|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
O actual primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, preséntase a estes comicios á fronte da coalición dereitista ‘La Casa delle Libertá’, que reúne desde a pintoresca ‘Liga Norte’ a partidos abertamente fascistas como a chamada ‘Alianza Nacional’. Cómpre lembrar que as eleccións rexionais que se levaron a cabo no país alpino na primavera do ano pasado situaron as forzas progresistas por riba da coalición gobernamental, o que significou un varapau importante para Berlusconi e os seus aliados, que temen que os novos comicios certifiquen o seu abandono do goberno da República. Cun talante entre descaradamente populista e escasamente democrático, o multimillonario Silvio Berlusconi (coñecido como ‘Il Cavaliere’) leva gobernando Italia nos últimos anos -desde 2001 e anteriormente en 1994-1995- e conducíndoa polos vieiros do neoliberalismo máis severo no plano económico, malia a contestación sindical e social que vén recibindo. Desde o seu dominio case absoluto do panorama mediático no país alpino, o aínda primeiro ministro tenta enmascarar a realidade socioeconómica palpábel en Italia, ao tempo que instaura o seu particular pensamento único, coincidente coas doutrinas do imperialismo norteamericano, ao que mesmo apoiou na invasión de Iraq. O acceso á máxima representación do poder político de Berlusconi cómpre lembrar que veu precedida da impopular xestión política do centro-esquerda italiano, nucleado arredor de ‘L'Olivo’, forza política plural na que o seu núcleo duro procedía do sector maioritario do ex-PCI (o outrora admirábel e poderoso Partido Comunista Italiano, xa converso á socialdemocracia e posteriormente abrazando o social-liberalismo). Foron os erros das políticas levadas adiante polo centro-esquerda (políticas con escaso acento na cuestión social e claramente favorecedoras das estratexias do capital) as que posibilitaron a chegada de Berlusconi ao poder e a súa permanencia deica hoxe. A deriva autoritaria e filo-fascista de Silvio Berlusconi, conxuntamente coa súa política encadrada en parámetros puramente neoliberais, é a que provocou todos os momentos habidos até o artellamento dunha alternativa conxunta tan plural como a que representa ‘L'Unione’. De feito, é ben sintomático que esta forza teña como competidor directo de Berlusconi a alguén tan pouco sospeitoso de veleidades esquerdistas como o expresidente da Comisión Europea, Romano Prodi. Só a imperiosa necesidade dos sectores populares italianos de tumbar definitivamente a Berlusconi explica unha alianza tan conxuntural en si mesma como a que presenta ‘L'Union’ ante os comicios lexislativas que se aveciñan en Italia. Magoa pensar que isto teña que ser así nun país de tan longa tradición democrática e onde as forzas da esquerda, que tan ben simbolizou a escala europea o PCI, en determinados momentos do século pasado acadaron un nivel de organización e representación case espectacular. En todo caso, despois destas eleccións -pase o que pase nelas- a esquerda real italiana vai ter que percorrer aínda un camiño longo até volver a estar en condicións de loitar por conseguir un papel central e hexemónico na vida política do país alpino. Coas dificultades que isto entraña e tendo en conta que o podería ser imperdoábel é que desde a esquerda, nun hipotético goberno, se seguisen a desenvolver políticas propias da dereita, totalmente entregadas aos designios do capital.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/04/2006 |
||||
|