ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 7 de abril de 2006

Os traballadores de RAMSA preocupados polas informacións publicadas a respecto do trazado do AVE
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Mina Serrabal e Val de Donas, clic para aumentar
Os traballadores da Mina de Serrabal (Ramsa) demandan que desde as diferentes administracións, á hora de levar a cabo un ou outro trazado do AVE, se teña en conta, ademais da afectación a núcleos habitados e dos estudos de impacto medioambiental, as repercusións para os postos de traballo. (Foto: Mina de Serrabal e Val de San Pedro de Donas en Boqueixón. ©H. Neira 2000).
 
Os representantes dos traballadores/as de RAMSA (Mina de Serrabal), veñen de manifestar a súa preocupación polas recentes informacións aparecidas nos medios de comunicación en canto ao trazado do AVE, anunciado polo Ministerio de Fomento, ao seu paso polos Concellos de Vedra e Boqueixón e a posible afección á mina.

Os traballadores cuestionan que a atención estea centrada, de xeito exclusivo, en se o trazado é un ou outro, na posíbel afectación destes aos núcleos habitados e en se a indemnización a Villar Mir será dunha ou doutra contía. “Máis parece que ninguén cae na conta de que cando falamos da Mina de Serrebal, non só estamos a falar dun montón de materia inerte senón que nesta mina estamos a traballar de xeito directo máis de 100 traballadores/as e que, dos nosos salarios, dependen tamén as nosas familias e en boa medida o pequeno comercio da zona. Traballadores e traballadoras dos que ninguén fala e que ninguén parece ter en conta neste conflito. Traballadores/as que estamos preocupados pola viabilidade dos nosos postos de traballo e, polo tanto, polo noso futuro, ben sexa porque o anunciado trazado do AVE afecte ao nivel de emprego actualmente existente na Mina de Serrabal, ben sexa por que esta situación se pretenda aproveitar, sen a existencia de motivos reais, para diminuír o nivel do emprego na Mina e con iso, e a costa nosa, que se enriquezan uns poucos”.

Os traballadores demandan que desde as diferentes administracións, á hora de levar a cabo un ou outro trazado do AVE, se teña en conta, ademais da afectación a núcleos habitados e dos estudos de impacto medioambiental, as repercusións para os postos de traballo. “E moito máis se temos en conta que na zona na que estamos a falar (Vedra e Boqueixón) precisamente non abundan empresas que xeren ese nivel de emprego”, sinalan.

Alén diso, os traballadores entenden que existen alternativas –que xa fixeron públicas hai dous anos- que posibilitan que, levando a cabo pequenas modificacións do trazado se minimicen as repercusións tanto para os núcleos habitados como para a Mina de Serrabal. Unha alternativa que permitiría a pervivencia do actual nivel de emprego na Mina. “Non estamos a falar de trazados chamados “fantasmas” que ninguén coñece e que algúns parecen empeñados en difundilos e facer velos como reais para defender non se sabe que intereses. Non nos corresponde a nós, nin é a nosa función, deseñar nin propor novos trazados, mais si podemos afirmar que algunha proposta temos visto, que perfectamente podería conxugar as demandas veciñais, coa minimización da afección á mina, así como tería o valor engadido de que por implicar unha mínima variación do trazado permitiría que esta infraestrutura, por outro lado moi necesaria para o noso país, practicamente non sufrira ningún tipo de retraso”.

Os traballadores tamén valoran algúns dos datos aparecidos na prensa. “Partindo de que as infraestruturas, en boa medida, custéanse cos impostos que pagamos os cidadáns énos moi difícil de entender como se pode estar a falar de abonar indemnizacións, como mínimo, de 325 millóns de euros, tal e como se reflexa nos medios de comunicación, cando o actual trazado está orzamentado en 125 millóns, case 3 veces menos; ou sexa que o custe final deste trazado vai ser de 450 millóns, ou dito doutro xeito uns 5 quilometros de liña do AVE van custar case tanto como o resto do trazado Ourense-Santiago.

Por iso cuestiónanse se “existe a plena seguridade de que este trazado é o único viábel, se non hai ningunha posibilidade de falar de outros trazados que nos custen menos e se existe a certeza de que non hai unha alternativa que permita conxugar os intereses de todas as partes afectadas por este conflito”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/04/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta