|
Actualidade CIG-Comunicación-
Dende a Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG queremos amosar a nosa SOLIDARIEDADE cos traballadores e traballadoras do Metal da provincia de Pontevedra. Lembramos que estes compañeiros e compañeiras están nunha folga derivada da negociación do seu convenio colectivo e que, entre outras cuestións, as súas principais reivindicacións son rebaixar a precariedade no seu traballo e a mellora das condicións de saúde e seguridade no mesmo. Son unha constante os accidentes laborais que moitas veces son irreversibles cando se trata da perda da súa vida. O Convenio do Metal, ao longo do tempo, sempre foi un referente na negociación colectiva na provincia de Pontevedra, e un exemplo para o resto dos sectores, nos que aproveitamos as súas loitas para mellorar as nosas condicións laborais. Ao mesmo tempo, condenamos a actuación desproporcionada e carente do máis mínimo sentido da policía nacional, cando o luns día 8 cargaron contra a manifestación do sector que, de forma totalmente pacífica, transitaba polas rúas de Vigo. Lembramos vellos tempos (ano 72) nos que a represión sindical e política se facía eco da ditadura do franquismo. As consecuencias desta nova carga policial foron varios feridos de consideración, con malleiras e atropelos a persoas que, en moitos casos, non tiñan ningún tipo de vinculación co conflito, incluso persoas maiores que esperaban polo transporte urbano. Este tipo de actos non debe quedar na impunidade
e as persoas responsables, incluída a Subdelegación do Goberno, deben dimitir dos seus cargos por
atentar contra un dos dereitos democráticos fundamentais establecidos na lexislación, que é
o dereito á folga. Para rematar, unha vez máis, damos as grazas aos traballadores e traballadoras do Metal pola súa loita reivindicativa mantida ao longo dos anos para conseguir a mellora das condicións laborais e sociais da clase obreira.
|
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2006 |
|||||||||
|