|
Actualidade CIG-Comunicación-
O sindicato nacionalista ten editado un panfleto no que chama a todas as traballadoras e traballadores a celebrar o Día Internacional da Clase Traballadora, que reproducimos a continuación.
Un ano máis, a CIG chama a celebrar o 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, manifestándonos na rúa para reivindicar o dereito da clase traballadora galega a ter unhas condicións de traballo e de vida dignas, para exixir o noso recoñecemento como nación, e o dereito de autodeterminación para pór en valor a necesidade e actualidade do sindicalismo de clase. Reivindicacións todas elas moi vinculadas á historia do movemento obreiro. Facemos pois noso o espírito dos mártires de Chicago do ano 1886, así como de todos os traballadores e traballadoras que ao longo da historia deron a súa vida pola defensa dos intereses e da dignidade da clase traballadora. Afrontamos este 1º de Maio de 2006 cunha situación política nova, resultado das últimas eleccións ao Parlamento de Galiza, dando remate así á etapa Fraga e ao longo período de gobernos de dereitas no noso País, e facémolo coa esperanza de que este novo escenario político posibilite levar adiante medidas eficaces a prol do reparto da riqueza, contra o déficit de infraestruturas, os altos índices de precariedade laboral e desemprego, a emigración, a perda de poboación, o baixo nivel en servizos sociais, a perda de emprego en sectores produtivos básicos, o abandono da Administración autonómica da defensa da identidade nacional da cultura e lingua galega. Queremos aproveitar tamén este 1º de Maio para reivindicarmos o dereito e a necesidade das traballadoras e traballadores galegos a dotarnos dun Marco Galego de Relacións Laborais soberano, con plenas competencias para poder lexislar e regulamentar todo o relativo á formación, contratación, prestacións en materia de emprego e seguridade social, seguridade e saúde laboral, negociación colectiva e en xeral todo canto ten que ver con materia laboral. Neste senso, reivindicamos do Parlamento galego unha reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza na que teñan cabida estas aspiracións. Por último, cómpre manifestarmos a nosa firme solidariedade con todos os traballadores e traballadoras e con todas as organizacións sindicais que en todo o mundo loitan contra o actual modelo de explotación do capitalismo neoliberal, que está a impor o imperialismo a nivel internacional, baseado na globalización da precariedade, dos baixos salarios, das xornadas abusivas de traballo, da privatizacións dos servizos públicos, do recorte dos sistemas públicos de protección social e das desigualdades sociais. POSTOS DE TRABALLO NA NOSA TERRA! EMPREGO DIGNO! MARCO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS CON PLENAS COMPETENCIAS! |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2006 |
|||||||
|