|
Actualidade CIG-Comunicación-
A manifestación estivo encabezada por unha única pancarta en denuncia da brutal e desproporcionada actuación policial. Ademais, os manifestantes demandaron que se depuraran responsabilidades e a dimisión tanto do delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, como do subdelegado do Goberno, Delfín Fernández. Ao remate da marcha o xornalista Serafín González, de Radio Nacional, foi o encargado de ler o manifesto. “Foi unha carga política” afirma Manolo Simón, secretario comarcal da Federación de Metal da CIG. “Estaban presionando tanto Citroën como a Alcaldía ao subdelegado do Goberno para que adoptara medidas. Citroën, ademais, non só presionou ao subdelegado senón máis arriba, mesmo en Madrid, logo de que lle paralizáramos a produción durante dous días, simplemente cortándolle os tráficos nos arredores. Non quería que se chegara a materializar a folga convocada para uns días despois en todo o sector, incluída a planta de Citroën, e mobilizou todo o que puido para que cargaran”. E conseguiuno. Foi unha carga descomunal. A policía xustificouna argüíndo que se trataba de impedir o acceso á Estación de Trens. Porén, non se limitaron a disolver a manifestación deixando unha vía de escape. Neste caso rodearon aos traballadores desde a entrada principal de Renfe, desde o muro de arriba da Estación, desde a rúa Lepanto, por todos lados... Unha estratexia que para o secretario comarcal do Metal de Vigo constata que non se trataba de disolver a manifestación senón de mallar aos traballadores para amedrentalos. Alén diso, Manolo Simón lembra que tras da carga inicial, logo se iniciou unha persecución por toda a cidade. “A única lectura que se pode facer é que intentaban dispersar e esmagar coa pretensión de que ao día seguinte non quedara case ninguén mobilizándose na rúa, que os traballadores quedaran na súa casa. Pero non o conseguiron. Ao día seguinte había non só as mesmas persoas senón que se sumaron máis”. Pola súa banda, Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, considera que a carga policial “non foi un problema dos traballadores e traballadoras do metal senón un problema cidadá. A brutalidade da carga foi tal que non se pode consentir que a policía ou os antidisturbios actuen con esa impunidade sen que ninguén asuma ningún tipo de responsabilidades e que aquí non pase nada”.
Abraldes lembra que a carga se saldou cun compañeiro ferido nun ollo; un atropelado por unha furgoneta da policía –non vítima dunha pedrada dun compañeiro, como se intentou xustificar- con fracturas, magulladuras...; un rapaz con fractura de peroné por un pelotazo de goma; un ferido por un culatazo na cabeza que precisou 12 puntos de sutura e múltiples contusionados. Ademais, polo local da CIG de Vigo pasaron numerosas persoas afectadas que non tiñan relación directa co conflito e que se viron implicadas na carga indiscriminada. De feito, dúas rapazas presentaron denuncia porque recibiron unha malleira cando baixaban do bus coincidindo co momento no que comezou a carga. Porén, o caso máis escandaloso para o secretario comarcal da CIG de Vigo foi o de tres traballadores da construción afiliados da CIG, que saían da obra na que estaban nese momento, a carón da Gran Vía, e que recibiron unha impresionante malleira co resultado de tres dedos da man dereita fracturados, nun caso; dous dedos tamén da man dereita noutro e unha luxación no terceiro. “A estes tres mazáronos”, di Abraldes, quen engade que “o seu único delicto foi ter aspecto de traballadores e pasar por alí, o que demostra que a policía se asaña especialmente cando se trata de traballadores”. |
|||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/05/2006 |
|||||||||||||||
|