Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 24 de marzo de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
O incerto camiño que se inicia en Euscadi

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Agárdase que agora comece un curto período de sondaxe por parte do Goberno español (en teoría para comprobar o inequívoco da vontade da organización armada), que buscará tamén o compromiso do conxunto das forzas políticas para o comezo dunha negociación con garantías. Máxime cando persiste a actitude dun importante sector dos poderes españois (que no ámbito político se expresa a través da actual dirección do PP, con Aznar incluído) abertamente reticente ao estabelecemento de vías políticas para a resolución do conflito.



  Barakaldo 21 de xaneiro de 2006, venda, clic para aumentar
Barakaldo 21 de xaneiro de 2006, venda, clic para aumentar
E na propia xudicatura, isto tamén ten a súa expresión, que se plasma no comportamento de xuíces como Grande-Marlaska, quen ten nas súas mans nin máis nin menos que a posibilidade de enviar á cadea a Arnaldo Otegi, un dos líderes da esquerda abertzale e en quen todo o mundo ve un dos principais artífices do punto ao que se chegou, á parte de que o seu liderado parece así mesmo fundamental de aquí en diante.
 
O importantístimo anuncio feito este mércores 22 de marzo pola organización armada vasca Euskadi Ta Askatasuna de estabelecer un “cesamento do fogo permanente” é dunha magnitude e consecuencias aínda imprevísibeis, aínda que todo parece indicar que principia un camiño sen retorno de exploración das vías políticas para iniciar unha nova era en Euscadi (e no conxunto de Euskal Herria).

Non por agardado, este anuncio non deixou de ter un pouso de sorpresa, xa que os termos en que se dá (un escueto comunicado de apenas dous minutos, seguido doutro novo unhas horas despois que segue a mesma liña argumental) son substancialmente diferentes ás ocasións anteriores. Trátase dun anuncio moi medido na súa formulación, cunha linguaxe clara que escapa da retórica tradicional empregada pola organización armada e que expón con clareza unha vontade de superar o chamado conflito vasco, situando na decisión democrática do pobo vasco a chave de todo o proceso. Proceso que vai transitar, ao que se ve, por dous carrís paralelos: unha negociación da organización armada vasca co Goberno-Estado (que pivotará arredor de dous eixos básicos: tema presos e o desarmamento da organización) e o estabelecemento dunha mesa de partidos, coa participación da esquerda abertzale -hoxe ilegalizada-, que afronte desde parámetros políticos o futuro de Euscadi.

É de supor que para chegar ata aquí nos últimos anos, e con máis intensidade nos últimos meses, existiron toda unha serie de movementos políticos, a múltiples bandas, que posibilitaron un anuncio histórico como o feito pola ETA, tras catro décadas de actividade armada.

Agárdase que agora comece un curto período de sondaxe por parte do Goberno español (en teoría para comprobar o inequívoco da vontade da organización armada), que buscará tamén o compromiso do conxunto das forzas políticas para o comezo dunha negociación con garantías. Máxime cando persiste a actitude dun importante sector dos poderes españois (que no ámbito político se expresa a través da actual dirección do PP, con Aznar incluído) abertamente reticente ao estabelecemento de vías políticas para a resolución do conflito. E na propia xudicatura, isto tamén ten a súa expresión, que se plasma no comportamento de xuíces como Grande-Marlaska, quen ten nas súas mans nin máis nin menos que a posibilidade de enviar á cadea a Arnaldo Otegi, un dos líderes da esquerda abertzale e en quen todo o mundo ve un dos principais artífices do punto ao que se chegou, á parte de que o seu liderado parece así mesmo fundamental de aquí en diante.

Se as mensaxes que se entrecruzan nestes momentos son de esperanza e prudencia, non é menos certo que o que cómpre reclamar é que a Política con maiúsculas se impoña por riba de intereses mesquiños de partido, e que o novo tempo político que alumea en Euscadi veña marcado polo respecto ás decisións democráticas dun pobo, o vasco, que debe involucrarse como nunca para que a posibilidade de paz e normalización política que se abre deixe de ser iso, unha posibilidade, para se converter nun escenario real de futuro. Atrancos non ha faltar, mais vontades para os superar parece que tampouco.


Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/03/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta