Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 22 de abril de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Abril de República e Estatuto

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O alzamento fascista do 36 é un golpe de estado das oligarquías españolas e dos poderes centralistas contra dous obxectivos: o crecente poder da clase obreira e do conxunto das clases populares nos anos 30 e o afloramento dos pobos das nacións do Estado reclamando o seu espazo como suxeito político singular.



  Galiza, clic para aumentar
Aquela, a Segunda República, posibilitara que no ano 1936 o noso país artellase un Estatuto propio, que, aínda que xa nunca puido entrar en vigor, tivo o valor engadido de facer que Galiza no perdese o seu papel central na configuración do Estado.
 
Este mes de abril, que transcorre revolto en canto á climatoloxía, veu a pór en relación dous feitos de certa singularidade. Dunha banda, a conmemoración do 75 aniversario da proclamación da chamada Segunda República española, instaurada un 14 de abril do ano 1931. E doutra, a do comezo do labor da Comisión do Parlamento galego que desenvolverá os traballos previos á redacción dun novo Estatuto de Galiza.

Aquela, a Segunda República, posibilitara que no ano 1936 o noso país artellase un Estatuto propio, que, aínda que xa nunca puido entrar en vigor, tivo o valor engadido de facer que Galiza no perdese o seu papel central na configuración do Estado. O seu estatus presente de “nacionalidade histórica” (eufemismo político que se buscou para definir como nación a Galiza, Euscadi e Catalunya -tamén a Andalucía- no ordenamento político-xurídico español) é debedor, sen lugar a dúbidas, do esforzo feito por xentes como Castelao (e loxicamente desa expresión política que se chamou Partido Galeguista) por que o noso país contase cun Estatuto neses esperanzadores e turbos anos da Segunda República.

A normalidade política que comezaba a abrollar no Estado español na que é, polo de agora, a súa última etapa de réxime republicano viuse esnaquizada polo alzamento fascista do ano 36, un golpe de estado das oligarquías españolas e dos poderes centralistas contra dous obxectivos: o crecente poder da clase obreira e do conxunto das clases populares nos anos 30 e o afloramento dos pobos das nacións do Estado reclamando o seu espazo como suxeito político singular. En definitiva, o alzamento fascista do 36, que acabou instaurando unha cruel ditadura no Estado español, pretendeu pulverizar tanto a “España roja” como a “España rota” que, máis cedo que tarde, ían eclosionar e converterse en fenómenos imparábeis. Feito este, o de que o golpe do 36 tivese como un dos seus obxectivos frear os anceios de liberación das nacións do Estado, que a historiografía española -mesmo a pro republicana- minimiza ou directamente oculta.

Tras a fin da ditadura, é ben coñecido que o proceso que se abre no Estado español decántase por unha transición política, fronte ás propostas máis lexítimas dunha ruptura democrática que dese continuidade ao tempo político comezado na Segunda República, transición política que instaura como réxime a monarquía parlamentaria. A aínda vixente Constitución española de 1978 acaba por ser a fórmula que o poder articula para ancorar a estrutura do Estado ao novo momento, procurando preservar como fose unha ordenación de corte centralista: un estado central poderoso e dezasete autonomías que esvaesen o peso político e histórico das nacións galega, vasca e catalá.

Traizoado, pois, o espírito da Segunda República, dá en desenvolverse o chamado Estado das Autonomías, que nunca deixou de renxer en todo este momento, precisamente por responder a unha orde política negadora da liberdade das nacións do Estado.

A incidencia e peso social do nacionalismo en Euscadi, en Catalunya e, en menor medida, en Galiza están a acelerar a emerxencia dun novo tempo político no Estado español, malia as enormes reticencias que se están a pór desde o poder. A proposta de novo Estatuto para o País Vasco (o mal chamado ‘Plan Ibarretxe’), paralizado desde o Parlamento español, e a proposta de Estatuto catalán, rebaixado nos seus postulados polo vergoñante pacto PSOE-CiU, convertéronse en elementos centrais da política no Estado español, volvendo a situar o “debate territorial” ou “debate das identidades” nun primeirísimo plano.

No noso país, só o desaloxo do PP do Goberno da Xunta conseguiu que se comezase a pór en marcha o debate de modificación do actual marco estatutario en Galiza. E esta mesma semana no Parlamento galego comezan as comperencias de diferentes organizacións e entes de carácter social que van ser consultadas (nun número que pasa do cento) por esta Cámara previo á elaboración do futuro Estatuto de Galiza.

Tempo haberá de ir avaliando este proceso, proceso que aínda que lento parece que vai. Nin que dicir ten que se trata dunha proposta de novo marco xurídico-político acoutada, dado o sometemento legal do Estatuto que de aí saia ao corsé constitucional español. Se difícil vai ser que se avance na definición de Galiza como nación, cousa imposíbel é que se contemple o dereito de autodeterminación como dereito a garantir, por moito que o Dereito Internacional dea perfecta cabida á proclamación deste dereito.

Polo tanto, aconteza o que aconteza nos vindeiros meses, será tarefa do nacionalismo, desde o día seguinte de que se dote o noso país dun novo Estatuto, traballar na configuración dun horizonte soberanista, no que Galiza se vertebre arredor dunha estrutura de estado propio. Como xeito de preservar con garantías de futuro a nosa identidade nacional (política, cultural, lingüística...) e de rexermos nós o noso propio destino. Sen interferencias alleas nin imposicións centralistas. Desexo este que abrazaron tamén moitos daqueles vellos galeguistas que hai 75 anos, cando a Segunda República facía tanxer as campás da esperanza, soñaron -coma hoxe, nós- unha Galiza ceibe.


Santiago de Compostela, 21 de abril de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta