nos vindeiros anos. En canto ao estudo promovido polo Consello da Cultura Galega (organismo que debería modificar parte da súa composición e obxectivos, se realmente quere servir aos fins que se lle deben supor), o devandito informe vén a afondar nunha serie de claves que debuxan con trazo groso a realidade sociolingüística galega do momento. Datos como que o galego continúa a ser a lingua máis falada de Galiza, malia a abafante presión españolizadora que soportamos os galegos e galegas, sen ser un dato novidoso si mantén abertas todas as fiestras para que, cunha modificación substancial da política lingüística, a recuperación de usos sociais do galego sexa factíbel e conduza a unha normalización plena da lingua propia de Galiza. Fronte a constatacións tan esperanzadoras como esta, outras, como o descenso do número de galegos e galegas que teñen como lingua inicial o galego ou o aumento das persoas que posúen como idioma único de uso o español, alertan dos riscos aínda existentes que axexan ao idioma galego. Riscos que denotan que os últimos anos, coa apertura política que significou o chamado Estado das Autonomías, non significaron un avanzo para o desenvolvemento do noso idioma, senón apenas unha ralentización do proceso de substitución lingüística (do galego polo español) que as elites de poder españolas levan décadas e décadas executando. É ben termos presente, máis unha vez, que o problema da nosa lingua é un problema político; polo tanto, un problema de poder, que se expresa como conflito, máis alá de que este conflito se vexa hogano de maneira diferente a como se daba noutros períodos históricos como a da descarnada ditadura franquista. Isto, que semella unha obviedade -e desde logo que o é-, cómpre que se teña en conta á hora de afrontar e estabelecer unha política lingüística, ben sexa desde esa cota de poder político que posúe o nacionalismo ao formar parte do Goberno da Xunta, ben sexa desde os movementos e organizacións sociais que impulsan como tarefa (única ou preferente) a normalización do galego. Das próximas décadas, e de como se desenvolva e vaia derivando o conflito lingüístico que se dá no noso país, vai depender en boa medida o futuro real do galego como lingua normal deste territorio que chamamos Galiza. A necesaria resistencia que historicamente vimos mantendo os seus falantes terá que se acompañar dunha acción política (social, institucional...) o suficientemente poderosa que reverta as tendencias que ameazan, seguen a ameazar, o porvir da nosa lingua dez veces centenaria.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 31/03/2006 |
||||
|