ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 20 de abril de 2006

O 1º de Maio concerto de balde de Mortos en Vida, Freetanga e Extremidadex Pelijrosas, ás 18:30 na finca de San Roque de Vigo
A mocidade da CIG centra as reivindicacións do Día
da Clase Traballadora na loita contra a precariedade

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Concerto contra a precariedade, clic para aumentar
No Día da Clase Traballadora, está convocada unha manifestación, con saída ás 12:00 horas da Doblada de Vigo. E logo do xantar, ás 18:30 horas, na finca de San Roque, un concerto, no que a entrada será de balde e a música a porán Mortos en Vida, Freetanga e Extremidadex Pelijrosas.
 
A precariedade laboral segue aumentando en Galiza, afecta a toda a clase traballadora, aínda que as cifras entre as mulleres e a mocidade é alarmante. Polo feito de ser novos, condénaselles de antemán a aceptar peores condicións laborais, a nivel de contratos, salarios, saúde laboral e horarios.

Isto débese aos efectos da globalización neoliberal, que se caracteriza por unha centralización e concentración da riqueza en mans dos máis ricos. Como consecuencia prodúcese unha recesión das rendas das/os asalariadas/os, das condicións laborais e as prestacións sociais. Aumentan, polo tanto, as diferenzas entre clases sociais. Os ricos son máis ricos e os pobres máis pobres.

As altas taxas de eventualidade en Galiza, 34,9%, elévanse na poboación con idade menor de 29 anos a un 59,8%. Así mesmo, a mocidade asina unha media de 2,6 contratos ao ano. A estabilidade laboral converteuse nunha condición de moi poucos, máxime cando, cos continuos abaratamentos do despedimento, á patronal facilitánselle os despedimentos a baixo prezo.

Non debemos esquecer tampouco as elevadas taxas de paro, que na mocidade galega ascende a un 17%. Como consecuencia do paro e a precariedade, millares de mozas e mozos do noso país vense na obriga de emigrar á procura de traballo, fóra de Galiza.


A mocidade da CIG advirte: a precariedade laboral mata

Un ano máis, desde a mocidade da CIG, céntranse as reivindicacións no 1º de Maio, Día da Clase Traballadora, na loita contra a precariedade e nas súas consecuencias. Entre estas, especial relevancia ten a sinistralidade laboral, que acaba coa vida de ducias de persoas en Galiza, sendo a poboación menor de 35 anos, unha vez máis, a máis prexudicada. Por iso a mocidade da CIG advirte: a precariedade laboral mata.

Os ritmos de traballo, a falta de dispositivos de seguridade tanto individual como colectiva, as exixencias laborais cada vez máis duras, o elevado número de horas de traballo diarias, etc, son algunhas das formas de precariedade que aumentan a exposición das persoas a ter accidentes laborais.

É, por tanto, unha urxencia a mobilización de todas e todos para reivindicar traballo digno na nosa Terra, un Marco Galego de Relacións Laborais con plena soberanía en materia laboral, sancións máis duras para as empresas que incumpran os seus deberes en materia de saúde laboral, medidas para o cesamento da emigración e axudas para a volta dos milleiros de mozas e mozos que están na emigración.


Concerto contra a precariedade

A mocidade da CIG de Vigo organiza coa colaboración de CAF (Comités Abertos de Facultade) e CAE (Comités Abertos de Estudantes), como remate á festa do 1º de Maio, un concerto contra a precariedade.

No Día da Clase Traballadora, está convocada unha manifestación, con saída ás 12:00 horas da Doblada de Vigo. E logo do xantar, ás 18:30 horas, na finca de San Roque, un concerto, no que a entrada será de balde e a música a porán Mortos en Vida, Freetanga e Extremidadex Pelijrosas.


Contra a precariedade laboral, traballo digno na nosa Terra!

CIG-Mocidade, Vigo.

 
 
Descarga, imprime e difunde
 
pdfCartaz Concerto contra a precariedade

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/04/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta