|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Paradoxal é que nos Estados Unidos non se celebre o Primeiro de Maio, ou non se celebre co carácter que ten na práctica totalidade dos países do mundo. Alí conmemórase cada primeiro día do mes de maio o ‘Law Day’ (Día da Lei), o que xa é en sintomático dun estado de cousas en que a clase traballadora é acosada polo sistema por vías diferentes, e aí o factor da propaganda non é un factor menor. De feito, o capitalismo apóiase na transmisión duns valores sociais e culturais moi determinados, que procuran entre outros fins narcotizar as consciencias dos traballadores e traballadoras, a fin de evitar o seu rearmamento como clase social antagónica que é dos intereses do capital. A ofensiva capitalista que se vén notando con virulencia desde a década dos oitenta veu bater cun debilitamento do movemento sindical internacional, derivado das súas propias contradicións históricas á hora de enfrontar o capital (o vello dilema sempre presente: reforma vs revolución), así como das consecuencias da caída do chamado ‘socialismo real’, o cal conformaba un polo de antagonismo claro ao capitalismo imperante. Hoxe en día, parece existir unha certa consciencia nos diferentes espazos sindicais que actúan a nivel internacional da necesidade de reorientar as súas accións, para tentar estar á altura que precisan os novos tempos, tinxidos pola extensión das políticas neoliberais e o repregue da clase traballadora, máis urxida na preservación de conquistas históricas que de ampliar estas. Esta reorientación mesmo vai implicar mudanzas de estruturas orgánicas (fusión das internacionais CIOLS e CMT, novo papel da FSM...), procurando readaptar os instrumentos de que sempre se valeu o sindicalismo internacional a un período histórico con características singulares a respecto doutros. Resulta unha evidencia que a globalización neoliberal, como expresión actual da voracidade do capitalismo, ten que ser enfrontada tamén polo movemento sindical, e desde dúas olladas: a local (que atinxe á defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras no seu día a día) e a global (que responda aos desafíos do neoliberalismo a escala planetaria). As accións a emprender no ámbito do local teñen como obxectivo enfrontar as medidas e condicións que se impoñen nos diferentes países, tanto polas patronais respectivas como polos gobernos pro capital existentes, alén de seguir organizando a clase traballadora arredor de sindicatos e centrais sindicais. As que se dean no ámbito do global teñen como norte subverter o actual predominio do capital sobre o traballo, como garantía de mellora cualitativa nas condicións de vida da clase traballadora e dos pobos, en xeral. Neste último aspecto, van ser importantes as alianzas estratéxicas que se poidan ir tecendo entre o movemento sindical mundial (sobre todo, o seu polo máis activo e combativo) e aqueles gobernos de corte popular, que formulen políticas nidiamente progresistas, que diverxan sen complexos do modelo neoliberal. Experiencias como o Foro Social Mundial -e outras- deberían ir podendo traballar nesta dirección: axuntar esforzos de movementos sociais, dunha banda, cos de estruturas orgánicas e institucionais postas ao servizo das camadas populares, da outra, para configurar un vasto territorio de enfrontamento ao neoliberalismo. Non se pode obviar que da madureza dos movementos sociais, da súa capacidade e desenvolvemento futuro, penden moitas das posibilidades dun combate exitoso contra a expansión do capitalismo na súa actual vertente neoliberal. Niso, o movemento sindical, tanto por traxectoria histórica como por peso cuantitativo e cualitativo, está chamado a ser un actor fundamental. E sería ben que as organizacións que o conforman teñan altura de miras abonda para actuar en consecuencia. Ante este Primeiro de Maio que chega, os traballadores e traballadoras do mundo debemos telo presente. Polo ben dos nosos intereses de clase e polo desoutro mundo posíbel.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2006 |
||||
|