Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 13 de abril de 2006

Proxecto de lei do Estatuto dos cidadáns españois no exterior
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Carne dun neno, clic para aumentar
Carné do Centro Galego de La Habana dun neno. 1927. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
O artigo 2. a) do Estatuto da Irmandade Galega de Venezuela di que a finalidade da Asociación é: fomentar, divulgar e defender o idioma e a cultura galegas, e os valores autóctonos de Galiza; promover a nosa cultura dentro de Venezuela e efectuar intercambios culturais cos demais pobos iberoamericanos e outros afíns; crear centros de cultura, con especial dedicación a Galiza e a Venezuela.

Sirva este limiar para deixar ben escrito cales eran as intencións dos galegos e galegas que, unha vez emigrados, decidían construír e desenvolver asociacións en América e en Europa.
O parágrafo b) do mesmo artigo fala das finalidades asistenciais da Asociación: “promover a creación de servizos médicos asistenciais, de previsión e axuda aos asociados e aos galegos en xeral”.

Os nosos emigrantes tiveron aquí tamén un espírito da lei e da primacía de certos valores sobre outros. Colocaron antes, en lugar destacado, a defensa e cultura de Galiza, o noso idioma e os nosos valores que a asistencia sanitaria. Velaí os valores que non están recollidos no proxecto de lei do Estatuto dos cidadáns españois no exterior.


  Estatuto da Irmandade Galega de Venezuela, clic para aumentar
Capa do Estatuto da Irmandade Galega de Venezuela, fundada en 1960, froita da fusión do Lar Gallego, Centro Gallego e Casa Galicia.
 
Algunhas consideracións verbo da emigración e o retorno no proxecto de lei do estatuto

Entendo aos cidadáns como iguais e eloxiei o nome do proxecto de lei. Declarei ante a Comisión que tivera a oportunidade de revisar varias das comparecencias anteriores á miña, entre elas a do actual presidente do Consello Xeral da Emigración, Francisco Ruíz, quen asegurara ante esa mesma Comisión do Congreso dos Deputados que hoxe os españois “xa non teñen a obriga de emigrar e saen ao estranxeiro por outros motivos”. Mostreime totalmente en desacordo con esa falsa idea que trata de ocultar a endémica emigración que sofre Galiza coa recente chegada de retornados, que fixo do noso país a primeira receptora até 2004, e o ano pasado 2005, a segunda despois de Madrid.

Lembreille á Comisión do Congreso que, entre os anos 1991 e 2003, 171.000 galegos e galegas tiveron que emigrar, por moito que se trate de disfrazar esta emigración con neoloxismos como “mobilidade laboral”.

Fixen mención ao segundo centro galego máis antigo do mundo, 1901, que está precisamente dentro das nosas fronteiras estatais, en Barakaldo. Ninguén, no século XIX, describiría os milleiros de traballadores galegos e galegas de Euskal Herria como outra cousa que non fose emigrantes.

Considero que no Preámbulo do Estatuto debe figurar un recoñecemento expreso á obra de todos estes homes e mulleres que, analfabetos, desherdados, desnutridos e abandonados por un Estado que nunca lles deu nada e lles negou todo, souberon na emigración construír escolas para reeducar, sanatorios para se curar e panteóns nos cales enterrar os seus mortos. Todos estes emigrantes anónimos viven nestes centros diseminados pola xeografía de América e Europa, que hoxe o Estado español trata de aproveitar para dar asistencia aos seus descendentes e aos poucos sobreviventes que acertadamente o Estatuto considera parte dun “éxodo”.

  Casa de Galicia, clic para aumentar
Casa de Galicia en Bilbo. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Cómpre ter en conta que para o Estado español continúa a ser unha fonte de ingreso as remesas que os emigrantes españois mandan ao seu país de orixe, remesas que en 2005 atinxiron os 4.172 millóns de euros, cantidade que converte ao Estado español no sétimo receptor de remesas de emigrantes no mundo.

Considero que moita da problemática do retorno e da emigración non se amaña coa creación de novos organismos, coma a Oficina do Retorno, senón coa dotación de persoal e medidas axeitadas ás novas realidades. A dotación de máis persoal nos consulados en Latinoamérica, de máis persoal no Rexistro Central en Madrid, a sinatura de convenios de recoñecemento de sentenzas e outras medidas revertería na mellora da calidade de vida do retornado e da retornada.

