|
Actualidade CIG-Comunicación-
Abelardo Landeira, secretario nacional da Federación de Químicas e Enerxía da CIG, vén de facer unha análise dos diferentes Planos do Carbón asinados e da sistemática marxinación que ten padecido Galiza por mor do desinterese dos sindicatos CCOO e UGT. Desta análise tírase que no plan Carbón de 1998-2005, en Galiza perdemos 140 millóns de euros para infraestruturas, dato recoñecido polo propio Ministerio de Industria, xa que dos 204 millóns de euros que nos corresponderían só recibimos 64 millóns. Os sindicatos asinantes, CCOO e UGT no Plano do Carbón 2006-2012, non reclamaron nada do perdido no anterior plan. Porén, tal e como explica Landeira, “si rexeitaron a participación da CIG en ambas as dúas negociacións, sabedores de que somos o sindicato maioritario, porque non querían testemuñas da falta de responsabilidade e rigor que amosaron non defendendo as cantidades que tiñamos asinadas e que se perderon”. Nas negociacións estiveron representadas as federacións de Asturias e Castela-León de UGT e CCOO e así se fai constar nas Actas coas súas sinaturas. “Os de Galiza nin sequera aparecen como representantes da súa terra. Nin a súa propia discriminación sindical interna foron quen de defender”, afirma o secretario nacional de Químicas e Enerxía da CIG. No plano do Carbón 2006-2012 en Infraestruturas descoñécese o fondo total. Só se adicaron cantidades para os anos 2006 (250 millóns de euros) e 2007 (a mesma cantidade). Se a Galiza lle corresponde o 4,7% serían 23,5 millóns de euros para o bienio 2006-2007. Baixo o suposto anterior, é dicir, co 4,7% recibiríanse 79,43 millóns de euros do Plano 2006-2012. En proxectos de Investimento Empresarial, como no caso anterior, só se concretan os dous primeiros anos 2006-2007, con 150 millóns de euros cada un. Neste suposto, para ese período corresponderían a Galiza 14,1 millóns de euros. Deste xeito, recibiriamos para todo o Plan 46,06 millóns de euros para proxectos de Investimento Empresarial. Pero “os fondos destes proxectos fican territorializados”, explica Landeira, “e o seu reparto final dependerá dos proxectos que se presenten”. Para Formación, para o conxunto do Estado, asináronse 40 millóns de euros ano, é dicir, 280 millóns até 2012. No plano anterior (1998-2005) tiñan dereito a acollerse os concellos mineiros (As Pontes e Cerceda) e os limítrofes, sen distinción. No novo Plano realízase unha discriminación entre concellos: moi mineiros, limítrofes e outros, con asignacións do 100%, do 50% e do 25% respectivamente, co límite que marque a UE. Nesta nova situación, Galiza só ten dous concellos que poden chegar ao 100%, o que vai limitar as posibilidades de utilizar os fondos asignados nesta partida. Tampouco non se modificou o dato de perda de emprego previsto entre 2006 e 2012, que cuantifica para Galiza en 200 traballadores e traballadoras, cando a referencia correcta son 350 traballadores e traballadoras, segundo os datos aportados polas propias empresas. Con esta corrección, en Galiza pasaríase dunha porcentaxe do 4,7% ao 6,6% dos fondos de infraestruturas. “Supoñendo que o fondo fose de 1.690 millóns de euros, pasariamos dos 79,43 millóns de euros a 111,54 millóns de euros”. Neste novo Plano recóllese un compromiso global de 1.700 incorporacións á minería, tendo como referencia o persoal excedente, as subcontratas e traballadores e traballadoras externos. Landeira salienta que “como este compromiso non está territorializado, non sabemos a que atermos e sería bo que aclararan os asinantes. Non vaia a ser que se estea vendendo fume aos traballadores/as das contratas”. Definíronse ben as prexubilacións dos traballadores/as das empresas mineiras, “porque non se fixo igual cos traballadores/as das contratas?” pregunta Landeira, “consideramos que non foi un esquecemento” engade e matiza que “a CIG vai reclamar que se clarifique o futuro destes traballadores/as”. O secretario nacional da Federación de Quñimicas e Enerxía denuncia que “porén, do que non esqueceron do de plasmar un trato de favor con CCOO e UGT, con achegas de fondos coa desculpa da prestación da prestación de servizos nos seus locais e coa creación dun Observatorio dotado de orzamento propio”. Neste novo Plano créanse mesas chamadas “rexionais” para os sidnicatos asinantes do mesmo. Isto implica que a CIG quedará marxinada malia ser o sidnicato maioritario no carbón e mesmo contradicindo o que foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2006 |
||||||
|