ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 26 de abril de 2006

Primeiro de Maio: Convócanse manifestacións nas sete cidades galegas e na comarca de A Mariña
A CIG exixirá un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais plenamente soberano

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Suso Seixo, soberanía, clic para aumentar
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, tamén manifestou total oposición e desacordo cos pactos interconfederais estatais que están asinando CCOO e UGT, onde se fixan uns incrementos salariais “ridículos” que provocan, na práctica unha perda moi importante de poder adquisitivo dos salarios. Diante desta situación, salientou a necesidade de ter competencias en Galiza “sobre o que se negocia, sobre as condicións laborais e sobre todo o que ten que ver en materia lexislativa laboral”.
 
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, presentou en rolda de prensa os contidos nos que centrará a central sindical a celebración deste Primeiro de Maio. Unha data marcadamente reivindicativa na que se demandará a creación de emprego de calidade, un Marco Galego de Relacións Laborais, plenas competencias lexislativas nesta materia e o recoñecemento de Galiza como nación.

A respecto do emprego, Suso Seixo sinalou que “os índices de desemprego e de precariedade en Galiza, están moi por riba da media estatal”, o que se traduce, non só en baixos salarios e en xornadas abusivas, senón tamén nuns índices de sinistralidade directamente vinculados á alta temporalidade.

Para analizar esta situación e buscar solucións tense articulado un mecanismo de debate e negociación a través da constitución de mesas nas que participan as centrais sindicais, a patronal e o goberno para intentar chegar a un acordo polo emprego en Galiza. Sobre isto, Seixo lamentou que “o traballo nestas mesas está bastante atrasado” e adiantou as propostas que defenderá a CIG, referidas á potenciación e apoio dos sectores produtivos, ás necesidades en infraestruturas, en I+D, en medidas que corrixan a alta sinistralidade laboral e en todo o que respecta a servizos esenciais e políticas de igualdade.


Marco Galego de Relacións Laborais

A CIG reivindicará tamén un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias. Neste sentido, Seixo explicou que “a negociación faise a nivel de cúpulas sindicais, cun total descoñecemento e unha limitadísima capacidade para influír nesa negociación por parte dos que tiñan que ser os verdadeiros protagonistas, as traballadoras e traballadores. As supostas melloras que se acadan están moi por debaixo dos convenios provinciais ou de empresa, nos que somos máis capaces de incidir. Polo tanto, a negociación colectiva debe facerse aquí”.

O secretario xeral da CIG tamén manifestou a total oposición e desacordo cos pactos interconfederais estatais que están asinando CCOO e UGT, onde se fixan uns incrementos salariais “ridículos” que provocan, na práctica unha perda moi importante de poder adquisitivo dos salarios.

Diante desta situación, Suso Seixo salientou a necesidade de ter competencias en Galiza “sobre o que se negocia, sobre as condicións laborais e sobre todo o que ten que ver en materia lexislativa laboral”.


Debate do Estatuto

Así, anunciou que a CIG comparecerá na comisión parlamentaria na que se están a escoitar as demandas das diferentes organizacións sindicais e anunciou que “ademais do recoñecemento de Galiza como nación, e todo o que iso conleva de dereitos históricos, laborais e sociais, demandaremos toda unha serie de competencias para que se estabeleza ese marco de relacións laborais e sociais, plenamente soberano”.


Manifestación só como CIG

Suso Seixo explicou tamén que se celebrará o Primeiro de Maio só como CIG atendendo á decisión tomada desde hai tempo segundo a que “en datas tan significadas como o Primeiro de Maio ou o 10 de Marzo o normal é que cada proxecto sindical se presente diante da clase traballadora co que son as súas reivindicacións e non diluídos en convocatorias unitarias nas que non se clarifican para nada as posicións ou poden mesmo dar unha imaxe de unidade que día a día non existe”.

Pola contra, Seixo explicou que a CIG entende que a unidade sindical hai que construíla precisamente nas reivindicacións e nos contidos dos convenios colectivos, nos posicionamentos respecto da reforma laboral, no propio modelo de Marco de Relacións Laborais “e non en datas como esta, onde esta unidade por arriba e bastante enganosa”.

A CIG celebra o Día da Clase Traballadora con manifestacións en todas as comarcas.

 
 
Informacións relacionadas
25/04/2006 A CIG celebra o Día da Clase Traballadora con manifestacións en todas as comarcas
22/04/2006 Exixirá nas rúas o recoñecemento de Galiza como nación e o dereito de autodeterminación
A CIG reivindicará o 1º de Maio un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias
20/04/2006 O 1º de Maio concerto de balde de Mortos en Vida, Freetanga e Extremidadex Pelijrosas, ás 18:30 na finca de San Roque de Vigo
A mocidade da CIG centra as reivindicacións do Día da Clase Traballadora na loita contra a precariedade
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta