|
Actualidade CIG-Comunicación-
A CIG presentaba, en rolda de prensa, a súa posición contraria á Reforma Laboral asinada o martes 9 de maio por CCOO, UGT, CEOE e goberno. Unha sinatura á que se chegou tras dunha longa negociación da que foron excluídas polo goberno as centrais nacionalistas ELA e CIG, malia ter a condición de máis representativas; que se desenvolveu en segredo absoluto e da que nin se informou aos traballadores e traballadoras. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, e Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas foron os encargados de explicar as razóns polas que a central sindical se opón a esta nova reforma que, en síntese, vén a afondar máis aínda na vía de contrarreformas laborais anteriores.
Este Acordo asinado polas centrais sindicais CCOO e UGT, a patronal e o goberno introduciu o chamado contrato de fomento da contratación indefinida. Unha modalidade que reducía as indemnizacións por despedimento de 45 días por ano traballado a 33 e as indemnizacións dun máximo de 42 a 24 mensualidades. Na actual reforma o que se fai é estender esta modalidade de contratación partindo de que a anterior –a do 97- foi positiva e hai que afondala. Deste xeito, segundo explicou Suso Seixo, amplíase “unha modalidade de contrato indefinido que abarata o despedimento”, satisfacendo así as demandas da patronal que levaba anos pedindo máis flexibilidade nesta materia. CCOO e UGT tentan xustificar esta ampliación argüíndo que deste xeito se fomentará a contratación indefinida, rematando así cos altos índices de temporalidade. Porén, a experiencia evidencia unha realidade ben distinta. Seixo lembra que no ano 1997, cando se asinou o Acordo de Estabilidade “a temporalidade era do 34,3% en Galiza e agora non só non diminuíu senón que mesmo se incrementou pasando a ser do 35%”. Alén diso, no ano 2001, cando se acordou incrementar os colectivos aos que se lle podía aplicar esta modalidade de contratación a CIG convocou xunto coa UGT unha folga xeral denunciando esa ampliación. Daquela a UGT manifestara, mesmo a nivel estatal, o seu rexeitamento a ese acordo, porque dicía que era enormemente negativo.
Desde que entrou en vigor o Acordo de Estabilidade até o ano 2005, a patronal recibiu, a nivel estatal, en concepto de bonificacións por cotizacións á Seguridade Social, da orde de 17.453 millóns de euros, aproximadamente 3 billóns de pesetas. Cantidade á que habería que engadir as subvencións recibidas nas diferentes comunidades autónomas. No caso de Galiza, o acordo asinado entre CCOO, UGT, patronal e Xunta contemplaba para o período de vixencia, que era de catro anos, preto de 25.000 millóns de pesetas en concepto de subvencións aos empresarios, que serían complementarias a este tipo de bonificacións do Estado. “Subvencións que non redundaron na redución da precariedade nin da temporalidade do emprego”, afirma o secretario xeral da CIG. Agora vaise producir un transvase a maiores de recursos á patronal, xa que se antes esas bonificacións eran por un máximo de dous anos agora amplíanse a catro anos, co que as contías a percibir serán superiores. Tal é así que xa para o ano 2006 está prevista unha partida orzamentaria de 2.500 millóns de euros destinados a subvencións a empresarios pola contratación. O secretario xeral da CIG explica ademais que “xunto a estas bonificacións, os empresarios van ter outras vías importante de recursos, como a redución ás cotizacións por desemprego, por formación e por FOGASA (Fondo de Garantía Salarial)”.
Ramiro Oubiña afondou aínda máis nos beneficios empresariais indicando que se xa a actual lexislación facilita o despedimento agora case se gratifica. Segundo Oubiña o propio marco xurídico actual constata que na práctica o despedimento é libre xa que só existen certos impedimentos cando se trata dun despedimento “caprichoso”, ou o que é o mesmo, que non ten causa fundamentada que o xustifique. “O que se fai con esta reforma é favorecer e abaratar precisamente o despedimento caprichoso que fan os empresarios”, afirmou. Deste xeito, o secretario confederal de Finanzas explicou que se cuantificamos as subvencións que os empresarios van recibir por asinar contratos de fomento do emprego indefinido, que contemplan unicamente indemnizacións de 33 días por ano traballado o resultado é que se unha empresa mantén a ese traballador ou traballadora durante 6 anos e efectiviza o despedimento ao día seguinte, saíulle gratis. “O que facemos é socializar a precariedade, ímoslle pagar aos empresarios o despedimento o conxunto da sociedade, porque previamente fixemos nós chegar os cartos ás súas arcas”.
Ao igual que se afirma que se rematará coa contratación temporal tamén se asegura que con esta nova Reforma Laboral diminuirá a rotación. Até o de agora a modalidade de contratación por circunstancias de produción impedía encadear contratos por un período superior a 6 meses durante un ano. “Isto estaba a provocar unha fraude enorme na contratación, porque era evidente que se estaban superando amplamente os límites dos seis meses” sinalou Seixo engadindo que “o que fan agora é legalizar esa fraude na contratación posibilitando ese encadeamento até os 24 meses por un período de 30 meses. Iso non garante para nada a fixeza dos contratos”. Para Seixo o problema é que non se establece a fixeza no posto de traballo, senón no contrato. De feito e, a modo de exemplo, explicou que se na vez de ter a un traballador encadeando contratos 24 meses téñeno 23 meses e nese momento pasan a contratar a outro traballador seguen mantendo a mesma temporalidade. Pola contra, se o que establecera a fixeza fora o posto de traballo ao despedir a un traballador contratado a esas alturas e contratar outro tería que entrar xa cun contrato indefinido. Para evitar esta fraude, a CIG leva anos demandando a causalidade da temporalidade, ou o que é o mesmo, que só se podan facer contratos temporais cando exista unha causa que xustifique realmente ese carácter temporal. “O que non se pode permitir é que se fagan contratos temporais cando a actividade que se desenvolve é unha actividade estábel e unha actividade produtiva fixa”. A este respecto, Oubiña salienta que a fraude deste tipo de contratación no marco das empresas é tamén consecuencia da “pasividade da Inspección de Traballo e da propia administración”. Para o secretario confederal de Finanzas “este é un estado de dereito que articula medios para que as normas se cumpran. Porén, a maioría dos traballadores que están inmersos no encadeamento de contratos tiñan que ser indefinidos”. A constatación desta situación é que cando os traballadores recorren aos xulgados o resultado é que nas sentenzas se resolve que son indefinidos. A modo de exemplo subliña que se nun posto de traballo en 18 meses pasaron por alí dúas persoas pero o contrato é o mesmo, a xurisprudencia acredita que esa é unha fraude na contratación. “Agora automaticamente se legaliza esa situación”.
Aínda que se introduce unha regulación das subcontratas para evitar o encadeamento de contratacións e subcontratacións que hai nas empresas, que son causa principal da precarización das condicións laborais e da temporalidade no posto de traballo, esta suposta reforma non adopta realmente medidas destinadas a combater esa situación. Por que CCOO e UGT asinan este acordo se non garante combater a precariedade? A CIG entende que CCOO e UGT asinan este acordo condicionados pola dependencia económica e política que teñen. “Non pode haber outro tipo de causas que permitan xustificar condutas tan descaradas de venda dos intereses da clase traballadora”, afirma Seixo. Deste xeito, o secretario xeral da CIG entende que no caso de UGT, detrás desta sinatura estaría o recente acordo do goberno de devolverlle o patrimonio histórico. UGT tiña un déficit acumulado de 50.000 millóns de pesetas derivado do conflito da PSV, xustamente a cantidade en que o goberno valora a súa débeda histórica. Se por parte do ICO se executara esta débeda a UGT estaría na quebra e “o goberno acaba de facerlles o favor de pagar esa débeda. Supoñemos que a UGT asinando este pacto o que fai é devolverlle ao goberno o favor que lle fixo”, afirma Seixo. Este tipo de acordos teñen moito que ver co control sobre os fondos destinados á formación. Non é casual que antes de asinarse este acordo se asinara un acordo de Formación profesional para o emprego, no que se van mover da orde de 1.200.000 euros. Nese acordo vaise facer unha reserva para a xestión dun tercio dos recursos por parte das confederacións estatais de CCOO, UGT e CEOE. Segundo os cálculos da CIG, o ano pasado cada sindicato tería xestionado neste concepto unha cantidade aproximada de 25.000 millóns de pesetas. Un transvase de fondos que incumpre sentenzas do Tribunal Constitucional, que obrigaba a transferir os recursos de formación continua ás comunidades autónomas. Seixo e Oubiña anunciaron ademais que o próximo luns día 15 de maio reunirase o Secretariado Confederal para valorar as medidas que se adoptarán desde a CIG para contestar a esta reforma. Alén diso, Oubiña adiantou que a CIG porá en marcha unha campaña no país desenmascarando o contido da reforma e as graves repercusións que terá para a clase traballadora.
|
||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/05/2006 |
||||||||||
|