|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
O histórico dereito a refuxio diplomático das legacións latinoamericanas deuse tanto no Madrid republicano, onde moitos seguidores da insurrección estiveran durante toda a guerra refuxiados, coma no Portugal salazarista durante e despois da guerra civil. Esta é a pequena crónica dun refuxiado galego, Alberto Fernández Martínez, “Mezquita”, ademais da cónsul chilena en Lisboa a premio Nobel de Literatura (1945) Gabriela Mistral. En 1932 Gabriela Mistral é nomeada cónsul de Chile en Nápoles, cidade na que non poderá traballar debido ao arresto domiciliario ao que está suxeita en Roma polo goberno de Mussolini. É nomeada cónsul en Madrid en 1933. É precisamente neste posto consular onde manterá unha agrea polémica cos políticos españois republicanos a través dunha carta particular na que fala da opresión de Castela ás outras nacións sen Estado que formaban parte do Estado español republicano. É declarada persona non grata e convidada a abandonar a República española, o seu posto será ocupado por Pablo Neruda.
Os seus dous anos en Madrid fixeron que Gabriela mantivera unha estreita relación con políticos de esquerda e artistas, da man do xa daquela cónsul en Barcelona e dende febreiro de 1935 en Madrid, Pablo Neruda. Gabriela loitará dende todos os seus postos diplomáticos para defender a legalidade republicana. Os froitos da venda do seu poemario editado por Sur en Buenos Aires, Tala (1938), foron destinados a institucións catalás que albergaban nenos refuxiados durante a guerra.
O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprende a Mistral como cónsul a Lisboa e a Maruja Mallo e a Mezquita nas Misións Pedagóxicas en Ourense. Maruja e Mezquita logran traspasar a raia portuguesa debido a que Maruja é filla dun policía de fronteiras. A fuxida determina o remate da relación entre os dous. Maruja embarca cara a Buenos Aires e Mezquita procurara acubillo na casa-consulado da súa amiga Gabriela Mistral, na rúa Ramalho Ortigão número 11. A poucos metros do consulado chileno está o parque Eduardo VII e o monumento ao marqués de Pombal; Mezquita agardará pola sorte dunha documentación e dun barco que lle permita fuxir de Portugal. Intenta, sen éxito, ir a Venezuela pola relación de amizade dos tres veráns (1933-1935) que pasara xunto ao futuro presidente e escritor venezuelano, Rómulo Gallegos Freire, en Beluso. Pero naquel momento o presidente Eleazar López Contreras declarara anticonstitucional calquera actividade política de esquerdas ou revolucionaria.
Poucas semanas despois, nun dos seus paseos polo Parque Eduardo VII, a temíbel policía de Salazar, a P.I.D.E., secuestra a Mezquita que fora vixiado e controlado sen que el mesmo se decatase. Entregado ás autoridades franquistas, a decisiva intervención da diplomacia uruguaia por medio do embaixador Carlos Gurméndez e a intervención do seu curmán, o xornalista Augusto Assía, fixo que Mezquita salvase a vida. Mezquita, Xosé Velo e tantos outros galegos atoparán unha porta aberta ao exilio a partir da presidencia de Rómulo Gallegos en Venezuela en 1948 a través do consulado venezuelano en Lisboa. Mezquita chegará, mesmo, a ser o seu secretario persoal, pero iso é materia para outra historia. |
|||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2006 |
|||||||||||||||||||
|