|
Actualidade CIG-Comunicación-
Reproducimos de seguido o manifesto elaborado polo Departamento de Saúde Laboral da CIG con motivo desta sinalada data.
“A Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais supón, entre outras cuestións, que debe cambiar radicalmente a práctica dos recoñecementos médicos que se realizan aos traballadores/as. Dos exames médicos inespecíficos, dos meros chequeos clásicos, deberían pasar a ser periódicos e específicos fronte aos riscos derivados do traballo, incluso prolongándose máis alá da finalización da relación laboral nalgúns supostos como no caso das persoas expostas ao Amianto ou Sílice. Pretender facernos crer que se cumpre a Lei espallando por diversos hospitais e centros de saúde por todo o país aos traballadores e traballadoras post ocupacionais afectados polo Amianto e demais enfermidades profesionais é radicalmente o contrario ao que persigue a Lei de Prevención, toda vez que o que se pretende é “...a recollida harmonizada e periódica de datos sobre riscos e enfermidades e a súa posterior análise e interpretación sistemática con criterios epidemiolóxicos, constitúe un dos instrumentos con que conta a saúde pública para poder identificar, cuantificar e priorizar e, polo tanto deseñar políticas de prevención eficaces...” (Protocolos de vixilancia sanitaria específica). Este imprescindible precepto legal non se pode cumprir exclusivamente dende Oviedo. Dende alí, ademais dos custes económicos que ten, non se pode cubrir a responsabilidade da Consellería de Sanidade nin có Amianto nin coa Sílice nin coas demais enfermidades profesionais. É polo que, dende a CIG, seguiremos insistindo na necesidade de que Galicia conte cun centro para o análise e tratamento das enfermidades derivadas do traballo, e tamén para os milleiros de traballadores e traballadoras que non aparecen nas estatísticas oficiais que padecerán unha enfermidade profesional camuflada como enfermidade común porque o único que fixeron durante a súa vida laboral, foi someter a esa persoa a uns controis sanitarios xerais, no mellor dos casos para asegurar unicamente a súa aptitude física para traballar. Así temos milleiros de historias clínicas almacenadas en cuartos de Mutuas, Servizos de Prevención de Empresas, nos antigos Gabinetes Provinciais da Consellería de Traballo, sen que sirvan ningunha delas para elaborar polas autoridades sanitarias, mapas de riscos, estudios epidemiolóxicos, intercambiar información, en definitiva facer da Vixilancia da Saúde e dos recoñecementos médicos, un INSTRUMENTO DA PREVENCIÓN. Ninguén parece considerar a necesidade de cumprir a Lei de Prevención que no Artigo 23 recolle: “...no momento de cesamento da actividade, as empresas deberán achegar á autoridade laboral a documentación relativa aos controis do estado de saúde dos traballadores e traballadoras, sendo obrigatoria tamén a posta a disposición das autoridades sanitarias esta documentación”. Nada disto o fan as empresas, nin as Autoridades Sanitarias, nin o fai cumprir a Inspección de Traballo, así os milleiros de afectados de asbestose ou silicose teñen que inventarse a súa historia clínica, mentres os seus datos clínico-laborais dormen en caixas expostos a que desaparezan. É polo que dedicamos este 28 de abril a tantas e tantas familias que están sofrindo un drama tremendo có padecemento dunha enfermidade derivada do traballo aínda que para as autoridades sanitarias esta non exista”.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2006 |
|||||||
|