Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 15 de marzo de 2006

Latinoamérica é a súa xente
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Chávez xogando béisbol, clic para aumentar
Chávez xogando béisbol.
 
Identifícome plenamente con Fidel cando di que o seu maior anhelo na vida sería estar “parado nunha esquina” e co de Chávez, que é “ser xogador de béisbol”. Están falando a través das voces dos que nunca tiveron voz, dos que non tiñan nin sorriso branco, nin sorriso. Convido aos “entendidos” a “pararse nunha esquina en La Habana” ou desfrutar dun “partido de pelota” en Caracas. Aprenderán máis que “analizando” Latinoamérica.

Non me deteño nin dous segundos a ler aos entendidos no caso venezuelano, boliviano ou calquera outro. É doado entender a situación venezuelana, a boliviana, a latinoamericana, incluso a situación mundial: poucos viven (vivían) a custa da fame de moitos. Non hai máis. Non tes que analizar discursos nin ler os resultados nin do IV nin do V Foro Social Mundial.

Lerás agora a moitos entendidos sobre Venezuela. Que se Chávez é populista, que se Chávez é un ex golpista, que se Chávez é un ex militar. Detente na historia da que Chávez forma parte, na historia do seu país, do seu continente, da súa raza e atoparás as respostas.

Vivía nun país, nun continente, metido nun corpo, nunha raza que non tiña dereitos. No seu propio país, no seu propio continente, na súa propia raza. Outros mandaban. Dende 1492 até hai ben pouco. Os feros casteláns e os seus descendentes. Brancos e non tan brancos. Durante 500 anos, en Venezuela e en toda Latinoamérica foron os defensores e mantedores do poder do Imperio. Non o digo eu, dío a historia, dino os feitos.

  Fidel xogando béisbol, clic para aumentar
Fidel bateando.
 
Venezuela, independente por unha guerra civil entre brancos peninsulares e brancos crioulos (chamados polos primeiros ‘blancos de orilla’) pasou toda a súa vida de país independente administrado por unhas cantas familias brancas, agora venezuelanas, que vivían do traballo dos millóns de negros, pardos e mulatos que non tiñan máis dereito que o de traballar.

As ideas ilustradas dos franceses serviron para alimentar faladoiros de café nas mentes ociosas dos brancos, mentres outros traballaban por eles. Así, o século XIX venezuelano e latinoamericano serviu para engordar, aínda máis, os de sempre, e o cambio de dominio, do miserábel imperio español ao emerxente e veciño imperio estadounidense.

Mais que patio traseiro, Latinoamérica era a cloaca traseira. Caíalles a baba as ben alimentadas e reducidas elites latinoamericanas. Elites co control político através dos partidos. Democracias que se xustificaban só coa chamada a eleccións trucadas. “Acta mata voto” era o lema dos dous principais partidos, Acción Democrática (socialdemócrata) e Copei (socialcristián). Así, con ese “monopolio” político que os cubanos resignados chamaban “quítate tú para ponerme yo”, os reducidos grupos de sorrisos brancos que estudaban e veraneaban no estranxeiro vían medrar e medrar a “chusma” de compatriotas que “non son coma nós”.

  Nenas xogando en Caracas, clic para aumentar
Nenas indíxenas xogando nunha rúa de Caracas. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
E esa chusma, en número reducido, intentou nos sesenta, a través dos seus fillos no exército (reservado para xente non branca) nalgúns países como Perú, darlles o poder aos pobres, aos que eran coma eles. Pero o Imperio non permite que a chusma non se manteña a raia. A intervención estadounidense en Latinoamérica é inacabábel. A última aínda con vida e a través dos medios de comunicación e a mentira como é no caso de Venezuela.

Marx crea un punto de inicio na historia do pensamento, e o que é máis importante, na acción. O mundo non hai só que analizalo, hai que transformalo. Velaí Chávez. Aínda que non fixera nada, aínda que todo fora verborrea, quedaría a semente da conciencia, a semente do ditame da doenza, e así non hai volta atrás. Un pobo consciente da súa historia, do seu presente que coñece o nome e as formas do inimigo non é o mesmo pobo feliz por ter unha Miss ou un país en mans doutros.

A historia de Venezuela e a de Latinoamérica ten moito que ver co conto de Monterroso, mais agora: cando espertaron, o dragón fuxiu; tenta volver, pero están todos estes pobos en vixilia.

Eu convido a todos os entendidos en “política internacional” e outros temas “profundos” que entendan que é imposíbel comprender os cambios sen ser parte destes.

Identifícome plenamente con Fidel cando di que o seu maior anhelo na vida sería estar “parado nunha esquina” e co de Chávez, que é “ser xogador de béisbol”. Están falando a través das voces dos que nunca tiveron voz, dos que non tiñan nin sorriso branco, nin sorriso. Convido aos “entendidos” a “pararse nunha esquina en La Habana” ou desfrutar dun “partido de pelota” en Caracas. Aprenderán máis que “analizando” Latinoamérica.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/03/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta