|
Actualidade CIG-Comunicación-
No sector do Metal de Pontevedra, no que a CIG representa o 50%, con 6 dos 12 representantes na Mesa de Negociación, acaban de rachar as conversas ao non chegarse a un acordo en materia de incrementos salariais e ao manterse as diferenzas no que respecta a clasificación profesional e IT. Unha das principais demandas, sobre a que xa se produciu un importante avance, é na regularización en materia de contratación. A CIG defendía a necesidade de que se diminuíra a precariedade, recoñecéndose en convenio o incremento do número de traballadores indefinidos en cadro de persoal. Sobre este punto, segundo explica Manolo Simón, secretario comarcal do Metal de Vigo, a patronal aceptou que a porcentaxe de traballadores indefinidos quedara fixada no 50%. Outro dos aspectos que se consideraban indispensábeis para chegar a un acordo, e que a patronal tamén está disposta a aceptar é a establecer como condición a subrogación entre subcontratas. É dicir, establecer un criterio de antigüidade no que prevaleza a data do primeiro contrato de traballo en diferentes empresas que forman grupo. No sector do Metal, unha empresa pode estar dividida á súa vez en varias empresas. O que se pretende é que a antigüidade sexa a do primeiro contrato asinado na primeira das empresas, para reducir así a precariedade laboral. Tamén houbo aproximación na demanda de que se fixara como criterio na contratación a antigüidade no sector, para garantir que os traballadores de máis idade puiedran ter continuidade de traballo e chegar a acceder aos dereitos de xubilación parcial. A patronal aceptaría unha redución de xornada de 4 horas cada ano, chegando ás 12 horas nos tres anos de vixencia do convenio. Porén non está disposta a ceder na súa demanda de que se cree unha bolsa de 200 horas, o que provocaría unha flexibilidade horaria que, para a CIG é inaceptábel. Tampouco se conseguiu chegar a un acordo no que respecta a incrementos salariais. Na táboa reivindicativa establécese a necesidade de que se aprobe un incremento salarial de 800 euros o primeiro ano e do IPC real máis 1,5 puntos os dous seguintes de vixencia do convenio, como forma dos traballadores recuperar a súa capacidade adquisitiva. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/05/2006 |
||||
|