Non quero comezar coa ladaíña da nacionalidade para os netos, moi xustificada sen embargo, ou a asistencia sanitaria no exterior, a igualación das pensións ou a eliminación de impedimentos temporais para o cobro de pensións non contributivas; sei, dentro dun discurso centralista e homoxeneizador que parece que esa é a única necesidade da emigración, por iso quixen comezar co Estatuto da Irmandade Galega de Venezuela de 1960; cando non se pedía nada ao Estado e as necesidades eran máis grandes e urxentes ca hoxe, prevaleceu o amor a valores superiores como son a identidade e a cultura.


  Manuel Martínez López, clic para aumentar
O meu avó Manuel en Cuba. Fuxido dende o seu natal Agroxoi (Lugo) ante as levas á guerra de África do Borbón Alfonso XIII viviu con papeis cubanos até a súa morte. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Cultura e identidade: a multinacionalidade do Estado español na emigración

Coido, con urxencia, que cómpre a inclusión no articulado do capítulo III, artigos 22 ao 24, do Estatuto dos cidadáns españois no exterior, de normas que recoñezan a multiculturalidade do Estado español, así como a súa multinacionalidade na emigración. Os símbolos de identidade de Galiza proveñen, todos, da emigración. Dende o himno á bandeira, pasando pola Real Academia Galega até os monumentos, as editoriais e tantas outras cousas.

As institucións galegas en América, en cuxos estatutos está estipulado que a súa razón de ser é Galiza, a súa cultura e a súa identidade, en ningún momento nomean a cultura ou a identidade española, como se fai no Estatuto dos cidadáns españois no exterior.

Non podemos agora, debido as difíciles circunstancias das sociedades galegas no Río da Prata ou doutros lugares de América, borrar esa finalidade e esa razón de ser das sociedades galegas para substituíla por outra identidade cultural como a española, que nega á orixinaria intención dos emigrantes fundadores.

Non se trata de negar a pertenza a un Estado como o español, senón, nun primeiro lugar, de non traizoar o espírito da norma dos fundadores destas sociedades das que quere facer uso o Estado español e de pertencer a un Estado que cultiva e fomenta as identidades nacionais e idiomáticas como partes dun todo enriquecedor.

  Casa Galicia de Nova Iorque, clic para aumentar
Casa Galicia de Nova Iorque.
 
Enténdese que a diferenza e o multiculturalismo e a interculturalidade están ben como elementos do discurso “progre” pero non se acepta nin está ben cando se trata de reflectir a realidade rica e variada dentro das nosas fronteiras, que foi trasladada coa emigración aos países de acollida.


A imaxe do Estado español na emigración a través da televisión pública

Un reflexo desa desastrosa imaxe “cultural” española é a da institución pública Televisión Española Internacional nas súas emisións para América. Nelas, unha cultura totalmente cañí, estrafalaria, de mal gusto e totalmente en español, trata de nos facer crer que esa é a única cultura do Estado e que os galegos e galegas que emigraron a América, por non dicir a outras partes, son membros desa mesma cultura. Volvendo ao Estatuto das Sociedades de emigrantes galegos e galegas en América, vemos que eles e elas non pertencen á cultura que o Estado trata de difundir como propia dos habitantes destes Estados. Por que entenderon os nosos emigrantes a diferenza cultural a comezos do século XX e o noso Estado non a entende a comezos do XXI?


Vítimas do xenocidio, por unha emigración sen exiliados nin emigrantes

O proxecto de lei do Estatuto dos cidadáns españois no exterior debe equiparar en valor o emigrante e o exiliado, debe entender que ambos, un por causas económicas e o outro por causas políticas, eran involuntariamente separados do seu medio. Non hai desterrados de primeira e segunda categoría.

Por último, seguindo a proposta de moitos vidos de Latinoamerica e de Suíza, o Estatuto dos cidadáns españois no exterior debe facer un recoñecemento expreso a todos aqueles emigrantes e descendentes de emigrantes que foron torturados, asasinados e desaparecidos en democracias nominais, como a venezolana de 1958 a 1999, ou ditaduras como a uruguaia e a arxentina, as súas mortes, desaparicións e torturas nunca deben ser esquecidas.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta