|
Actualidade CIG-Comunicación-
Culatazos, porrazos, pelotazos de goma... Os antidisturbios utilizaron todo o arsenal dispoñíbel para empregarse a fondo contra os traballadores e traballadoras do metal nunha carga policial descrita como “brutal” por todos os presentes. A violenta reacción da policía ocorría cando os arredor de 8.000 operarios do Metal se achegaban á Estación do Ferrocarril de Vigo, a onde se dirixían en manifestación tras celebrar diante do Concello unha asemblea, ao igual que viñan facendo desde a primeira xornada de folga. Porén, desta volta, unha longa fileira de antidisturbios agardaba a súa chegada. Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva, que estaba na primeira fila cando comezou a carga, conta que se achegaban ás inmediacións da Estación cando foron detidos por un cordón policial que comezou a empurralos para atrás mentres a masa manifestante continuaba avanzando cara adiante. “Nese intre iniciouse a carga. Cortaron a un primeiro grupo para separarnos. Corrimos escaleiras arriba, fronte a Estación. Ao meu carón déronlle un culatazo a un rapaz en plena cara. Máis adiante déronlle a outro nun ollo cunha pelota de goma. Disparaban a menos de tres metros. A outro desprazárono coa forza dun pelotazo no peito. Fraccionámonos, pero seguiron as cargas por distintas rúas da cidade. Xa na Praza de España un furgón policial atropelou a un compañeiro. Aos outros tres que ían con el deulles tempo de saltar e evitar o atropelo. Aquelo foi unha carnicería”. Resultado desta carga foron os 10 feridos que precisaron de intervención médica e numerosos contusionados. Á noitiña de onte, dous deles continuaban ingresados en estado grave: o que recibíu o impacto da pelota de goma no ollo e o rapaz atropelado pola propia policia.
Ademais dos feridos e contusionados, a policía detivo a 13 dos manifestantes. Alcántara denuncia que “ás 21:00 horas aínda non permitiran ningunha comunicación con eles. Nin sequera ás familias para coñecer o seu estado”. Os avogados solicitaron o ‘Habeas Corpus’, un recurso legal que obriga á intervención inmediata dun xuíz que ten que comprobar se a detención é correcta, se as causas da retención se ateñen á legalidade e se os dereitos dos detidos están garantidos. Alén diso, a CIG presentou unha denuncia por manter aos traballadores incomunicados durante unhas oito horas.
Ás 17:00 horas estaba previsto que se inciaran as negociacións entre as partes implicadas, patronal e representantes dos traballadores. Dadas as circunstancias a esperada negociación non se chegou a producir. O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG explica que “cando chegaron os representantes da patronal comunicámoslles que nin era o momento, nin se daban as condicións, nin tiñamos a serenidade necesaria para abordar ese proceso. Ademais, as centrais sindicais acordamos non sentarnos a negociar mentres non estean liberados todos os compañeiros”. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2006 |
|||||||||
|