|
Actualidade
Santiago, 11 de abril de 2006
O novo alcalde non os recibiu e votou contra
a iniciativa aprobada no Parlamento
Os afectados polas Obras do Porto Exterior de A Coruña critican a actitude continuísta de Losada
| |
 |
| As principais críticas do colectivo foron
dirixidas ao novo alcalde de A Coruña, Javier Losada
(na foto). Ao seu entender, a actitude
de Losada é absolutamente continuísta, mantendo as mesmas prácticas e formas que Paco Vázquez. |
| |
Malia o tempo transcorrido desde que comezaron
as obras do Porto Exterior de A Coruña, o colectivo de afectados segue agardando das administracións
resposta ás súas demandas: indemnizacións polas perdas e alternativas para poder seguir traballando.
A semana pasada o Colectivo de Afectados pola
Obras do Porto Exterior de A Coruña presentaban en rolda de prensa os pobres resultados das negociacións
mantidas até o de agora coas distintas administracións.
Os afectados criticaron á Autoridade Portuaria,
porque aínda non avanzou na definición das reclamacións dos afectados.
Tamén cuestionaron o labor da Consellaría
de Pesca por non ter enviado o informe que ela mesma elaborou a partir dos datos do traballo da USC sobre as perdas
provocadas polas obras e polo cese da actividade. Ademais, lembraron que Pesca se comprometeu a crear unha mesa
de traballo para estudar as posíbeis alternativas laborais para o colectivo, que aínda non se constituíu.
Pero as principais críticas do colectivo
foron dirixidas ao novo alcalde de A Coruña, Javier Losada. Ao seu entender, a actitude de Losada é
absolutamente continuísta, mantendo as mesmas prácticas e formas que Paco Vázquez. “Non lle
chegaba con ser despreciativo, negándose a recibir ao colectivo de afectados, senón que mesmo votou
en contra da iniciativa presentada polo BNG”, explica Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña
e portavoz do colectivo.
O voto en contra dos socialistas de A Coruña
a esta iniciativa –de apoio aos afectados e en demanda de que se recoñezan as súas reclamacións-
é tanto máis esquizofrénica canto que foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, tamén
a proposta do BNG. Ou sexa, contando co voto do PSOE.
Porén, o pleno do Concello de Arteixo aprobou
por unanimidade a iniciativa e o BNG presentou unha nos mesmos termos no Congreso, que se espera que sexa tamén
apoiada.
|